Sábado 7 Marzo 2026

Podcast | Como a tecnoloxía (e a colaboración) melloran a resposta ante os desastres naturais

Os investigadores do CITIC Miguel Luaces e Elena Hernández explican o proxecto ATEMPO para optimizar as actuacións de emerxencia

O 29 de outubro unha DINA provocou riadas catastróficas en Valencia que deixaron máis de 200 mortos e incuantificables danos materiais. Polo tipo de solo e as características propias de Galicia, non se adoitan dar as inundacións propias do Levante. Mais hai outro desastre natural recorrente: os incendios. As vagas de 2006 e 2017 están gravadas a lume na memoria dos galegos; testemuños directos da queima incontrolada de miles e miles de hectáreas do territorio, incluso en áreas protexidas. Co obxectivo de mellorar a resposta ante as emerxencias, concretamente as inundacións e os incendios, naceu o proxecto ATEMPO no que participa o CITIC e que fai uso da intelixencia artificial para optimizar as actuacións ante as catástrofes.

Precisamente é este proxecto o gran protagonista do sétimo episodio da segunda tempada de O Descodificador, o podcast de GCiencia en colaboración co CITIC. Neste capítulo contamos cos investigadores Miguel Luaces e Elena Villanueva do centro coruñés que forman parte da iniciativa transfronteiriza. Non só participa Galicia, senón que se traballa man a man con expertos de Portugal e Castela e León. O motivo é obvio: “Os desastres naturais non entenden de fronteiras”.

Publicidade

Unha ferramenta integrada

“Estamos intentando predicir distintos tipos de incidencias. Queremos facer predicións precisas segundo as categorías e indo do máis xeral ao máis particular. Incorporar, así, un sistema de predición de incidencias para a xestión de recursos integrado nun cadro de mando”, explican os investigadores. Ese é o obxectivo do proxecto ATEMPO, que concluirá ao longo de 2025: a creación dunha ferramenta integrada que poidan empregar os dispositivos de emerxencias para responder da maneira máis rápida e eficaz posible ante un acontecemento extremo.

Con todo, o traballo ten os seus desafíos. Tanto Luaces, que se centra nos sistemas de control, como Hernández, que está especializada en intelixencia artificial, coinciden en que a principal dificultade do proxecto reside na obteción dos datos. “Non hai un repositorio único no que estea toda a información que precisamos”, lamenta Luaces. Hernández exemplifica a complicación desta tarefa ao mencionar os datos meterolóxicos, imprescindibles para facer predicións de inundacións de incendios. Hai que pedilos e descargalos dos sistemas correspondentes, que poden variar moito entre países e tamén entre comunidades autónomas.

Publicidade

Orientar os servizos de emerxencias

A fin de contas, a ferramenta que pretende deseñar o CITIC xunto aos seus socios do proxecto ATEMPO serviría para orientar os servicios de emerxencias do estado no que se atopa o acontecemento extremo e que protocolo teñen que seguir sen ter que consultar documentos de centos de páxinas. De igual modo, un sistema de recomendación da forma de actuar, de saber que está acontecendo en tempo real e, idealmente, de como se poderían xestionar os recursos unha vez que cesaron as chuvias ou se mitigaron os lumes. Un proxecto aínda, pero que abriga a posibilidade de que a actuación ante desastres como o de Valencia ou os recorrentes lumes de Galicia e Portugal se mitiguen da maneira máis rápida e eficaz posible.


Escoita O Descodificador en todas as nosas plataformas de podcast: 

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os solos galegos, ao límite: a chegada de novas borrascas dispara o risco de inundación nas Rías Baixas

As previsións alertan de posibles desbordamentos fluviais en concellos do sur de Pontevedra tras semanas de chuvias persistentes

Europa amplía o número de especies afectadas pola covid das plantas que ameaza Galicia

Un informe cifra en 728 os vexetais susceptibles á 'Xylella fastidiosa', unha bacteria que causa enfermidade grave e incluso a morte nalgúns cultivos clave para a economía comunitaria

A imparable expansión da covid das plantas: así se propagou ‘Xylella’ no norte de Portugal

A perigosa bacteria detectouse por primeira vez en Vila Nova de Gaia nunha planta de lavanda francesa en 2019

A perigosa bacteria que ataca os vexetais, ás portas de Galicia: “Non estamos preparados”

A 'Xylella fastidiosa' identificouse en case 600 especies e pode causar enfermidades graves e morte en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso e plantas ornamentais