Da Guarda a Barreiros: o mapa das praias afectadas por millóns de ‘pellets’

Unha vertedura do buque 'Toconao' provoca a chegada de bólas plásticas a todo o litoral galego dende o 13 de decembro

O 13 de decembro unha persoa paseaba pola praia de Espiñeirido, en Ribeira. Durante a súa andaina fixouse nun saco de rafia branco que contiña centos de pequenas bólas de plástico e decidiu avisar ao 112. Dende este primeiro avistamento, millóns de pellets chegaron ás costas galegas: primeiro detectáronse na ría de Muros e Noia pero agora xa se están espallando por toda a xeografía litoral de Galicia. Co obxectivo de identificar correctamente os puntos onde se atoparon as verteduras, a Asociación Noia Limpa e un grupo organizado de voluntarios están a elaborar mapas colaborativos para determinar en que praias galegas aparecen os pellets e, incluso, cales son os areais que xa se limparon e nos que aínda non se actuou. Dende a Consellería de Mar aseguran que hai un rexistro oficial das praias afectadas polas verteduras, que se elabora segundo os avisos que reciben do 112. Ao peche desta información, esta listaxe non se podía consultar en ningunha canle pública.

O primeiro saco que se atopou na praia de Espiñeirido estaba rotulado co nome de Bedeko Europe, unha empresa produtora e subministradora de materiais plásticos. Os pellets, dos que se descoñece a súa composición, comezaron a aparecer nas praias galegas despois de que o buque Toconao perdera seis contedores fronte ás costas de Viana do Castelo a principios de decembro. Un deles contiña uns 1.000 sacos de pellets, segundo confirmou o avogado dos armadores do buque nunha información recollida por Europa Press. Aínda que os responsables do Toconao asumiron os feitos, descoñecen se o contedor se afundiu. Con todo, aseguraron que se está a facer un seguimento da vertedura e puxéronse a disposición de asumir os costes dos labores de limpeza.

Publicidade

Aínda que a vertedura se detectou por vez primeira en Ribeira, praias de toda a xeografía galega están afectadas pola vertedura do Toconao. Segundo os mapas de Noia Limpa e dos voluntarios, identificáronse bólas plásticas na praia de Longara, en Barreiros, pero tamén en Area Grande, na Guarda. Estes dous puntos tan afastados tan só son os extremos dunha vertedura que se estende a toda Galicia: de norte a sur, sen escapar o Morrazo, a Costa da Morte, Ares, Valdoviño, Ortigueira e un longo etcétera. Ademais, estas bólas plásticas están chegando ás praias galegas tanto de forma dispersa como nas bolsas de rafia, que teñen unha capacidade de 25 quilos.

Dende a Asociación Noia Limpa, unha das entidades que está a facer un maior seguimento das verteduras, denuncian a falta de información oficial e urxen a que se determine que compostos conteñen os pellets. “Necesitamos saber xa que é o que levan; que non teñen ningún tóxico. Hai moita xente que as está tocando coas mans”, denuncian dende a entidade. Os membros da asociación recoñecen sentirse abrumados pola dimensión que está a adquirir o suceso e recoñecen que non pensaban que as verteduras do Toconao chegasen a espallarse por toda a costa galega.

Publicidade

Que son os pellets?

Os pellets son pequenas bólas que se utilizan como materia prima para a fabricación de todo tipo de plásticos. Porén, hai moitos tipos e poden ser moi diferentes entre si e, de momento, non se sabe de que están compostos os que están a aparecer nas praias galegas. Nos sacos de Bedeko Europe indícanse que conteñen estabilizadores UV —un composto químico para mellorar a resistencia á luz—, pero descoñécese os outros elementos que os forman. De igual modo, non se coñece o seu grao de toxicidade aínda que a Xunta confirmou este domingo que “de momento non hai constancia de danos na biodiversidade da zona”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os temporais reviven a crise dos pellets nas praias galegas

A asociación Noia Limpa alerta de que as bólas plásticas están chegando de novo aos areais e atribúeno ás últimas borrascas

Os pellets aumentan a súa toxicidade canto máis tempo pasan no mar

Un estudo da UVigo revela que as bólas plásticas son como esponxas e absorben substancias contaminantes, como os hidrocarburos

Que foi dos pellets: as seis grandes incógnitas do accidente do ‘Toconao’ un ano despois

As bólas plásticas chegaron de forma masiva a Galicia a comezos de 2024 pero a día de hoxe non se sabe onde están almacenados nin se existe un plan para a súa xestión

Denuncian que o poste dun pantalán leva máis dun mes na praia de Carril

Limpiarousa e Noia Limpa advirten que está composto por "materiais contaminantes" e acusan falta de compromiso ás administracións