O 15 de decembro apareceron na praia de Espiñeirido (Ribeira) uns sacos de pellets, que dende entón se están espallando por diferentes puntos da costa galega. Nun primeiro momento foron aparecendo nas praias da ría de Muros e Noia, pero a día de hoxe xa se rexistraron vertidos en areais da ría de Arousa e na costa da Morte. Dende a Asociación Noia Limpa notifican dende o primeiro día a aparición destas boliñas de plástico que proceden do buque mercante Tocano, da empresa polaca Bedeko Europe. A empresa avisou das perdas de varios contenedores que formaban parte da súa carga mentres navegaba en augas portuguesas. Para entender a súa magnitude medioambiental, “o primeiro sería facer unha análise da composición dos pellets”, confirma o biólogo do Instituto Cavanilles de Biodiversidade e Bioloxía Evolutiva (ICBiBE) da Universidade de Valencia (UV) Rafael Carballeira.
O vertido de pellets é un proceso frecuente dende a década dos 70. Trátanse dun tipo de contaminación mariña causada por residuos orixinados a partir das partículas que son empregadas na fabricación de obxectos plásticos a gran escala. Polo seu uso frecuente e o seu impacto medioambiental, a Unión Europea fixo unha regulación do seu uso. Estes pellets “supoñen un problema maior xa que poden concentrar produtos tóxicos no seu interior”, alerta o experto. Cando estas boliñas se atopan no océano, por afinidade química entre compostos, poden absorver contaminantes hidrofóbicos da auga do mar e, por conseguinte, transportar estas substancias. Iso fai que ás veces a concentración de substancias tóxicas no interior dos pellets sexa moito maior ca detectada na agua do mar circundante.
Ademais, unha problemática que se xera é que os organismos mariños poden confundir estes materiais con alimentos, polo que é frecuente atopar este tipo de residuos no interior destas especies. Ademais, seguindo coa cadea trófica, “estas substancias podemos acabar inxeríndoas os humanos”, explica o biólogo. E non só iso, “estes plásticos poden acabar degradándose e convertíndose en microplásticos“, unha fonte importante de contaminación nas vías fluviais e nos océanos e praias.
Como retiralos das praias?
“Todavía non se atopou un método eficaz para retiralo das praias, o esforzo que require retiralos é brutal”, afirma Carballeira. É por iso que hai moitas políticas recentes para tratar de limitar o uso destes pellets. As propias industrias do plástico entenderon a problemática á que se enfrontaban xa que é “moi frecuente que se perdan durante os transportes e o seu pequeno tamaño dificulta moito a súa retirada”. Neste sentido, tamén denuncian a situación dende a Asociación Noia Limpa: “É moi fácil identificar os sacos, pero cando estes están rotos espállanse as boliñas por toda a praia e é imposible de retiralas”. Dende a asociación informan que é unha competencia dos concellos retirar os residuos das praias e notifican que no Concello de Ribeira xa se fixo unha primeira inspección das praias para solventar o problema.
Dende a Xunta de Galicia informan que se “está a traballar na detección e seguimento da aparición destes materiais para a súa posterior retirada ou limpeza”. Nesa mesma liña, Gardacostas Galicia tamén está a realizar un labor de vixilancia no litoral para detectar a chegada destes materias. Con todo, as características dos pellets impiden que estes materias aparezan na superficie da auga, o que impide a “súa retirada por medios marítimos tendo que realizarse unha vez que estes plásticos chegan á costa”.
Non é comparable co ‘Prestige’
“Aínda que a magnitude do problema non é comparable coa do ‘Prestige‘, si que é certo que estes plásticos poden ter un efecto a medio longo prazo“, explica o biólogo. O combustible vertido no mar tiña compostos altamente tóxicos que tiñan un efecto directo. O biólogo recorda que “a día de hoxe as persoas que participaron na retirada do chapapote todavía teñen secuelas”. A masa de contaminante no caso do prestige era moito maior e os contaminantes tiñan un efecto directo sobre todo tipo de organismos, dende unicelulares ata o ser humano. Neste sentido, non podemos facer unha comparativa directa xa que aínda que estamos ante unha gran problemática non imos ver os efectos de forma tan inmediata. Pero iso non deixa de restar magnitude ao problema pola súa frecuencia.
A súa dispersión polas correntes maioritarias fai que estes residuos se espallaran xa por varios puntos da costa galega. Notificouse a recollida dun saco pechado nunha das praias de Niño de Corvo na ría de Arousa e tamén se atoparon restos de pellets na praia de Nemiña na costa da Morte. Dende a asociación Noia Limpa informan da realización dun mapa que actualizan case a diario coa dispersión destes sacos ao longo dos areais galegos.