As dez recomendacións para limpar as praias de ‘pellets’

Diferentes organizacións e asociacións comarcais organizan a retirada destes residuos que cobren os areais galegos

Cada vez é maior o número de areais polos que se espallan os pellets. A marea de boliñas de plástico que comezou o 15 de decembro nas praias da ría de Muros e Noia xa cobre case toda a costa galega. A problemática fixo que moitas persoas se animasen a acudir aos areais e, de xeito altruístra, tratar de limpar os resudios pola súa conta. Con todo, o descoñecemento destas substancias pode facer que a súa limpeza, ademáis de complicada —polo seu pequeno tamaño—, sexa contraproducente e incluso perigosa para a saúde. Plataformas como Noia Limpa, Plademar Muros-Noia, Ecoloxistas en Acción ou a Federación Ecoloxista Galega tratan de coordinar aos voluntarios para facer unha limpeza efectiva.

Existen a día de hoxe diferentes chats organizados por whatsapp e telegram para coordinar a limpeza de praias. A comunidade Limpeza de Praias (en whatsapp) organízase en 20 grupos diferentes nos que se informa da actividade de limpeza en toda a costa. Con todo, esta vía está saturada e xa non permite a unión de máis integrantes. Tamén existe un chat, Pellets Galicia, que a través de telegram coordina o voluntariado. Esta páxina conta cunha canle principal para novos integrantes e con subdivisións por comarcas para facilitar a organización de persoas. Ao chat sumáronse 393 membros e 20 grupos para as diferentes comarcas, un grupo para Asturias e outro para Portugal. Conta ademáis cun grupo para noticias de última hora e mesmo un grupo chamado ‘Praias’, no que se actualiza a información sobre voluntarios. Neste último grupo hai formularios para facer seguimento de vertidos, mapas dos areais afectados, e táboas para anotarse para a limpeza de areais.

Publicidade

Adicionalmente, a través de redes sociais —como Instagram ou Tiktok— asociacións, organizacións e mesmo algúns influencers, fanse eco do problema. Animan a todas as persoas a achegarse a praias que teñan preto para corroborar a chegada de pellets e, no caso, contactar co número de emerxencias (112). Con todo, a súa limpeza non é tan sinxela —xa advertía o biólogo Rafael Carballeira da falta de medios para facelo— e ademais, faise necesario seguir unha serie de recomendacións para realizala de xeito seguro. É neste contexto no que organizacións como Greenpeace deciden elaborar unha listaxe con dez de pautas para a limpeza dos areais.

Grupos coordinados

En canto a organización, recoméndase acudir en grupos coordinados de persoas e facer constancia no concello pertinente da intención de achegarse aos areais para efectuar a limpeza. Convén non masificar as praias e acceder polos lugares sinalados. Ademais, propoñen focalizarse nunha zona concreta mellor que dispersarse.

Publicidade

Tamén fan fincapé na necesidade de protexer a biodiversidade da contorna. É por iso que piden máximo coidado coa vexetación dunar —”non pisala nin achegarse a ela”, sinalan dende Greenpeace—. Igualmente, por suposto, co relativo á fauna. Recomendan “manter a distancia coas aves que se alimentan na liña de marea para non estresalas”. E, ademáis, no caso de atopar algunha morta, hai que avisar ao 112, sen recollela nin manipulala en ningún caso. Tamén se debe evitar levar cans.

No relativo á limpeza dos areais sinalan que é necesario o uso de luvas. Debido a que se descoñece a composición dos pellets e, polo tanto, a súa toxicidade, para manter a seguridade das persoas é necesario seguir esta recomendación. Ademais, non se deben retirar elementos orgánicos como poden ser cunchas ou algas. Só os pellets ou outro tipo de residuos como plásticos, redes. Indican tamén que non é convinte escarvar a area, senón que se debe limpar só a capa superficial.

Por último, unha vez efectuada a limpeza, hai que avisar ao número de emerxencias ou ao concello para depositar os pellets recolleitos. Estes residuos non van en ningún contedor de reciclaxe xa que son residuos industriais e non domésticos. Tamén, no caso de atopar un saco pechado de pellets hai que avisar ao 112 para que efectúen a súa retirada, xa que coa manipulación pode racharse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

A causa dos ‘pellets’ arquivouse, pero a contaminación continúa

A finais de 2023 o buque 'Toconao' perdeu seis contedores fronte ás costas portuguesas, e unha marea de bólas blancas de plástico comezou a chegar ás praias galegas

Unha investigadora da UDC mellora os envases alimentarios baseados en bioplásticos

A científica Anja Schmidt abre a porta ao deseño de recipientes activos con liberación controlada de antioxidantes ou compostos antimicrobianos

Un estudo revela o impacto dos grandes plásticos nos bancos de mexillón da ría de Vigo

As bolsas comerciais e as sedelas de pesca poden modificar procesos fisiolóxicos clave e a estabilidade estrutural do molusco