Sábado 27 Abril 2024

Un equipo da USC proba en peixes cebra substancias contra o dano medular

A investigación aborda tamén os posibles efectos secundarios dos tratamentos con antiinflamatorios non esteroideos

As prostaglandinas, substancias que producen os animais —entre eles os seres humanos—, xogan un papel clave para promover a xeración de novas neuronas na medula espiñal dos peixes cebra, segundo concluíu unha investigación realizada por un equipo da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que agora acaba de publicarse na revista Cell Proliferation. O traballo, titulado ‘An in vivo drug screen in zebrafish reveals that cyclooxygenase 2-derived prostaglandin D2 promotes spinal cord neurogenesis’, é da autoría de Laura González Llera, Daniel Sobrido Cameán, Ana Quelle Regaldie, Laura Sánchez Piñón e Antón Barreiro Iglesias, coordinador do equipo. Estes novos achados poderían ser cruciais no futuro para tratar pacientes con dano medular.

O estudo, segundo o profesor Barreiro, centrouse en “analizar o desenvolvemento do sistema nervioso” duns peixes tropicais coñecidos como peixes cebra, que se desenvolven moi rapidamente, e comprobar os efectos que producían neles diferentes fármacos, en concreto na produción de neuronas na medula espiñal, algo que facilitan estes peixes, xa que a súa pel é transparente. Un dos descubrimentos realizados foi que as prostaglandinas “promoven a xeración de neuronas na medula espiñal” deste tipo de peixes, mentres que fármacos antiinflamatorios non esteroideos coma o ibuprofeno inhiben a produción de prostaglandinas e reducen a xeración de neuronas.

Publicidade

A partir de aí ábrense novas vías de investigación. Por unha banda, será necesario realizar novos experimentos para comprobar se as prostaglandinas actúan igual en mamíferos e son tamén neles “unha vía de sinalización celular que promove a xeración de neuronas”, apunta o profesor, o que abriría a posibilidade de empregalas para promover a recuperación tras o dano medular. E pola outra, será preciso investigar se fármacos coma o ibuprofeno poden ter tamén nos mamíferos, e especialmente nas persoas, o mesmo efecto que nos peixes, o que podería facer recomendable unha maior restrición do uso destes fármacos por exemplo nas mulleres embarazadas ou a reavaliación do seu emprego no tratamento de lesións medulares.

Antón Barreiro e Laura González no seu laboratorio da USC. Foto: Santi Alvite.
Antón Barreiro e Laura González no seu laboratorio da USC. Foto: Santi Alvite.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Xaxún intermitente si ou non? Un estudo suxire que empeora a fertilidade

As dietas de restrición de alimentos por horas causan problemas na calidade dos óvulos e o esperma segundo unha investigación feita con peixes cebra

A degradación das máscaras causa problemas reprodutivos nos peixes cebra

Un estudo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo analiza os efectos dos refugallos plásticos neste animal, que ten similitudes xenéticas cos humanos

A campaña para investigar a enfermidade de Pelayo recada máis de 40.000 euros

A iniciativa de científicas da USC para estudar enfermidades raras con modelos de peixe cebra obtivo unha gran resposta na plataforma Precipita

Científicas de Lugo buscan financiamento para estudar enfermidades raras co peixe cebra

Un equipo da Facultade de Veterinaria impulsa un proxecto para buscar no 'Danio rerio' un tratamento ás alteracións xenéticas