Venres 29 Marzo 2024

A degradación das máscaras causa problemas reprodutivos nos peixes cebra

Un estudo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo analiza os efectos dos refugallos plásticos neste animal, que ten similitudes xenéticas cos humanos

A máscara converteuse en tempos de pandemia no noso accesorio diario máis empregado. O seu uso como medida sanitaria é indiscutible, pero o seu impacto no medio ambiente tamén. Durante estes dous últimos anos a fabricación e posterior manexo de residuos plásticos dun só uso para protexernos da Covid-19, converteuse nun problema ambiental do que aínda se descoñecen as consecuencias que terá nos diferentes ecosistemas e organismos.

Un estudo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, coordinado pola investigadora Marta Sendra, analiza os efectos que provoca a degradación das máscaras cirúrxicas na poboación de peixes cebra, por ser estes un organismo acuático que se vai ver afectado polos novos residuos e concretamente esta especie, por ser un modelo animal que comparte unha porcentaxe moi alta de xenes ortólogos co ser humano.

Publicidade

Consecuencias para o sistema reproductor

Os resultados desta investigación “póñennos en sobreaviso das consecuencias negativas que terá para o ecosistema mariño e os organismos que o habitan a exposición aos contaminantes das máscaras”, sinala a investigadora postdoutoral da Juan de la Cierva, Marta Sendra. A resposta biolóxica dos peixes cebra expostos á degradación das máscaras foi distinta da de aqueles que non o estaban. O achado máis relevante foron os problemas asociados á fertilidade e reprodución dos peixes, véndose afectadas todas as fases reprodutivas, dende a fabricación de gametos ata o que é en si a fecundación.

O sistema reprodutor dos organismos viuse máis comprometido en canto maior era o nivel de degradación da máscara, pois isto supón unha maior liberación de compostos orgánicos e inorgánicos (como microplásticos) na auga. Na análise transcriptómica (é dicir, a análise de todos os xenes que ten o peixe cebra), tamén se viron outras respostas biolóxicas relacionadas co sistema inmune, ao haber xenes antioxidantes que se viron modulados.

“A degradación de máscaras no medio ambiente vai ter unha pegada química”

Segundo Marta Sendra, se non se poñen medios para tratar a xestión de todos os produtos plásticos usados de forma masiva e a nivel mundial asociados á pandemia, enfrontámonos a un problema ambiental serio. “Non ter un sistema de reciclaxe efectivo para as máscaras, por exemplo, provocará consecuencias en todo o sistema acuático”, engade.

Xa imos con retraso na aplicación de medidas que freen o impacto xerado por estes novos contaminantes nos diferentes ecosistemas. A súa presenza no medio natural é evidente, basta pasear por un río, unha praia ou un monte para ver máscaras tiradas. Cal é o alcance do problema? Non se sabe aínda. Na opinión da investigadora, o primeiro paso é obter a información necesaria para responder a esa pregunta. E xa coas publicacións científicas na man, propoñer medidas compensatorias do dano causado e outras preventivas.

“En canto aos ecosistemas mariños, tería que haber polo menos campañas costeiras que eliminaran as máscaras que aínda non están degradadas”

Metodoloxía

Para a realización do estudo, a investigadora comezou por facer unha caracterización das máscaras cirúrxicas dun só uso. O que comprobaron é que na composición dos seus materiais había metais como manganeso, bario, aluminio, algo de cobre e de zinc, etc. Posteriormente, cortaron as máscaras en anaquiños moi pequenos e con eses anacos fixeron dous tipos de tratamentos: un cos triscos cortados de dous milímetros aproximadamente, postos en auga doce (Pobremente Degradada), e despois o outro cos anacos moídos, xerando un material moito máis desfeito na auga (Moi Degradada).

Estes dous tipos de tratamentos puxéronse durante sete días en contacto cunha máscara a degradar con luz ultravioleta C. Despois deses días, separouse a auga do material para poder analizala. “Aí puidemos ver que houbo algúns metais que se derivaron á auga, aínda que non foron moitos, e que houbo tres compostos orgánicos que se formaron a partir da degradación das máscaras”, sinala Marta Sendra. Á hora de realizar os experimentos, expúxose as larvas de peixe cebra durante dez días a tres tipos de augas: unha con concentración de anacos de máscara pobremente degradada, outra cunha concentración dos anacos de máscara altamente degradada e o último, só con auga filtrada das máscaras Moi Degradadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais