Os 18 libros en galego para regalar aos apaixonados da ciencia en Nadal

Unha guía con exemplares galegos aptos para público adulto contribúe a apoiar a cultura e fomenta a aprendizaxe á par que a diversión

libros
Estantería repleta de exemplares de libros de diversos xéneros | Pexels

Acertar cun regalo non é tarefa doada, mais os libros seguen sendo un éxito co que sempre se pode triunfar e incluso son rendibles debido ao seu módico prezo. Pois ben, son útiles, perdurables no tempo, intercambiables e persoais ao denotar que se pensou na persoa á hora de escoller o exemplar, ademais de dispor de valía como obxecto intelectual e material.

É preciso revindicar a importancia da cultura, e especialmente a do libro en papel, como fonte de aprendizaxe e tamén como forma saudable de evasión. Porén, e como non hai tempo para ler todo o bo que se publica, a continuación unha mostra de exemplares que abordan temas científicos en lingua galega cos que agasallar a un ser querido, especialmente apaixonado na disciplina, nestas festas.

Bocados matemáticos, de Paulo González

As matemáticas están presentes no día a día, aínda que ás veces un non se decate. Así, pódense identificar elementos xeométricos, numéricos, lóxicos ou estatísticos ao redor en moitas situacións e, neste exemplar, explícanse exemplos variados de aplicacións das matemáticas. Porén, este libro dá respostas, fomenta a curiosidade e persegue que se perda o temor a facer uso das matemáticas.

Herbas da noite, Paula Lago e Dores Pereira

Divulgar cultura, tradición e ciencia dun xeito creativo é posible. A artista plástica Paula Lago e a filóloga Dores Pereira veñen de demostralo coa publicación dun libro sen precedentes na cultura galega. Leva por título Herbas da noite e trátase dun herbario expresionista que está ubicado no nexo de unión entre arte, tradición e ciencia e que ten a pretensión de ser unha sorte de guía de campo sobre as herbas de San Xoán, pero fóra do canon académico.

Visións de Darwin, de Daniel Soutullo

Trátase dun libro divulgativo sobre o fundador da teoría da evolución: Charles Darwin. A súa tese baseada na selección natural significou un cambio fundamental no mundo da bioloxía e noutros campos das ciencias sociais. Aínda que se coñece moi ben a vida e obra de Darwin grazas aos seus libros, fóra do mundo da bioloxía esta non é tan ben coñecida e a súa teoría malinterpretada. Así, esta obra é unha recompilación de ensaios que debuxan a súa personalidade dende os puntos de vista biográfico, científico e social.

Que fai o mosquito por nós?, de Fischer e Oberhansberg

Atende ben: sen mosquitos, vaite esquecendo do chocolate! A natureza é unha rede en que cada organismo desempeña unha función esencial. Non hai especie que non dependa doutra, e os seres humanos non iamos ser a excepción. Sen a diversidade da natureza non dariamos sobrevivido: sen insectos non habería froita, sen microorganismos non habería humus… e, o dito, sen mosquitos non habería chocolate. Para que iso non pase, este libro feito por dúas biólogas, Premio Alemán de Comunicación Medioambiental en 2021, preséntanos, con humor e claridade, o mundo fascinante dos animais e das plantas, que nos agasallan alimentos, seguridade, saúde e moito máis, e amósanos que debemos facer para deter ―aínda estamos a tempo!― a sexta extinción masiva.

Pioneiras da ciencia en Galicia, de Manuel Rey e Eduardo Rolland

Unha obra que aborda o papel xogado polas pioneiras da ciencia en Galicia. Cóntase así que a súa epopea para ser tomadas en serio nese mundo de homes en tempos, incluso, en que se dubidaba da capacidade intelectual das mulleres para poder entender ata as máis básicas cuestións da vida. Así, investigadoras, teóricas, estudosas… aparecen reflectidas no libro, figuras que sentaron as bases para que a día de hoxe unha investigadora non sexa unha rareza dentro dun laboratorio.

O libro do clima, Esther Gonstalla

Seca extrema e vagas de calor, mais tamén ondadas de frío, inundacións e precipitacións intensas: a crise climática converteuse nun problema global que ninguén pode ignorar xa. Aquí entra en acción O libro do clima: co apoio de investigadoras e investigadores de todo o mundo, Esther Gonstalla traduciu os datos científicos sobre o quecemento do planeta e as complexas relacións que hai entre eles en 50 gráficos claros e reveladores, igual que fixera n’O libro dos océanos.

Cóntame un conto cuántico, de Juanjo Lamelas

Nesta obra o seu autor explica a física cuántica coma se fose un conto a través dun protagonista, Electroncio, unha partícula elemental que aproveita as súas propiedades de ente cuántico para relatar dende dentro o mundo no que vive. Así, cóntase como transcorreron as cousas dende os albores da historia ata o presente, chegando á mecánica cuántica, imprescindible para comprender fenómenos que pasan ao noso redor.

Mapa ecosocial de Galicia, de Rebeca Fernández e Xosé Vieiras

O obxectivo desta obra é trazar un mapa ecosocial da nosa terra. Fai unha fotografía actual, para coñecer o contexto e determinar cales son os eidos nos que debemos avanzar para conseguir unha sociedade máis xusta, equitativa e respectuosa co medio. A obra permítenos retratar as dúas crises que debemos afrontar como sociedade: a crise ecolóxica (o cambio climático, a crise da biodiversidade, o esgotamento dos recursos enerxéticos, os incendios forestais etc.) e a crise social (de desigualdade, de coidados, de calidade de vida etc.). Cada capítulo vén ademais con infografías e cun cadro de boas prácticas que recolle proxectos e iniciativas que xa están a traballar nas posibles solucións.

Mate-glifos. Orixe e evolución dos símbolos en matemáticas, de Xosé Nicanor Alonso e Miguel Mirás

Un libro que percorre a historia das matemáticas a través dos seus símbolos, dende os glifos dos xeroglíficos exipcios ata a actualidade. Abórdanse historias e anécdotas relacionadas coas matemáticas e coas persoas que realizaron as diferentes propostas.

Alén do azul, de Sara Carrasco e Silvia Iglesias

Mergullarse na ría de Vigo é visitar un mundo próximo baixo outra luz no que habitan flores que son vermes, expertos da camuflaxe ou alfombras verdes de pradarías. Alén do azul. O mundo submarino da ría de Vigo é unha viaxe para coñecer as paisaxes submarinas e os seres que as habitan por medio de espectaculares fotografías, ilustracións ao detalle e mesmo vídeos ligados con códigos QR.

Introdución ás relatividades de Einstein, de Ramón Vilalta López

Neste libro preséntanse os modelos que, ao longo da historia, construímos como resposta á ampliación das nosas escalas de observación, así como diversos feitos que requirían explicación.
En ciencia, empréganse teorías e modelos para explicar os feitos observados e as leis científicas que obtemos da experimentación. Deste xeito, abórdase neste exemplar a figura de Einstein que foi importante porque tivo un papel protagonista nas dúas últimas teorías.

O libro dos océanos, de Esther Gonstalla

Verteduras de petróleo, sobrepesca, illas de refugallos plásticos… Hai tempo que os nosos mares deixaron de ser fonte de saúde, alimento e benestar. Nas últimas décadas, a contaminación e o espolio dos océanos aumentaron de forma notable. Mais cal é o auténtico estado do meirande ecosistema da Terra? Malia levarmos vivindo dende sempre do mar e co mar, hoxe en día segue a ser un dos territorios máis descoñecidos do planeta. Esta falta de coñecemento podería converterse na ruína do océano e, en consecuencia, na ruína do ser humano. Cun deseño atractivo e informativo, e textos ben documentados, co apoio científico da German Ocean Foundation, Esther Gonstalla crea neste libro un retrato detallado que nos permite comprender mellor as relacións que existen entre a actividade humana e os cambios que sofre o mar, un retrato que, alén de convidar á reflexión, se converte nun recurso para a acción.

Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño

Trátase dun libro de viaxes que se converte nunha aventura de divulgación científica. Un relato sobre unha expedición de 11 meses arredor do planeta Terra no que se mesturan as anécdotas que van xurdindo ao longo das distintas etapas coas descricións da ciencia que hai detrás dos espectáculos que a natureza vai amosando aos viaxeiros.

Árbores que non arden, de Varias Autoras

As mulleres na prevención de incendios forestais. Nunha panorámica superficial do mundo do lume, a presenza de mulleres resulta aparentemente anecdótica. A súa visibilidade nos distintos escenarios do complexo quebracabezas que supón a problemática dos incendios forestais en Galicia é moi reducida; demasiado… Fagan memoria das noticias sobre a autoría dos lumes, das imaxes do servizo de extinción, dos comités da administración autonómica, ou dos foros de debate sobre os lumes, o ordenamento e a xestión do territorio. É que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias? Para tentar dar resposta a estas preguntas, o equipo do proxecto Batefogo reúne neste volume achegas de diferentes autoras que, desde a súa disciplina, reflexionan sobre o papel das mulleres na prevención e extinción dos incendios forestais.

O universo matemático. Das ideas e das técnicas, de Antom Labranha

Este libro desenvolve un amplo abano de contidos matemáticos, intentando poñer de manifesto cales son os seus fundamentos, o porqué da súa pertinencia, que rol desempeñan na ciencia e na cultura, que procesos conduciron á súa creación e como evolucionaron. Todo isto adoptando cunha perspectiva construtiva e contextualizada, cun estilo narrativo.

Adeus, plástico!, de Elisa Nicoli

Sabías que, na historia de vida do plástico, só se reciclou menos do 10 % producido; que na natureza hai espalladas 6300 millóns de toneladas de plástico e que xa se atoparon microplásticos en alimentos como o azucre, o sal ou o mel? Este libro explica o panorama actual con cifras e datos chave, e está ateigado de consellos prácticos para cambiar os nosos hábitos e reducir os refugallos que xeramos en todos os aspectos da nosa vida cotiá. Un vademécum indispensable para ler, reler, subliñar, ter á man para consulta e chegar sempre á mesma conclusión: reducir é o R máis importante de todos e o noso futuro e o do planeta pasan por deixar de usar plástico e materiais desbotables até chegarmos a un residuo case cero.

Historia do ADN. 40 anos de revolución biotecnolóxica, de Daniel Soutullo

Este libro aborda os principais acontecementos na historia do ADN, dende o seu descubrimento, no século XIX, até as investigacións máis recentes, nos albores do XXI. Así mesmo, tamén trata a revolución biotecnolóxica desencadeada polo coñecemento da súa estrutura e pola capacidade de manipulalo case a vontade a partir de 1970. Así, cunha redacción clara e amena, diríxese a un público amplo, que non ten necesidade de dispor de coñecementos previos de xenética.

A que altura está o ceo?, de Jorge Mira (2016)

Unha obra na que o seu autor, o físico e comunicador Jorge Mira, realiza unha viaxe no tempo para dar resposta, especialmente, ao seu propio título: A que altura está o ceo? Así, a historia comenza na época da Grecia clásica e chega ata os descubrimentos máis recentes sobre o universo.

Aínda que a día de hoxe a ciencia avanza moi rápido como para estar actualizados e cada vez resulta máis críptica e complexa, a divulgación científica concede a oportunidade de coñecer os principais avances no mundo do coñecemento sen necesidade de saber de matemáticas complexas, de xeometría avanzada nin de complicacións cuánticas da táboa dos elementos. 

Porén, como o saber non ocupa lugar e a ciencia pode chegar a salvarlle a vida a un, esta guía de libros sobre ciencia pode facilitar e optimizar a tarefa da escolla de agasallos de Nadal, e máis para os tempos que corren.

3 COMENTÁRIOS

  1. Na Universidade de Vigo levamos publicando a coleción ESENCIAIS. BREVIARIOS DE DIVULGACION DO SABER, con volumes sobre Astrofisica, Sistema Inmuinitario e Vacinas, Ciencia Politica, Feminismo, Telecomunicacions, Cambio Climatico, Enerxias Renovables…. E outros tantos que veñen de camiño. Penso que esta iniciativa, sen nada parecido en galego, merece que alomenos destaquedes algún.

  2. Grazas polas recomendacións. Porén, confío que en GCiencia non consideren que “ciéncia” é só matemáticas, física, química e bioloxía. Das 18 recomendacións divulgativas para apaixoados en ciéncia, nen unha é en Ciéncias Sociais (e iso que existen publicacións divulgativas en galego nestas áreas do coñecemento).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.