Nun futuro non moi lonxe, unha gota de saliva será suficiente para detectar o cancro de mama en só cinco segundos a través dun test portátil. Así o expoñen os resultados dunha investigación publicada na revista científica Journal of Vacuum Science & Technology, que apunta que esta proba rápida de detección temperá de cinco euros poderá salvar miles de vidas.
O traballo foi desenvolvido por investigadores da Universidade de Florida, en Estados Unidos, e a Universidade Nacional de Taiwán. O test demostrou xa ser eficaz no seu primer ensaio en mulleres á hora de identificar os biomarcadores deste tipo de tumor.
“O noso dispositivo é unha excelente opción porque é portatil —aproximadamente do tamaño dunha man— e reutilizable. O tempo de proba é inferior a cinco segundos por mostra, o que a fai moi eficiente”, apunta Hsiao-Hsuan Wan, un dos investigadores que liderou o proxecto.
Ademais, explica tamén que o dispositivo será especialmente útil nos países con máis deficiencias en sanidade e con máis dificultades para acceder a tecnoloxías avanzadas como a resonancia magnética.
A parte máis revolucionaria e innovadora radica no seu funcionamento sinxelo. As tiras reactivas de papel tratadas con anticorpos específicos interactúan cos biomarcadores de cancro. Desta maneira, colócase unha pequena mostra de saliva nesta tira e envíanse pulsos de electricidade ao biosensor, provocando un cambio no sinal de salida que aporta información sobre o biomarcador.
Mentres que outras opcións poden ser máis dolorosas, como as mamografías, tardar varios días e ser custosas, este novo sistema aporta un resultado preciso en moi pouco tempo.
Para poder realizar esta proba, necesítanse materiais que están presentes en todos os hospitais, como as tiras reactivas de glucosa. Os investigadoras apuntan ademais que a plataforma de hardware e software é de código aberto.














