Un estudo feito en Lugo revela que case o 30% dos adolescentes sofren fobia a quedar sen móbil

A investigación USC saca á luz a relación deste medo irracional co consumo de alcol, tabaco e cánnabis

A adicción ao móbil é un problema establecido na sociedade. Canto máis uso se lle dá, máis patoloxías aparecen ao seu arredor. Os adolescentes son o sector máis afectado por este problema, pois xa naceron con estes dispositivos electrónicos nas mans. Por iso, Ainara Díaz Geada, xunto a outras investigadoras da Universidade de Santiago (USC), levaron a cabo un estudo que saca á luz unha cifra impactante: o 27,7% dos adolescentes da cidade de Lugo sofren nomofobia, o medo irracional a non ter o teléfono.

“O móbil semella terse convertido case nunha parte do noso corpo”, comenta a investigadora Ainara Díaz Geada. Por mor do uso excesivo deste dispositivo, aparecen distintas consecuencias ligadas con problemas de saúde física e mental. Entre eses efectos entra en xogo a nomofobia, unha alteración provocada polo uso intensivo dos mesmos cun compoñente ansioso, procedente do término en inglés no-mobile-phone-phobia.

Publicidade

“Téndese a definir a nomofobia como unha aprehensión ligada á posibilidade de quedar sen teléfono móbil, con esta ansiedade intensificada por medo ao illamento”, define Díaz Geada. Este problema maniféstase no medo para esquecer o teléfono, a que quede sen batería, a non ter cobertura ou a non poder recibir mensaxes e chamadas durante un tempo maior do esperado. O concepto suscita debate entre a comunidade científica, tanto pola súa difícil definición como pola súa aparición emerxente.

Un estudo sobre a adicción adolescente

Parte das investigadoras que desenvolveron este estudo pertencen ao grupo de investigación Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde do IDIS, e amosaron interese en identificar os distintos factores que se van a relacionar co consumo de substancias na mocidade do panorama galego. As autoras deste estudo tratan de explorar a asociación da nomofobia co consumo de alcol, tabaco e cánnabis entre estudantes de secundaria. “A decisión de escoller estas tres substancias está ligada ao maior consumo das mesmas na mocidade”, xunto a unha situación de elevado uso do móbil. A partir de aí pregúntanse: Que ocorre? Podería existir algunha relación entre estes comportamentos?

Publicidade

Para responder a estas cuestións, a mostra estivo composta por individuos da mocidade lucense, concretamente 3.100, estudantes de todos os centros de ensino secundario da cidade de Lugo. Os alumnos procedían de escolas privadas, concertadas e públicas. “Isto é importante, porque o resultado é só unha fotografía do que sucede na cidade, e non se podería extrapolar ao que ocorre noutras zonas do territorio lucense”, aclara a investigadora da USC.

Durante o estudo, o gran reto foi a heteroxeneidade. Os antecedentes que atoparon ao comezo da investigación estaban baseados en territorios diversos: Europa, a India ou os Estados Unidos, compoñendo así “contextos completamente diferentes”. Foi difícil mesmo comparar a situación de Lugo cos estudos de referencia a nivel nacional. “O tipo de poboación que estudamos é distinta: moitos teñen investigado este fenómeno principalmente en poboación universitaria e en menor medida en persoas adolescentes”, aclara Ainara.

Os valores que se atopan de nomofobia a nivel mundial tamén supoñen un obstáculo: existen oscilacións dende un 2% ata máis dun 40%, unhas diferenzas que impiden a confrontación de resultados. Ademais, establécese a disparidade na medición deste medo: “Usamos todas as mesmas medicións? Como? Empréganse da mesma forma ou hai diferenzas? Son factores que contribúen á diversidade”.

A adolescencia supón un factor clave nesta investigación, co obxectivo de coñecer que ocorre entre os mozos e a súa relación co teléfono móbil e as substancias mencionadas. “É unha etapa de experimentación e conformación da personalidade, e toda conduta de risco que se instale na adolescencia pode perpetuarse na idade adulta”, afirma a investigadora.

Os resultados

Con todos estes elementos, as investigadoras preguntáronse por unha posible relación entre o aumento do risco de practicar un consumo intensivo de alcol, tabaco e cánnabis, e as persoas que sofren deste trastorno. A principal hipótese que manexaban era: se tes máis nomofobia, poderías ter máis risco de consumir de forma intensiva estas substancias e, por tanto, estar nunha situación de maior vulnerabilidade pola acumulación de factores de risco. A investigadora remarca un aspecto importante: “os factores socioeconómicos e os determinantes sociais da saúde van influír en calquera comportamento en saúde da poboación”. Por iso, o estudo apóiase nestes datos.

Na súa procura atoparon unha información impactante: máis dun cuarto desa mostra (27,7%) reportou un nivel de nomofobia elevado. Ademais, púidose percibir unha asociación deste trastorno ao consumo intensivo de alcol, denominado binge-drinking (hábito de consumo de máis de cinco bebidas nunha mesma situación de consumo), en ambos os xéneros. Mentres a asociación co consumo de tabaco e cánnabis soamente resultou significativa no caso dos rapaces, a prevalencia da nomofobia era maior nas rapazas. Neste senso, algúns estudos teñen sinalado o uso do móbil como “elemento protector” durante a noite, xa que permite unha comunicación constante con amizades e familia en posibles situacións de risco. Malia que, ironicamente, o uso do móbil neste contexto podería converterse nun método de control e vixilancia das raparigas. Aínda que estas son algunhas das opcións, non están claros os motivos. O resultado é a necesidade de continuar achegándose a como operan os roles de xénero na acumulación de factores de risco na saúde física e mental da mocidade lucense.

“É importante estar alerta da posible acumulación de factores de risco para poder adecuar as estratexias preventivas de saúde pública nesta materia”, asegura Díaz Geada. Entre estes plans de protección, destaca o coñecemento dos factores determinantes para que unha problemática como a nomofobia se base en datos de investigación. Coa fin de favorecer unha mellor comprensión, estas exploracións deben estar apoiadas en medicións socioeconómicas, de estudos, de xénero, de territorio, entre outros, para comprender o fenómeno na súa totalidade, sobre todo nunha cuestión tan dispersa como a nomofobia.

Importancia do seguimento

Ainara determina o valor que achega o seu estudo: “Volve subliñar as posibles asociacións da nomofobia con outro tipo de comportamentos de risco para a saúde como o consumo de substancias psicoactivas, e a importancia de que comprendamos con máis detalle os distintos factores que hai subxacentes”. Este obxectivo responde a unha necesidade crecente: seguir explorando para coñecer en que ámbitos se atopa este fenómeno a distintos niveis xeográficos, con vistas a “investigar a nivel provincial ou galego”.

A nomofobia é un problema emerxente que se debe explorar polo risco que experimenta a mocidade con estas problemáticas, e que son un reto tanto para as familias como para as institucións educativas e autoridades. A investigadora afirma que “se coñecemos mellor os factores que están a repercutir no risco de saúde das persoas, tamén poderemos telos en consideración para establecer medidas de saúde pública máis efectivas”.

Co tempo, chegaranse a desenvolver estudos lonxitudinais para facer seguimento de como a nomofobia perpetúa na sociedade. “O ideal sería poder analizar a situación ao longo do tempo para ter unha evidencia de maior peso aínda”, conclúe.


Referencia: Nomophobia and Alcohol, Tobacco, and Cannabis Consumption in Adolescents in Galicia (Publicado en Cyberpsychology, Behavior, and Social Networking)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Unha investigación galega afonda nunha enfermidade con só 19 casos no mundo a través do peixe cebra

Un estudo da USC desenvolve un modelo animal co obxectivo de reproducir os síntomas da patoloxía multisistémica RFT1-CDG