Publicidade

O estudo da USC sobre o impacto terapéutico da música esténdese ao norte de Portugal

O proxecto analizará o efecto que as composicións melódicas poden ter nas enfermidades neuropisicomotoras e no envellecemento

Chegar a comprender a relación molecular que existe entre os xenes e os estímulos externos é a base sobre a que se asenta o proxecto EUTERPE_adn. O consorcio liderado pola Universidade de Santiago (USC) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), que acaba de recibir un millón de euros de financiamento a través do programa Interreg POCTEP —unha iniciativa de cooperación entre España e Portugal apoiada pola UE—, ten como obxectivo principal explorar o impacto terapéutico da música en persoas maiores e nas que presentan deterioración cognitiva e dano cerebral.

EUTERPE_adn é unha prolongación de Sensoxenoma, o proxecto —impulsado dende GenPoB (Grupo de Xenética de Poboacións en Biomedicina) e GenViP (Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas)—, está integrado por medio cento de investigadores e liderado polo catedrático da USC Antonio Salas Ellacuriaga e polo profesor Federico Martinón Torres. Nos anos 2022 e 2023, o equipo organizou unha serie de concertos experimentais en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia (RFG) e coa participación de centos de doantes e asociacións de pacientes como SARELA, COGAMI, AGADEA, SARAIVA, ASPANAES, ASPERGA, ONCE, Asociación de Persoas Xordas de Galicia, ou Down Compostela, entre outras.

Publicidade

A bagaxe adquirida en Sensoxenoma ascende agora un novo chanzo a través do financiamento outorgado a este equipo investigador a través de EUTERPE_adn, proxecto no que se levarán a cabo estudos detallados e exhaustivos que poderían cambiar a forma en que se aborda a terapia musical e o seu impacto na saúde. Segundo o profesor Antonio Salas: “Durante os últimos dous anos logramos avances incribles que superan todas as expectativas: capturamos o sinal xenómico en resposta ao estímulo musical; demostramos que os pacientes con deterioración cognitiva mostran unha resposta máis intensa; e observamos unha expresión compensatoria dos xenes nestes pacientes en comparación coa enfermidade de alzhéimer”.

EUTERPE_adn, acrónimo que fai referencia tanto á musa grega da música como á xenética, acometerá desafíos comúns para Galicia e o norte de Portugal como é o caso do envellecemento, o despoboamento e a exclusión social. Ao aproveitar o poder terapéutico da música, o proxecto ten como obxectivo mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con demencia e/ou alzhéimer ou dano cerebral, así como en persoas maiores. En colaboración coa Universidade do Minho, o consorcio combina a experiencia en investigación biomédica coa terapia musical.

Publicidade

Colaboracións

A Casa da Música do Porto e a Asociación Músicos ao Vivo súmanse ao proxecto xunto co traballo coordinado de asociacións de pacientes como a Asociación de Dano Cerebral de Compostela (SARELA), a Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzheimer (AGADEA), a Santa Casa da Misericordia de Porto, e a Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzheimer. “EUTERPE representa unha importante lombeirada á nosa aposta científica Sensoxenoma, un proxecto na fronteira do coñecemento que busca entender a relación molecular que existe entre os nosos xenes e algo tan trivial e cotián como os estímulos externos e as emocións.” Na mesma liña exprésase o profesor Martinón ao destacar que “os recursos acaban chegando cando as ideas son boas, pero sen a colaboración altruísta e o tesón durante estes anos do equipo de investigación, a Real Filharmonía de Galicia, as asociacións de pacientes e outros axentes sociais, nunca tería sido posible”.

Este proxecto innovador non só busca fomentar a interacción social e a medicina personalizada a través da terapia musical non farmacolóxica, senón que tamén representa un esforzo pioneiro para abordar desafíos sociais mediante a xenómica e a neuro-psicoloxía xuntas. Segundo a coordinadora do proxecto, Laura Navarro, “este estudo lonxitudinal de máis de 60 sesións e con cinco recollidas de mostras biolóxicas e avaliacións neuropsicolóxicas, vai marcar un antes e un despois no que ata o de agora coñecemos sobre o poder da música”.

Cun enfoque interdisciplinario e unha dotación financeira significativa, EUTERPE_adn perfílase como un proxecto pioneiro que promete transformar a forma en que se abordan as enfermidades neuropsicomotoras e o envellecemento en Galicia. Ademais, o profesor Salas aclara que “por primeira vez, realizaranse estudos lonxitudinais no marco de Sensoxenoma, incluíndo un ensaio clínico aleatorio”. Este enfoque permitirá investigar o impacto dos estímulos a longo prazo e profundar nas bases moleculares que sustentan os beneficios da música no ámbito da saúde e a enfermidade. Os achados poderían ser relevantes para outros grupos vulnerables cos que o equipo tamén está a traballar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico da USC que estuda a bioloxía do envellecemento para previr enfermidades

O CiMUS abre unha nova liña de estudo sobre senescencia celular e incorpora a Manuel Collado como investigador principal

Tres cafés ao día alongan a vida? Un estudo asocia o seu consumo cunha mellor saúde

Unha investigación da Universidade de Coimbra relaciona tres cuncas diarias cun maior tempo sen enfermidades graves

Esta é a idade á que comeza a envellecer o teu cerebro

Un estudo publicado en 'Nature Aging' sitúa tres picos importantes no declive do órgano: os 57, os 70 e os 78 anos

Podcast | Como a tecnoloxía (e a colaboración) melloran a resposta ante os desastres naturais

Os investigadores do CITIC Miguel Luaces e Elena Hernández explican o proxecto ATEMPO para optimizar as actuacións de emerxencia