Desde a Antigüidade, as sambesugas (Hirudo medicinalis) foron utilizadas para provocar sangrados con fins terapéuticos. Con todo, quizais non é tan coñecido que foi nas primeiras décadas do século XIX cando o seu emprego alcanzou unha auténtica idade de ouro.
Este incremento no seu uso iníciase en 1820, a partir do éxito que alcanzaron as teorías do médico francés François J.V. Broussais. Este consideraba que as enfermidades se desenvolvían pola inflamación do tracto gastrointestinal e que por unha acción de simpatía producíase a irritación doutros órganos, polo que a provocación de sangrados na zona abdominal aliviaba e derivaba na curación do paciente.
Esta formulación traduciuse na aplicación de sambesugas para tratar calquera tipo de enfermidade. Unha modificación no coñecemento científico que motivou que estes anélidos rapidamente cambiasen a súa categorización. Convertéronse, polo tanto, nun insumo relevante na medicina practicada en hospitais e centros sanitarios.
Desta forma, o uso de sambesugas creceu exponencialmente e xerouse unha gran demanda internacional que tiña no mercado francés o seu principal consumidor.
De feito, debido ao aumento da popularidade destas teorías, calculouse que o país galo utilizou entre 50 e 100 millóns de exemplares anuais durante os primeiros anos do boom. Francia converteuse no gran consumidor mundial desta clase de invertebrados.

A crecente demanda de sambesugas nos hospitais franceses e o elevado prezo que alcanzaron derivou nunha gran sobreexplotación e a procura deste recurso noutras rexións foráneas. Así, este país comezou a organizar a recolección priorizando as áreas máis próximas, chegando a importar máis de 57 millóns de exemplares tan só no ano 1832.
O sector das sambesugas en España
O incremento da demanda francesa provocou unha febre recolectora noutros países, incluído o territorio español.
Instaláronse factorías nos lugares clave para a recolección e creáronse roteiros de comercialización cara ao país veciño. Así, os animais eran transportados grandes distancias en sacos de tea que se mantiñan humedecidos dentro de cestas ou caixas de madeira cheas de arxila. Calcúlase que desde España se chegaron a exportar a Francia uns 19 millóns de exemplares entre os anos 1827 e 1849.
A elevada presenza de recolectores e mercadores franceses en territorio español causou unha fonda impresión na época. Por unha banda, os mercadores franceses eran os principais beneficiarios do incremento dos prezos, circunstancia que denunciaban continuamente os recolectores españois. Por outra, a presión recolectora sobre este animal xa era máis que evidente.
As tensións polo control deste recurso médico multiplicáronse en todos os ámbitos: social, económico e político. Unha mostra da resistencia local ante a presenza de comerciantes foráneos foi o asasinato en 1825 dun galo ao que, atado a unha árbore, se lle aplicaron todos os exemplares que acababa de recoller.
Todo iso tendo en conta que ao mesmo tempo que aumentaba a demanda exterior, dentro do territorio español tamén se estendeu o seu uso. A corrente brussista difundiuse con gran rapidez nos países occidentais e as sambesugas eran empregadas habitualmente en hospitais, presidios ou centros de beneficencia.
De feito, aínda en 1866, máis de 30 anos despois de que a teoría de Broussais fose superada polo coñecemento médico empírico, o hospital provincial de Valencia estimaba o consumo anual de sambesugas en 400.000 unidades.
Consecuencias da sobreexplotación do recurso
O rápido incremento da demanda provocou, en apenas uns anos, unha gran presión recolectora sobre o recurso. Esta circunstancia ocasionou o esgotamento das poboacións autóctonas, algo que tamén ocorreu noutros lugares de Europa. Son numerosos os testemuños escritos que constataban como en diferentes lugares de España as poboacións autóctonas de sambesugas se atopaban decimadas pola intensidade da recolección.
De feito, un amplo conxunto de denuncias ao longo da xeografía española motivou que se puxesen en marcha respostas normativas restritivas.
Sirva como exemplo o caso dun municipio de Soria, onde se dicía no Dicionario de Pascual Madoz que “diminuíu moito a súa cantidade polas enormísimas extraccións que delas fixeron os franceses para a súa nación”.
Esta percepción xeneralizada de que se estaba sobreexplotando o recurso explica a aprobación por parte do Goberno de diversas accións lexislativas.
A primeira restrición ten lugar en Galicia, onde existía un espazo relevante para a recolección na lagoa de Antela. Deste xeito, xa en 1827 se estableceu un período de veda para a extracción de sambesugas durante varios meses ao ano co obxectivo de favorecer a súa cría.
Posteriormente, en 1839, aprobouse unha segunda normativa de importancia. Nela prohibiuse a exportación deste insumo médico desde todo o territorio español durante dous anos.
Por outra banda, tamén se tentaron buscar, sen gran éxito, solucións tecnolóxicas para recuperar as poboacións e establecer novas áreas de produción. Así, desenvolvéronse novos modelos produtivos, creáronse premios á innovación no sector, publicáronse materiais divulgativos e, mesmo, traducíronse textos franceses.
En definitiva, un cambio no coñecemento científico internacional provocou en apenas uns anos a práctica desaparición das poboacións de sambesuga medicinal en España. Isto ocasionou desde as esferas pública e privada diferentes respostas normativas e tecnolóxicas co fin de limitar a recolección e favorecer a recuperación do recurso animal.
Damián Copena Rodríguez e María Gómez Martín son profesores da área de Historia e Institucións Económicas das súas universidades: a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidad de Cádiz, respectivamente.
Cláusula de divulgación: as persoas firmantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artículo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado anteriormente.
Que interesante, descoñecía que se creara un comercio tan próspero arredor destes simpáticos bichos, noraboa polo artigo!