Martes 27 Febreiro 2024

Luces e sombras do cribado de cancro de pulmón: “Hai moitos falsos positivos”

A detección precoz de tumores salva vidas. Próbano cada ano programas de cribado como os do cancro de mama, colorrectal ou de colo uterino desenvolvidos en Galicia, seguindo as directrices das autoridades españolas e da Unión Europea. O pasado mes de decembro o Consello de Europa actualizou as súas recomendacións de cribado e incluíu, entre outros, o cancro de pulmón, instando aos países membros “a explorar a viabilidade e eficacia do cribado mediante tomografía computerizada de baixa dose (TCBD)”, chamado tamén TAC de baixa radiación.

Malia que a recomendación conta co aval de dous grandes ensaios clínicos —o National Lung Screening Trial, realizado en EEUU e o estudo Nelson, realizado en Bélxica e Holanda—, existen “serias dúbidas sobre que a relación beneficio/risco sexa positiva para os pacientes”, subliña Alberto Ruano Raviña, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC.

Estas dúbidas están reflectidas en tres informes recentes, baseados en revisións sistemáticas da literatura científica sobre o tema: un da European Network of Health Technology Assessment (EUnetHTA), outro da Colaboración Cochrane, e a terceiro —Avaliación do cribado de cancro de pulmón— realizado por expertos de as Axencias de Avaliación de Tecnoloxías de Galicia (ACIS) e Canarias (SECS), por encargo do Ministerio de Sanidade.

“O futuro é prometedor, quizais a resposta veña da combinación de probas de imaxe (radiómica), biopsia líquida e risco do paciente individual”

ALBERTO RUANO, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC

Ruano Raviña, que lidera o Grupo de investigación en Saúde Pública da Universidade de Santiago (ESPASS), sinala os puntos que cuestionan a idoneidade do cribado do cancro de pulmón: “Alta porcentaxe de falsos positivos (achado de nódulos pulmonares que necesitan unha exploración máis detallada pero que finalmente non son cancro de pulmón), sobre-diagnóstico (casos detectados pero que progresan moi lentamente e que non chegarían a afectar a supervivencia), incerteza (que facer fronte a un nódulo positivo no que se debe esperar tres, seis ou nove meses para comprobar se houbo crecemento), e radiación de máis, pois o cribado supón exposición a radiación ionizante de forma continuada no tempo (nalgúns casos durante 25 anos á que hai que sumar a realizada polos falsos positivos)”.

Estes parámetros son citados tamén polo informe do Ministerio de Sanidade, que pon números aos resultados pouco esperanzadores de distintas experiencias de cribado de pulmón: unha taxa de falsos positivos situada no 15-17 por 1.000 e entre 1 e 67 sobre-diagnósticos cada 1.000 persoas. Ademais pon o foco na dificultade de localizar á poboación-obxectivo, tendo en conta que a idade e sexo non son claves para debuxar unha potencial diana, pero si factores tipo tabaquismo ou exposición a axentes canceríxenos, como pode ser o radon, moi presente na natureza e as construcións de Galicia.

Precisamente nesta liña de definición da poboación-diana galega traballa a Dirección Xeral de Saúde Pública que “está a desenvolver un algoritmo que axude á estratificación do risco dos pacientes para a súa posterior inclusión nun futuro programa de cribado de cancro de pulmón” informan desde o gabinete de comunicación do Sergas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública está a desenvolver un algoritmo que axude á estratificación do risco dos pacientes

Experiencias de cribados realizadas en Estados Unidos e Europa cinguíronse a segmentos de poboación fumadora —cun consumo de máis de 20 paquetes ao ano— e ex-fumadora —con menos de 15 anos de abandono do tabaco—. Pero é suficiente? A pregunta está pendente de resposta.

O cancro de pulmón é a primeira causa de morte por cancro en Galicia e en España e, nos dous ámbitos, en tres de cada catro casos o morto é un home, un cociente que desde a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) atribúen, en gran medida, aos hábitos tabaqueiros da poboación. Tal como recolle o Regat (Rexistro Galego de Tumores) na nosa comunidade producíronse 1.540 falecementos por cancro de pulmón no 2020 (último ano contabilizado), dos que 1.555 foron homes e 385 mulleres. E en máis do 70% dos casos os falecidos eran maiores de 65 anos. No conxunto do Estado, no mesmo ano, a cifra de falecidos ascendeu a 21.918.

Sen efectos na mortalidade global

O principal obxectivo de todo programa de detección prezo “é reducir a mortalidade e a morbilidade por cancro”, lembra a investigadora da USC Mónica Pérez Ríos e coautora do informe Criterios de calidade para a detección de cancro de pulmón: unha perspectiva poboacional, publicado en Chest Journal. Un obxectivo que queda en dúbida no informe do Ministerio de Sanidade que sinala que o cribado pode evitar ao redor de 5 mortes por cada 1.000 diagnósticos nun prazo de 10 anos “pero non ten efectos sobre a mortalidade global”. Neste marco, o informe oficial fai unha análise do impacto económico dun cribado de pulmón no orzamento do Sistema Nacional de Saúde, que pon en cuestión o seu custo-efectividade e avoga por acoutar a poboación diana.

A pesar das dúbidas sobre a efectividade das experiencias feitas, a falta de consenso nas formulacións e controis a seguir, e a necesidade de estudos adicionais sobre o cribado de cancro de pulmón, “hai capacidade de mellora” subliña Alberto Ruano, quen lembra que é unha enfermidade que cumpre todos os criterios para investigar nunha técnica que logre detectalo precozmente para modificar o seu curso clínico e prolongar a supervivencia ou lograr a súa curación”. 

Profundando nesta tese, o investigador do grupo ESPASS, sinala que “o futuro é prometedor e quizais a resposta veña da combinación de probas de imaxe (radiómica), biopsia líquida e risco do paciente individual (idade, sexo, tabaco, enfermidades respiratorias previas, historia ocupacional ou mesmo exposición a radon).

Mentres tanto, investigadores, sociedades médicas e responsables sanitarias apostan por programas de prevención e abandono do consumo de tabaco para reducir non só o risco de cancro de pulmón, senón doutros 11 cancros, e da enfermidade respiratoria e cardiovascular.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural

A USC incorpora a Yolanda Prezado, referente en protonterapia

O equipo de investigación que lideraba en París desenvolveu unha técnica pioneira de radioterapia menos invasiva e máis eficaz
00:04:21

N de Nutrición: os galegos do medievo xa comían filloas e polbo (pero non á feira)

A dieta do pobo estaba restrinxida a papas, potaxes e sopas, coas castañas como principal fonte de hidratos de carbono máis alá do pan