Un estudo liderado polo Instituto de Investigación do Hospital del Mar identifica unha nova vía para parar a metástase en cancro de mama no momento da micrometástase, cando as primeiras células aterran noutros órganos, e así previr a súa aparición. No proxecto tamén participou o Servizo de Oncoloxía e de Patoloxía do Hospital del Mar, xunto con investigadores do Grupo GEICAM de Investigación en Cancro de Mama.
O traballo, que publica a revista Cancer Cell, determina o papel da proteína TIM-3 nas células máis agresivas iniciadoras de metástase, as chamadas sementes da metástase. Nelas, TIM-3 permite ás células tumorais suprimir o sistema inmunitario cando chegan aos órganos distantes e así asegurar a súa supervivencia nun momento crítico. Este mesmo feito converte TIM-3 nunha diana terapéutica única e específica para este preciso momento da enfermidade.
Esta etapa, a da chegada ao novo órgano, é crítica, pero pouco coñecida porque non hai manifestacións clínicas nin técnicas que permitan investigalo. O equipo responsable do traballo utilizou un modelo de rato para facelo e describir o papel clave de TIM-3 na supervivencia das primeiras células tumorais que sementan os órganos afectados.
“Trátase dunha fase de vulnerabilidade da enfermidade, xa que quedan poucas células no lugar. Se entendemos que pasa e somos capaces de erradicalas, dispoñeremos dunha grande oportunidade para evitar a metástase clínica, que é a fase perigosa da enfermidade”, explica o Toni Celià-Terrassa, asinante principal do estudo e investigador do Grupo GEICAM.
Evitar o ataque inmunitario
As células cancerosas que sobreviven á viaxe desde o tumor primario utilizan TIM-3 para reconfigurar o sistema inmunitario do novo órgano e evitar o seu ataque. Isto permítelles proliferar e xerar un novo tumor, a iniciación da metástase, como puideron ver os investigadores con células dos diversos tipos de cancro de mama en metástase no fígado.
Ademais, cunha cohorte de pacientes do Hospital del Mar puideron comprobar como aquelas pacientes con tumores con niveis altos de TIM-3 tiñan máis risco de metástase e de mal prognóstico. “Os pacientes positivos en TIM-3 no tumor primario teñen un risco máis elevado de recorrencia e metástase”, apunta Catalina Rozalén, investigadora predoutoral do Instituto de Investigación do Hospital del Mar.
Isto propón a posibilidade de utilizar fármacos existentes que bloqueen a acción de TIM-3 para evitar a aparición de novos tumores. “Ter ferramentas para estes pacientes de alto risco, como os que son TIM-3 positivo, pode permitir aplicarlles unha terapia anti-TIM-3 despois da cirurxía para evitar a posterior recaída e previr a metástase”, di Celià-Terrassa.
Este estudo preclínico indica que habería que aplicar o tratamento antes da aparición da metástase, xa que cando xa se produciu a enfermidade é máis difícil de controlar e TIM-3 deixa de ter a mesma relevancia. Pero antes, segundo os investigadores, hai que desenvolver ensaios clínicos pertinentes.
Referencia: TIM3+ breast cancer cells license immune evasion during micrometastasis outbreak (Publicado en Cancer Cell)














