Guía para gozar da eclipse sen riscos: como moverte e coidar a túa contorna

A esperada chegada de visitantes para ver o evento astronómico suporá un reto para a mobilidade, a seguridade e a protección da cidadanía e do medio ambiente

A eclipse total de Sol do 12 de agosto observarase case exclusivamente en España, coa franxa de totalidade cruzando o norte peninsular de oeste a leste. Prevese a chegada de millóns de visitantes concentrados nesa zona. A esperada grande afluencia de persoas está a obrigar as autoridades a tomar medidas especiais, como a preparación do Plan Especial de Seguridade do Ministerio do Interior, que inclúe recomendacións dirixidas á cidadanía.

Prepárate para as masificacións

A concentración de persoas, e os seus problemas derivados, é un dos principais riscos que se están tendo en conta para esta eclipse. As masificacións serán nalgúns casos inevitables. A iso hai que sumar a expectación por un evento que durará moi pouco e a calor en moitas rexións, o que pode incrementar a tensión. Manterse tranquilo é clave para evitar sustos. Accede e sae do lugar de observación en orde e sen présas. Tamén convén manterse informado sobre os planos de evacuación.

Publicidade

É probable que se dea unha saturación das comunicacións, dificultando o encontro cos demais. Establecer puntos de encontro predefinidos axilizará a localización dos acompañantes cando os móbiles non funcionen. Haberá que prestar especial atención a maiores, nenos e persoas con discapacidade, que poden desorientarse máis facilmente. Tamén convén contar con radios FM para poder informarse.

En relación coa grande afluencia de persoas, Protección Civil tamén sinala ao SMC España a falta de subministracións. O consello aquí é facer provisión do necesario con antelación, desde comida e bebida, ata as necesarias lentes, pero sen excederse para evitar problemas de desabastecemento.

Publicidade

Eclipse de proximidade

Prevense conxestións prolongadas antes e despois da eclipse, con horas de retencións en estradas principais e secundarias. “O principal é, se é posible, non desprazarse para ver a eclipse. En caso de moverse, ter organizada a viaxe e seguir as recomendacións comentadas e que están recollidas na web da Comisión Interministerial para o Trío de Eclipses”, declara Protección Civil ao SMC España.

Dita comisión, coordinada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), tamén recomenda aos habitantes da franxa de totalidade observar a eclipse desde o seu domicilio, “o cal non só reforza o vínculo coas súas raíces”, senón que permitirá desfrutar do evento dunha forma segura e tranquila, reducindo calquera dos riscos mencionados anteriormente.

Outra opción para evitar desprazamentos é seguir a retransmisión do fenómeno. A Axencia Espacial Europea (ESA, polas súas siglas en inglés) farao desde o Observatorio Astrofísico de Javalambre, en Teruel, a través das súas canles de Youtube e de Televisión.

Mobilidade planificada

No caso de que non quede máis remedio que moverse, e citando a Protección Civil, o recomendable é planificar rutas e horarios con antelación. Se fose posible, é mellor atoparse xa no punto onde se queira ver a eclipse o día do evento e evitar desprazamentos innecesarios. Por se alguén queda atrapado nun atasco, recoméndase levar o depósito cheo e auga e comida.

O MICIU, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), puxo ao dispor da poboación un visor web en liña. A aplicación permite coñecer a posición exacta do Sol e así localizar o lugar ideal para observar a eclipse de forma anticipada.

Planificar a mobilidade axudará a gozar o evento. A observación da eclipse desde lugares improvisados provocou incidentes e riscos viarios en eventos pasados, segundo informa a Comisión Interministerial para o Trío de Eclipses. Recoméndase estacionar só en áreas habilitadas para non comprometer a seguridade propia nin a doutros condutores. É importante extremar a precaución durante a condución e seguir as indicacións dos axentes de mobilidade.

Moitos desprazamentos faranse por estradas rurais ou entre lugares mal conectados, que deberían evitarse na medida do posible. Existen puntos oficiais preparados para xestionar afluencias elevadas e condicións ambientais variables.

“Recoméndanse aquelas de doado acceso e que conten con servizos mínimos como lavabos, auga, zonas de aparcamento, cobertura”, di Begoña Nicolás, profesora axudante doutora da área de Astronomía e Astrofísica do departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Existe unha listaxe de localizacións recomendadas polas administracións na páxina do Trío de Eclipses. 

Reserva de aloxamentos e actividades

Coa alta ocupación hoteleira en rexións clave, alén da capacidade de aloxamento limitada nalgunhas delas, quen non reservase aloxamento a estas alturas pode que o teña complicado. Destaca a especial dificultade na contorna rural. Segundo o informe O Trío Ibérico: unha oportunidade para o desenvolvemento turístico da España interior, de Analistas Financeiros Internacionais (AFI) para Airbnb, o 47% dos municipios rurais na banda central da eclipse non dispón de alugueiros de curta duración.

O mesmo ocorre coas actividades organizadas ao redor da eclipse, tanto as especificamente relacionadas coa observación astronómica, como visitas guiadas, charlas ou sesións de observación, como outras propostas turísticas da zona. Moitas delas contan con prazas limitadas e poderían completar a súa capacidade con antelación.

Respectar a contorna natural e humana

As grandes aglomeracións poden xerar un importante impacto ambiental se non se adoptan medidas responsables. “Os espazos naturais que sexan altamente sensibles a unha grande afluencia de persoas deberían evitarse por respecto á propia contorna”, di Nicolás. En España poden establecerse restricións en espazos protexidos, polo que convén informarse previamente das zonas non recomendadas ou de acceso prohibido polas autoridades.

Para as demais zonas, as principais recomendacións para minimizar o impacto inclúen non deixar residuos —tampouco os orgánicos—, respectar a fauna e a flora, e non invadir leiras ou terreos agrícolas. Deixa o campo limpo, tal e como che gustaría atopalo. O mesmo aplica ao patrimonio material humano. Podemos estar a observar a eclipse preto dunhas casas, unha ermida ou mesmo restos arqueolóxicos que hai que respectar.

Prevención de incendios forestais

As altas temperaturas propias do verán incrementan o risco de incendios forestais. Durante esta época do ano, a normativa española prohibe acender calquera tipo de lume en áreas forestais. Cando o risco de incendio é moi alto ou extremo, refórzanse as medidas preventivas, limitando o uso de maquinaria e equipos que poidan xerar faíscas e prohibindo actividades como as grelladas ou a queima de restos vexetais ao aire libre.

Ademais, en calquera época do ano está prohibido lanzar pirotecnia, acender lumes fóra dos lugares autorizados, guindar cabichas ou abandonar vidros ou outros obxectos que poidan actuar como unha lupa e favorecer a ignición da vexetación. Tamén é fundamental non estacionar vehículos en lugares que obstaculicen o acceso dos equipos de emerxencia e extinción. Antes de desprazarse, convén consultar os mapas de risco de incendio publicados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), que informan do nivel de perigo previsto en cada zona.

Festas, festivais e raves

“Este eclipse marca un evento xeracional para Europa, atraendo a persoas de todas as fronteiras para estar baixo o mesmo ceo nun momento compartido de asombro”, sinalan na web dun festival. “A diferenza da maioría das experiencias festivaleiras, un encontro de eclipse solar total non é un espectáculo que poidas revisitar. Atravesa o planeta unha soa vez, por unha franxa estreita, e logo desaparece”, reza outra. Ao redor da eclipse van organizar numerosos festivais, festas e raves. Non é estraño, posto que as eclipses son experiencias colectivas e de goce.

Para este tipo de eventos convén engadir outras pautas específicas: na web de Energy Control podes atopar recursos sobre a protección auditiva, así como información sobre consumo de alcol e outras substancias, para protexerse tanto a un mesmo como aos demais. Convén descansar. Sentar de cando en vez, comer e hidratarse non vai quitar tempo de desfrute; ao contrario, permitirá volver coas pilas cargadas. Para rematar, comprobaque tal está a xente que te rodea, coida dos demais e pide axuda en caso necesario. Con ou sen eclipse.


*A versión orixinal deste artigo publicouna a xornalista Leyre Flamarique Pérez en Science Media Centre España

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

A eclipse solar vista dende o espazo: así é a sombra que se proxectou sobre a Terra

As imaxes do Meteosat de terceira xeración, tomadas a 36.000 quilómetros de altitude, amosan o camiño da Lúa xusto antes da chegada da noite

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol