Praia de Rodas, un complexo dunar que debemos protexer

Segunda entrega da guía turística Observer das Illas Atlánticas

As illas Cíes son un arquipélago formado por illas montañosas e pequenos illotes que emerxen impoñentes do mar. Supoñen unha barreira natural que protexe a marxe costeira que conforma a ría de Vigo. Os contrastes entre as súas paisaxes xeolóxicas, de evidente beleza, a súa variada fauna e flora e do seu patrimonio cultural, están intimamente ligados á forza e riqueza das augas atlánticas.

En Cíes atópase a fermosa praia de Rodas, cuxa area branca e fina é a responsable da característica cor turquesa das súas augas. O continuo desgaste dos grans de area durante milleiros de anos explica a súa finura, sendo a cor branca debida a fragmentos de cuarzo e cunchas.

Publicidade

O bo estado de conservación de Rodas debémosllo ao cordón dunar vexetal que se atopa tras ela, que constitúe unha das xoias do Parque Nacional Illas Atlánticas. Este sistema dunar, xunto cos de Figueiras-Muxieiro na illa de Monteagudo, e os da illa de San Martiño, actúan como grandes reservorios de area, axudando a que as praias destas illas resistan mellor os fortes ventos do inverno.

Vexetación protexida

Herba de namorar (Armeria pungens). Foto: José Quiles

A vexetación que atopamos nas dunas está especialmente protexida polas directrices do Parque Nacional, pois só existe neste tipo de solos. Son especies únicas que conseguiron adaptarse a condicións extremas, como vivir nun substrato en movemento, soportar unha elevada salinidade, unha
insolación moi alta ou mesmo a falta de auga e nutrientes.

Publicidade

Destaca a Armeria pungens, tamén chamada herba de namorar, un pequeno arbusto que pode acadar 50 centímetros de altura e cuxa floración, entre marzo e maio, tingue de cor rosácea as dunas. Outros exemplos de adaptación ao medio atopámolos no feo de praia (Ammophila arenaria subsp. arundinaceae) que consegue captar auga a grandes profundidades grazas ás súas raíces de ata catro metros; na carrasca de San Xoan (Othantus maritimus) caracterizada por ter as follas cubertas de pelos brancos que lle axudan a protexerse do sol, ou na cebola das gaivotas (Pancratium maritimum) con raíces en forma de bulbo, grazas ás cales acumula auga, resistindo ben as épocas de seca.

Ave acuática

Nestes sistemas dunares nidifica unha pequena ave acuática considerada en perigo de extinción, a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). Presenta un inconfundible dorso de cor parda cincenta, en claro contraste coa plumaxe branca das partes inferiores.

Aliméntase fundamentalmente de pequenos invertebrados que captura á carreira. É doado observala inmóbil escrutando o substrato, para seguidamente botar a correr durante un curto intervalo, deterse de novo e repetir o proceso.

Na fase de aniñamento, entre marzo e xullo, escarva un pequeno burato na area onde deposita os ovos, que serán coidados con esmero por ambos proxenitores durante 30 días. Isto, convértea en especialmente vulnerable, tanto ante a presenza doutros animais como pola destrución accidental por actividades humanas. Por este motivo, o visitante encontrará o acceso ás dunas prohibido, agás a través das pasarelas de madeira sinalizadas.

Un exemplar de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus).

Sabías que…?

O fenómeno do mar de Ardora dáse cando hai unha alta concentración de algas microscópicas bioluminiscentes (Noctiluca scintillans). Estas, ao ser inxeridas polos copépodos (compoñentes do zooplancton de corpo transparente), tórnanse brillantes.

Observar este sorprendente fenómeno natural, e deleitarse coa súa fotoxenicidade, é relativamente fácil nas illas Cíes, entre os meses de xullo e setembro. A riqueza das súas costas e a habitual renovación das súas augas propicia que, en determinados momentos, aflore a Noctilluca, ofrecendo un espectáculo de luces natural.

Máis sobre ecoloxía

Os sistemas dunares caracterízanse por ser ecosistemas de morfoloxía inestable, suxeitos a constantes cambios, cuxas dinámicas dependen das olas, as correntes mariñas e os ventos. Por iso, son especialmente sensibles ante calquera acción humana que poida modificar esas dinámicas costeiras
(extracción de áridos, peiraos, gran impacto de visitantes…)

Descarga aquí a segunda entrega da guía.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A alga asiática que arrasa Cádiz chega as Cíes e expándese pola costa galega

Unha especie invasora detectada previamente en Cádiz consolida a presenza en augas do noroeste e preocupa polo seu impacto ecolóxico e económico

Ciencia ou engano? A UDC impulsa un estudo que di tratar o envellecemento con auga das Cíes

A universidade acepta o encargo de investigar teses baseadas nun fisiólogo francés que afirmaba reanimar cans con auga de mar

O Porto de Vigo inicia a vertedura de 220.000 toneladas de dragaxes a 3,6 millas de Cíes

O ministerio reabre o vertedoiro submarino xunto a Sálvora e habilita un terceiro a 5,5 quilómetros de Ons, onde descansarán as escavacións do Lérez

Tiburón a vista de dron: un achado inesperado nas illas Cíes

Investigadores da Universidade de Valencia captaron en agosto as imaxes dunha quenlla que nadaba nas augas costeiras do parque nacional