Mércores 21 Febreiro 2024

O observatorio ornitolóxico das Cíes, o lugar ideal para usar os prismáticos

As illas supoñen unha barreira natural para as aves e os seus ovos e a riqueza das súas augas facilítalles o acceso a un alimento abundante e de calidade

O observatorio de aves da illa do Faro conta cunhas vistas privilexiadas cara aos impoñentes cantís da parte externa das Cíes. É un lugar ideal para observar as colonias de aves mariñas, particularmente, aquelas especies sedentarias e nidificantes, como a gaivota patiamarela e o corvo mariño cristado.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (PNIAG) é un espazo especialmente idóneo para a cría de aves mariñas. As illas que o compoñen supoñen unha barreira natural para as aves e os seus ovos, fronte aos depredadores do continente, e a riqueza das súas augas facilítalles o acceso a un alimento abundante e de calidade. Estas excelentes condicións permiten soster colonias de gran tamaño.

Publicidade

As aves que podemos observar, agrúpanse en varias categorías: sedentarias (viven todo o ano nas illas), estivais (acoden só na primavera e verán para nidificar), invernantes (veñen a pasar o inverno) ou de paso migratorio.

Entre as máis habituais, podemos encontrar distintas especies de gaivotas, como a chorona (Chroicocephalus ridibundus), a cabecinegra (Larus melanocephalus), a escura (L. fuscus), a patiamarela (L. michahellis), ou o gavión (L. marinus). Tamén aparecen con frecuencia o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) e o real (P. carbo), a pardela balear (Puffinus mauretanicus) e o paíño europeo (Hydrobates pelagicus).

Gaivota patiamarela

Na parte máis alta dos cantís podemos ver a ave mariña máis abundante nesta zona, a gaivota patiamarela (Larus michahellis). Nas primaveras e veráns nidifica en todas as illas do parque, excepto na de Cortegada. O resto do ano, unha parte delas permanece nos arredores das illas, mentras que outra, espállase por toda a costa galega, norte de Portugal e mesmo Asturias.

Un exemplar de gaivota patiamarela.

Os individuos adultos poden ser identificados pola súa característica plumaxe branca e gris e as súas patas amarelas. Resulta difícil diferenciar entre machos e femias, xa que teñen unha apariencia similar, e ambos contribúen por igual ao coidado das crías. Andan en parellas, e aniñan nos meses de primavera e verán. Acostuman a facer o niño no chan, entre bloques de pedras, ou na vexetación baixa dos cantís. Poñen entre un e tres ovos.

A cor parda das crías permítelles camuflarse facilmente entre as rochas e a vexetación, protexéndose así de depredadores. Porén, durante polo menos dous meses permanecen nas proximidades do niño, sendo alimentadas polos seus proxenitores. Aínda que este sería tempo suficiente para completar o seu crecemento, non consiguen voar ata pasadas seis semanas, momento no que deben comezar a sobrevivir soas. Son poucas as crías que conseguen superar esta fase crítica e chegar a adultas.

Corvo mariño cristado

Un exemplar de corvo mariño cristado.

Dependendo da época do ano, no fondo dos cantís, veremos outra das aves mariñas máis emblemáticas desta zona, o corvo mariño cristado (Phalocrocorax aristotelis), identificable pola característica plumaxe negra e as comisuras do peteiro amarelas.

A diferenza do resto de aves mariñas, a falta de permeabilidade da súa plumaxe fai que cando están fora da auga teñan que estar continuamente batendo as ás para poder secarse. O seu corpo hidrodinámico, cun pescozo alongado e uns ollos privilexiados para ver debaixo da auga, convérteno sen armas perfectas para a pesca submarina.

Entre novembro e febreiro, cando os machos buscan parella, locen unha crista de plumas na cabeza a modo de ornamento, para atraer as femias.

Durante a nidificación, que se produce entre febreiro e xullo, poñen entre dous e tres ovos, que incuban durante catro semanas. As crías son coidadas durante un mes, momento a partir do cal teñen que aprender a alimentarse por si mesmas. Comen peixes e pequenos crustáceos que aprenden a capturar baixo as augas.

As gaivotas teñen un botón do pánico

Os individuos adultos de gaivota patiamarela contan, no extremo inferior do seu peteiro, cunha mancha vermella. Este punto sinaliza olugar onde as crías deben peteirar para solicitar o alimento aos seus proxenitores, que procederán entón a regurxitar o alimento. Durante a época de cría, boa parte da dieta constitúena uns pequenos cangrexos chamados “patexos” que xorden a milleiros nas augas que bordean as illas.

Unha distribución vexetal única

Nos cantís existen condicións ambientais que dificultan o desenvolvemento da vida vexetal, como poden ser os fortes ventos, as grandes pendentes ou a alta salinidade ambiental, pero nas Illas Atlánticas dáse un factor a maiores: as gaivotas. Estas exercen unha gran presión sobre os cantís durante a época de cría debido ás constantes pisadas e a achega constante de nutrientes. Isto confírelle a este hábitat características ambientais de seu, e tradúcese nunha distribución de poboacións vexetais moito máis complexa que nos cantís continentais.

Descarga aquí a oitava entrega da guía.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Parque Nacional das Illas Atlánticas repite este verán como destino turístico ‘Starlight’

A programación inclúe intervencións diúrnas e nocturnas que buscan introducir aos visitantes na exploración de estrelas, meteoritos e outros corpos celestes

Praia do Castelo, a importancia da conservación

Dende este pequeno espazo desfrutaremos dunhas impoñentes vistas dos illotes que conforman todo o arquipélago

Faro de Ons, a torre que salvou vidas

Está situado a 128 metros sobre o nivel do mar e data do ano 1926

Alto do Príncipe, unha paisaxe chea de contrastres

Localizado no punto máis alto da illa de Monteagudo, as duras condicións ambientais deron lugar a curiosas formacións xeolóxicas