As ondas de calor sucédense con máis frecuencia e Galicia non é unha excepción. Este aumento das temperaturas leva ao Colexio de Podólogos de Galicia (Copoga) a facer fincapé nas súas recomendacións para o coidado dos pés no verán, a extremidade máis esquecida do corpo e que é fundamental ao ser a base da mobilidade. En primeiro lugar, o Copoga manifesta que os pés hai que coidalos todo o ano, e non só no verán cando se ensinan co uso de sandalias.
Xa en materia estival, ao pasar do frío á calor, os pés poden sufrir, e o colexio ofrece unhas indicacións para seguir uns coidados mínimos. Esta chegada do bo tempo provoca que se eliminen os calcetíns da vestimenta e os pés pasen a camiñar ao descuberto polo cambio de calzado o que pode provocar unha deterioración da saúde podolóxica. “A transición non debe ser brusca e non se deben deixar de usar calcetíns de súpeto, aplicando produtos antitranspirantes para evitar o exceso de sudoración e a aparición de rozaduras e ampolas”, indica a presidenta, Ana María Requeijo.
Os podólogos advirten que tamén se debe ter coidado coas sandalias de tiras, debido a que non deben comprimir zonas do pé que teñan prominencias ou deformidades e así evitar a formación de rozaduras ou calosidades dolorosas. Igualmente consideran que se debe evitar o uso de calzados planos con solas moi delgadas e sen nada de altura de tacón para un uso prolongado ao camiñar. “Este tipo de calzado non ten a amortiguación necesaria para os golpes que se producen ao camiñar, de maneira que o pé recibe impactos continuamente e mesmo poden chegar a provocar doenzas de longa evolución e, en ocasións, moi incapacitantes, como fascite, talalxias, e cargazón da musculatura posterior da perna”, argumenta a presidenta.
No caso de utilizar calzado deportivo no verán, o Copega destaca que é aconsellable ter máis dun par para permitir un mínimo de 24 ou 48 horas de ventilación entre uso e uso e alternar cada par, preferiblemente de materiais perforados ou con reixa e de pel.
Outro aspecto non menos importante no verán é, a diario, lavar e secar moi ben os pés, sobre todo entre os dedos, así como nutrilos adecuadamente con cremas emolientes que melloran a elasticidade da pel e impiden a aparición de gretas e descamacións na pel e a infección por fungos que xeralmente causan proído e dor.
Unha das extremidades que máis sofren nos días de praia
Algo que se repite verán tras verán é usar chancletas fóra dos espazos de baño. Neste punto, o Copoga recalca enerxicamente que o uso deste calzado é só para a praia, piscina ou duchas públicas co obxecto de previr o contaxio de infeccións como fungos ou papilomas que poden aparecer se se camiña descalzos por estas zonas. “Non se aconsella usar chancletas para realizar percorridos de media ou longa distancia, xa que, ao non dispoñer dunha suxeición suficiente ao pé, obriga a camiñar flexionando en exceso os dedos, polo que se poden chegar a desenvolver deformidades, como dedos en garra ou en martelo, ademais do chamado ‘chancleteo’ ao camiñar que pode ocasionar dureza no talón”, apunta Requeijo.
Por suposto, o Copoga lembra que é fundamental botar protección solar no dorso dos pés do mesmo xeito que no resto do corpo para evitar sufrir as molestas queimaduras solares. Pero o verán tamén pode ser beneficioso para os pés, como é o feito de camiñar pola beira do mar. Os podólogos consideran que este exercicio é beneficioso sempre que a distancia se axuste ás capacidades da persoa para soportar o esforzo muscular do pé. En praias con moita cuncha, rocas ou outros elementos cortantes, recomendan o uso de escarpíns, cangrexeiras ou fanequeiras á poboación en xeral, e especialmente aos nenos e ás persoas diabéticas pola complicación que teñen na curación de feridas ou lesións nos pés.
Lacas sen produtos tóxicos e descansos para as uñas
Tampouco hai que esquecer as uñas no verán. O Copoga lembra que é importante realizar un corte adecuado para evitar que se craven nos laterais causando dor e infeccións na pel dos dedos. Pero o verán tamén vén acompañado do uso de calzado aberto, que deixa expostas as uñas e permite lucir esmaltes estéticos que embelecen o pé. Desde o colexio lembran a importancia de non abusar destes produtos e as súas consecuencias nocivas para a saúde da uña. Estas son un anexo cutáneo sensible e bastante fráxil que, sen unha correcta hixiene e coidado, ou mesmo por pedicuras moi agresivas, poden sufrir infeccións, roturas, exfoliación ou separación do leito ungueal.
Segundo a Requeijo, “os esmaltes ou lacas cosméticas danan a lámina ungueal e fan que a uña se faga máis fina, perda brillo e rompa con facilidade”. Se, por exemplo, se observa que a uña perde a súa cor habitual, que debe ser próximo ao que se ten nos dedos das mans, pode ser porque o esmalte estivo demasiado tempo aplicado e pode indicar algún tipo de infección. Algunhas das recomendacións para evitar isto son utilizar esmaltes especializados ou lacas sen produtos tóxicos e cremas hidratantes. Ademais, hai que asegurarse de que ao quitar o esmalte se elimine por completo, xa que deixar trazos enrima pode levar á aparición de fungos. Unha vez despintada, aconséllase deixar descansar a uña un tempo, xa que favorece a ventilación e a correcta hidratación.














