René Quinton foi un fisiólogo francés ao que se lle atribúe o intento de resucitar un can tras desangralo e inxectalo con máis de 10 litros de auga de mar. Foi o creador dun tratamento denominado “plasma mariño” que é considerado hoxe unha pseudociencia polo Ministerio de Sanidade. Agora, as teses de Quinton son a inspiración dun estudo impulsado pola Universidade da Coruña (UDC) que probará os beneficios dunha bebida elaborada con auga extraída das illas Cíes no envellecemento activo. Esta investigación acaba de ser aprobada pola institución académica tras o encargo dunha empresa, pese á falta de evidencia científica sobre as teses de Quinton e sen explicacións concluíntes de por que se emprega auga das Cíes.
O estudo que desenvolverá o grupo en Xerontoloxía e Xeriatría da Universidade da Coruña (UDC) está cheo de sombras que sitúan a súa propia investigación no límite entre a ciencia e o márketing. O ensaio clínico desenvolverase nunha mostra de medio cento de voluntarios de máis de 60 anos que deberán beber un litro ao día ao longo de oito semanas. A bebida está composta dun 25% de auga de mar, dun 10% de zumes ecolóxicos, dun 2% de edulcorantes ecolóxicos e dun 63% de auga. Con estas cifras, o médico Vicente Baos, vogal do Círculo Escéptico, nega as evidencias terapéuticas da auga de mar e cualifica o estudo da UDC dunha “formulación ridícula e absurda”.
Porén, a investigación está aprobado polo Comité de Ética e Investigación A Coruña-Ferrol da Consellería de Sanidade. Está financiada integramente pola empresa galega Algamar, que achega, polo menos, 25.000 euros para a realización do ensaio. Dende a UDC, o líder do estudo e catedrático de Medicina José Carlos Millan define como “interesante” a proposta lanzada pola empresa.
Algamar apóiase nas teses do fisiólogo francés para xustificar o estudo: “A vida provén do mar, que ten unhas concentracións case iguais que as do plasma sanguíneo. A auga de mar xa se emprega en moitos países con fins terapéuticos e cuxo ideólogo foi René Quinton. O noso obxectivo é apostar pola auga galega, que conta cunha calidade excepcional, e así abrir unha liña máis de negocio“, sinala o biólogo Sergio Baamonde, de Algamar. Nesta tribuna publicada en 2018 en GCiencia, o biólogo molecular Manuel Collado definía a Quinton como un “charlatán de feira”.
Pese á falta de evidencia científica das teses de Quinton, Algamar expono como referente. O líder do estudo dende a UDC, José Carlos Millán, defende a liña proposta pola empresa. “É un produto natural baseado en auga de mar filtrada, depurada e preparada. Tamén se lle engadirán extractos de froita”, describe o catedrático de Medicina. “Algamar xa comercializa auga de mar concentrada que, para usar, tense que diluír. Agora quere avanzar un pouco máis e darlle sabor a limón”, sostén Millán.
Por que das illas Cíes?
Un dos elementos máis salientables do estudo é que a auga de mar a empregar provén das illas Cíes. “No interior da ría a auga pode estar máis contaminada pero non creo que haxa grandes diferenzas con outras augas da costa galega”, indica o catedrático de Medicina. Dende Algamar, Baamonde explica que teñen un permiso de captación na contorna das illas e que, ademais, é unha auga “biomonitorizada e pura”. Non ten constancia de que noutros enclaves das illas Atlánticas, como Sálvora, Ons e Cortegada, se cumpran os mesmos parámetros. “Habería que facer un estudo”, apunta.

Non obstante, xa hai outras investigacións en Galicia con auga das illas Cíes destinada á creación dunha bebida isotónica dirixida a deportistas. Federico Mallo é catedrático de Fisioloxía e Endocrinoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) e investiga no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da mesma institución. Co seu grupo participou no deseño da bebida Blue Reset, que tamén empregaba auga das illas Cíes, pero cunha xustificación moi distinta á achegada por Algamar e Millán. “A unhas 20 ou 30 millas do arquipélago hai unha das poucas surxencias de auga de mar profunda que existen en todo o mundo. É unha auga de entre 3.000 e 10.000 anos de antigüidade ultrapura e cargada de nutrientes”, describe o experto.
Non obstante, esta auga só aflora en determinados momentos do ano, segundo Mallo. “Un grupo da UVigo foi capaz de predicir as surxencias desta auga en función do estudo de determinados parámetros, como os ventos, as mareas e as correntes”, matiza, e pon sobre a mesa as dificultades de recoller estas mostras. A raíz deste estudo crearon unha bebida isotónica coa empresa Auga de Rodas destinada a deportistas. Non obstante, Mallo matiza que a auga de mar empregada ten que estar “moi diluída”. “En Galicia pode haber unha concentración de 40 gramos de cloruro sódico por litro. Iso é unha cantidade descomunal. Nós traballamos con dilucións en torno ao 6% e enfocados á contorna deportiva”, remarca.
Na nota de prensa emitida pola UDC sobre o estudo non se especifica que tipo de dilución de auga de mar se levará a cabo para crear a bebida destinada aos maiores de 60 anos. Algamar non achega esta información: “Só podemos dicir que é unha fórmula isotónica e acordada en función do que buscamos. Conforme saian os resultados poderemos variar”. Este é un dos puntos clave para analizar o estudo, malia que a información non sexa pública. En función do contido de sal da bebida, tendo en conta o salgada que é a auga de mar en Galicia, poderíase valorar a súa pertinencia. “Hai que ter coidado de non traballar cunha sobrecarga de sal. As persoas de 60 anos xa teñen un risco maior de ter hipertensión e problemas renais”, advirte Mallo.
Por que ingredientes ecolóxicos?
Outro dos puntos quentes do estudo é o uso de zumes e edulcorantes coa etiqueta de “ecolóxicos”. Dende a empresa defenden o uso destes produtos dende o punto de vista da sostibilidade e aseguran que no miolo do seu negocio, que son as algas, xa apostan por este tipo de procesos. É dicir, é a súa filosofía empresarial. Pola súa banda, o líder do estudo na UDC apunta que “a xente mira cada vez máis as etiquetas” e, polo tanto, o uso deste tipo de zumes e edulcorantes etiquetados como ecolóxicos, ao igual que o uso da auga das illas Cíes, pode responder a unha utilización máis enfocada ao comercial.
A nutricionista e farmacéutica Ana Fernández Quiñoá indica que o máis saudable é consumir as froitas enteiras, polo que é recomendable evitar o consumo habitual de zumes. Non obstante, matiza: “Non podemos demonizar as bebidas isotónicas. Os deportistas necesitan tomar líquidos con azucre, pero os edulcorantes non achegan nada dende o punto de vista enerxético. En todo caso, serven para crear un sabor máis doce, máis palatable e para que a súa venda teña máis éxito”, apunta. A bebida pola que aposta a UDC só emprega edulcorantes e non vai dirixida a deportistas, senón a maiores de 60 anos. Fernández Quiñoá acusa falta de información e matiza que, en todo caso, sería unha bebida de consumo ocasional, pero non diario.
En canto ao seu enfoque cara ao envellecemento, a nutricionista cre que para as persoas maiores se requiren “fórmulas máis completas”. En idades avanzadas o que máis pode suscitar preocupación dende o punto de vista nutricional é a sarcopenia, é dicir, a perda de masa muscular e forza. Isto precisaría dun consumo máis elevado de proteínas, que non contén a bebida da UDC. “Agora mesmo a auga de mar está moi de moda. Pode ser un recurso moi interesante, pero máis ben en deportistas que, por mor da suor, necesitan unha concentración maior de minerais e electrolitos”, engade a nutricionista.
O foco na deshidratación
O estudo dirixido por Millán está enfocado no envellecemento activo, mais este é un campo de estudo moi amplo para abordar en só oito semanas. O catedrático de Medicina da UDC asegura que se van centrar, sobre todo, nos efectos beneficiosos da bebida isotónica na hidratación. Para iso, o medio cento de voluntarios, incluíndo o placebo, consumirán un litro desta auga ao día durante oito semanas. “O obxectivo é repoñer sales minerais. Moitas persoas maiores teñen carencia delas polo tipo de alimentación, que pode ser máis monótona e rutinaria”, sinala. Fai mención, especificamente, á sindrome da boca seca: “Dáse moito en persoas maiores”.
Porén, o médico de familia e vogal do Círculo Escéptico, Vicente Baos Vicente, desdí a Millán. “A boca seca, máis que unha síndrome, é un síntoma. Non hai ningunha deshidratación específica do ancián. A xente non está deshidratada porque si, salvo por unhas condicións clínicas que a acompañen. Pensar que a boca seca se vai aliviar por consumir auga cunha pequena diferenza en sales minerais, é esperar un milagre da nada“, sentenza. De feito, é categórico ao afirmar que a auga depurada de mar non ten tantas vantaxes como se lle atribúen: “É auga un pouco máis salgada pero non ten ningún fundamento terapéutico. A formulación deste estudo é absurda e ridícula. Detrás hai un interese comercial puro e duro”, asegura con contundencia.
Beneficios na dixestión?
De feito, Baos Vicente nega que as bebidas isotónicas sexan beneficiosas cando cursa unha gastroenterite ou outro problema dixestivo. Porén, Millán defende que incluirán este aspecto no estudo e analizarán se a bebida que van probar na UDC pode mellorar o hábito intestinal e, sobre todo, aliviar o estrinximento. Asegura, ademais, que existen múltiples evidencias científicas e unha ampla bibliografía sobre os beneficios no consumo da auga de mar. “Pode mellorar as alteracións dos lípidos en sangue, pode protexer ante os problemas cardiovasculares e incluso favorecer o control da presión arterial”, apunta, aínda que asegura que non poderán comprobar todo isto no estudo.
No que coinciden a nutricionista Ana Fernández Quiñoá e os médicos Federico Mallo e Vicente Baos é que as bebidas isotónicas son boas opcións para situacións moi concretas cunha gran perda de sales minerais, como poden ser os ámbitos deportivos. Non obstante, non cren que a situación sexa reproducible en maiores de 60 anos, nos que hai aspectos máis importantes, como a necesidade de consumir máis proteína. Amais, todos coinciden na dificultade de medir os niveis de deshidratación e manteñen as súas reservas ante a falta de información sobre o deseño do estudo. Mais a sensación de sede, se non se cuantifica, é un parámetro absolutamente subxectivo.
Críticas dende a UDC
As voces críticas co estudo non só xorden dos ámbitos sanitarios relacionados dunha ou doutra maneira coa investigación da UDC. O profesor do Departamento de Enxeñaría Civil da UDC Manuel F. Herrador, cunha destacada faceta de divulgador e un dos primeiros membros do comité de ética da universidade, sinala as “bandeiras vermellas” da investigación. “O problema non é que haxa unha empresa detrás, senón se hai un verdadeiro interese científico”, critica. Cun claro rexeitamento ante as pseudociencias, asegura que todos os membros da comunidade educativa da UDC recibiron un correo para convidalos a participar no estudo: “Isto non é o habitual dos ensaios clínicos. En todo caso, de estudos observacionais”.
O estudo da UDC está, ata o momento, en fase de recrutamento. A metade dos participantes serán usuarios dunha residencia de maiores da contorna da Coruña e agardan comezar co ensaio clínico a principios de marzo. Tras a análise dos resultados, publicarán un estudo científico, malia que Millán é optimista: “Penso que sairá positivo”. O certo é que a investigación ten numerosas luces e sombras sinaladas por expertos alleos ao ensaio pero, sobre todo, o que máis alarma é a referencia: René Quinton. Que a empresa promotora do estudo o sinale como un exemplo a seguir, cando o “plasma mariño” é considerado unha pseudociencia, dá que pensar e estreita aínda máis a liña entre a ciencia e o engano.
Precedentes: a auga de mar tamén cura a resaca
A auga de mar e os seus potencias efectos terapéuticos é unha polémica recorrente. En 2018, GCiencia alertaba da bebida Refix, que se promocionaba como remedio para a resaca. Neste caso non era auga das Cíes, senón da Costa da Morte. E estaba mesturada con auga dun manancial de Lugo, con zume de limón e con estevia. Esta receita é extraordinariamente parecida á de Seadrinks, a bebida que agora impulsa a UDC. O dosier da marca Refix tamén mencionada a Quinton como un referente do que tomar exemplo polos seus estudos con auga de mar. Dende logo, o fisiólogo francés é un fío condutor, de forma recorrente, de bebidas que prometen solucionar problemas cotiás.















Puf… vaya forma de manipular la información y de presentar un estudio científico por parte de profesionales, y de convertirlo en puro sensacionalismo…no entendéis ni lo que quieren hacer, ni lo que es el envejecimiento activo, ni lo que supone el aportar sales minerales y oligoelementos a una dieta en personas mayores con riesgo de carencias… prensa rosa…