O xadrez, fórmula para mellorar a cognición, o ánimo e a calidade de vida nas persoas maiores

Un estudo realizado nun complexo xerontolóxico da Coruña constata os beneficios do xogo nun grupo de usuarios e abre a porta a estendelo como terapia

Poucos xogos hai tan apaixonantes e cargados de historia como o xadrez. A través do simbolismo das súas pezas, o movemento polas 64 casas do taboleiro e as múltiples estratexias que se poden seguir para acadar (ou evitar) o xaque mate, cativa a profesionais e afeccionados de todo o mundo desde hai moitos séculos. A súa práctica fai desfrutar do ocio a moitas persoas, e pode axudar a levar de mellor maneira momentos complicados. E no Complexo Xerontolóxico La Milagrosa (A Coruña) constatouse tamén, nun estudo piloto, o seu impacto positivo como terapia para mellorar a cognición, o estado de ánimo e a calidade da vida das persoas usuarias. O traballo desenvolveuno un equipo do grupo de investigación en Xerontoloxía e Xeriatría da Universidade da Coruña, e saíu publicado recentemente na revista Geriatric Nursing.

A idea, segundo explica Nuria Cibeira González, psicóloga e unha das autoras da investigación, realizada no marco da súa tese de doutoramento, xorde pola colaboración cos membros das Iniciativas Culturais e Deportivas (INCUDE) da institución coruñesa, que xa estaba a impartir aulas de xadrez en todas as idades e, nomeadamente, na universidade sénior. “Existe moita bibliografía sobre os efectos positivos do xadrez en poboación infanto-xuvenil, pero no ámbito da xerontoloxía apenas existe investigación específica”, expón Cibeira. Así que o equipo decidiu desenvolver a análise “para explorar en profundidade os efectos que a práctica regular de actividades de estimulación cognitiva, como xogar ao xadrez, pode ter en etapas de idade avanzada”.

Publicidade

Reserva cognitiva

Con esta base deséñase o estudo, que contou cun grupo de 22 participantes residentes ou usuarios do centro de día nun complexo xerontolóxico da Coruña. “Quixemos ver o efecto en persoas sas, e algunhas con deterioración leve ou moderada”, engade a investigadora. En canto á base teórica, explica Nuria Cibeira, o estudo parte do concepto de reserva cognitiva, “referido á capacidade de adaptación dos nosos procesos cognitivos, o que explicaría as diferenzas individuais existentes na tolerancia ante os efectos do envellecemento cerebral ou ante os cambios patolóxicos, como os producidos na demencia”.

Exemplifícao a investigadora deste xeito: “podería definirse como unha especie de ‘almacén mental‘ que, canto maior sexa, axudaría a manter mellor as nosas capacidades cognitivas e/ou compensar mellor os cambios asociados ao proceso de envellecemento ou os asociados a procesos patolóxicos como a demencia”.

Publicidade

Imaxes tomadas durante as clases de xadrez nas que se desenvolveu a investigación. Foto cedida polos autores.
Imaxes tomadas durante as clases de xadrez nas que se desenvolveu a investigación. Foto cedida polos autores.

A evidencia científica, segundo expoñen os autores do estudo, é cada vez maior a favor de que “unha alta reserva cognitiva podería actuar como factor protector fronte as manifestacións clínicas da deterioración cognitiva leve (DCL) e da demencia; isto é, ante un nivel similar de patoloxía cerebral, as persoas con maior reserva cognitiva mostrarán menos ou máis tarde as manifestacións clínicas da deterioración cognitiva”.

É neste punto onde o uso do xadrez como posible actividade terapéutica entra en xogo: “a reserva cognitiva está influída por numerosos factores ao longo da nosa vida, como o nivel educativo, o desempeño profesional, o cociente intelectual, as interaccións sociais, a actividade física e as actividades cognitivas estimulantes”. Deste xeito ‘adéstranse’ funcións executivas como a velocidade de procesamento, planificación, memoria de traballo ou razoamento lóxico. Por isto, calquera actividade que produza cambios positivos no estilo de vida, mesmo en idades avanzadas, podería axudar a combater a deterioración cognitiva relacionada coa idade ou fronte ao posible desenvolvemento de demencia, aclaran os autores do traballo. A isto hai que engadir, segundo destaca Nuria Cibeira, os beneficios sociais e psicolóxicos observados grazas á practica deste tipo de actividades, xa que a gran maioría adoitan ter lugar no contexto das relacións sociais. “Vimos, por exemplo, que a perspectiva da motivación e a interacción social que supoñía todas as semanas a programación das actividades animaba moito ás persoas participantes”.

Mellora, colaboración e perspectivas de futuro

As primeiras fases do proxecto estiveron influídas por un certo escepticismo por parte das persoas participantes: “Moitos tiñan a sensación de que non serían capaces de poder aprender, “son demasiadas pezas, cada unha móvese dunha forma distinta…’, pero segundo transcorrían as clases e notaban como avanzaban cada día, íanse motivando cada vez máis e referían sentirse moi ben, tanto por recordar os conceptos dunha clase á outra como por o bo rato que pasaban cos compañeiros”, explica a investigadora Nuria Cibeira.

Mesmo para ela, a nivel persoal, o proxecto piloto resultou “unha experiencia moi agradable e gratificante”, e amosouse sorprendida pola “capacidade de aprendizaxe dunha actividade tan complicada como é o xadrez en persoas incluso con presencia de deterioración cognitiva leve-moderada”. Como aprendizaxe propio quédase con “non dar algo por suposto, nin subestimar as nosas capacidades nin as das persoas maiores”, xa que “con esforzo e motivación todos eles foron conseguindo poñer en práctica o que aprendían clase tras clase”.

A pandemia da Covid-19 freou o proxecto, pero está previsto reanudalo e estendelo a outros espazos, como asociacións ou centros culturais

O avance da actividade fixo xurdir a colaboración e axuda no grupo: “De forma espontánea, aqueles participantes que tiñan máis facilidade para adquirir os conceptos, axudaban de forma espontánea aos que lles custaba máis, creouse un ambiente moi bo nas clases, e todos eles estaban moi contentos tanto cos profesores como cos compañeiros, sempre desexando que chegase o martes e o xoves para xuntarse a xogar o xadrez e seguir aprendendo, o que tamén lles axudaba a orientarse temporalmente a aqueles que tiñan algunha dificultade a este nivel”, continúa Cibeira.

As clases reunían a residentes permanentes no centro cos usuarios de centro de día, o que non acontecía co resto das actividades no centro. “A nivel social era unha novidade moi atractiva e motivadora para eles, xa que todos estes aspectos a nivel de participación social, teñen unha repercusión indirecta tanto no estado de ánimo coma na calidade de vida autopercibida”, engade.

A pandemia da Covid-19 e as estritas medidas de prevención establecidas nestes centros paralizaron o proxecto, que se incorporara ao resto de actividades de intervención que se ofrecían no complexo. Porén, en canto as condicións sanitarias o permitan, o obxectivo é retomala neste centro, e mesmo estendela a outros escenarios. “A nosa intención é continuar esta liña de investigación ampliando o ámbito de estudo a un maior número de institucións de atención a persoas maiores, tanto con deterioración cognitiva (residencias e centros de día) coma sen deterioración (asociacións, centros culturais, etc.) en principio na provincia de A Coruña”.


Referencia: Effectiveness of a chess-training program for improving cognition, mood, and quality of life in older adults: A pilot study (Publicado en Geriatric Nursing). 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo revela como a Guerra Civil e o franquismo afectan 90 anos despois os familiares das vítimas

A investigación interdisciplinar identificou diferentes patróns psicolóxicos en función de se puideron recuperarse ou non os restos mortais da vítima

Científicos galegos avalan as terapias con realidade virtual para persoas con dano cerebral adquirido

Dous estudos pioneiros demostran a eficacia dun modelo baseado en 'exergames' que combina estimulación física e cognitiva

A recuperación de rexistros sonoros de 1910 saca á luz un estudo pioneiro en 11 linguas (incluída a galega)

A Biblioteca de Verín rescata do esquecemento a investigación do psicólogo, sociólogo e escritor Eloy Luis André na que estuda as curvas melódicas da fala

O Living Lab de Vigo pon en marcha o testeo colaborativo de solucións tecnolóxicas para a saúde

O proxecto internacional conta con oito propostas innovadoras en desenvolvemento para tratar pacientes con Alzheimer e demencia