O cumio do monte Xiabre é unha das grandes atalaias para contemplar a ría de Arousa e a comarca de Caldas. Nunha das súas abas, que cae cara a parroquia de Saiar, en Caldas de Reis, sitúase a Laxe dos Bolos, unha estación na que xa se coñecía a presenza duns petróglifos, pero que está a tomar un novo pulo cunha investigación que desenvolve o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), nun traballo encargado polo Concello de Caldas de Reis. A semana pasada celebrouse na parroquia unha charla divulgativa a cargo de Elena Cabrejas, que dirixe as análises, e que destacou que a iconografía dos grabados convérteos en “únicos” en Galicia.
A actuación, que se comezou a deseñar en decembro de 2020, pretende determinar as claves que relacionan este petróglifo coas estacións rupestres de Monte Xiabre e a paisaxe natural e cultural circundante. O proxecto conta tamén coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Saiar, propietaria dos terreos.

“A existencia do petróglifo Laxe dos Bolos deuse a coñecer no ano 2001 por Pena Santos e Rey García mediante a publicación dun calco do mesmo. A Xunta de Galicia promove, no ano 2007, un novo traballo no marco da Delimitación de Bens de Interese Cultural para un conxunto de petróglifos situados na provincia de Pontevedra, baixo a coordinación de Manuel Santos Estévez do Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe, do IIT da Universidade de Santiago de Compostela, Unidade asociada por entón ao CSIC a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento”, explica Cabrejas.
Aquelas análises marcaron un camiño que agora continúa. “Polo momento, hai bastantes lagoas no coñecemento do petróglifo e sábese pouco acerca de cuestións como o seu paralelismo ou singularidade respecto a outros. Necesítase, por tanto, abordalo a través dun estudo interdisciplinar”, destaca a arqueóloga do CSIC. “O que estamos a facer é abordar a realización dun rexistro 3D fotogramétrico detallado e xeorreferenciado do soporte e dos gravados, un estudo estilístico dos motivos e unha contextualización cronolóxica co fin de comprender as implicacións culturais, singularidades e relacións con outros elementos da contorna do petróglifo”, explica Cabrejas.
O Incipit detalla, do mesmo xeito, que a análise pode ampliarse a áreas máis susceptibles de albergar outras entidades de semellante tipoloxía ou bens patrimoniais relacionados e non documentados ata o de agora. Alén disto, o proxecto tamén contempla desenvolver unha vertente divulgativa do proxecto, con unidades didácticas e exposicións que acheguen o valor patrimonial do enclave á veciñanza do municipio.













