O antigo mosteiro de Santo Estevo, un espazo para coñecer as illas Cíes

As súas ruínas son agora as bases arquitectónicas do actual Centro de Interpretación do Parque Nacional

Na Idade Media, segundo contan, había nas illas Cíes un convento en torno ao cal se asentou unha pequena poboación. As súas ruínas son agora as bases arquitectónicas do actual Centro de Interpretación do Parque Nacional (PN), considerada unha parada obrigada para coñecer a súa historia.

O edificio, de apariencia relixiosa, con planta rectangular, dúas alturas e cuberta a dúas augas, aséntase sobre os cimentos do antigo convento de Santo Estevo. A estrutura orixinal aínda se pode apreciar na base da actual edificación. Durante a reconstrución atopáronse varias tumbas antropomorfas de etapas primitivas, estando unha delas en exposición actualmente.

Publicidade

Ao redor do edificio podemos ver multitude de vivendas que agora son privadas ou forman parte do PN. Estas construcións, de antigos asentamentos, amosan a lóxica usada polos poboadores da illa dende a época do medievo para emprazar as súas vivendas, buscando sempre refuxio dos fortes ventos do sur, tan característicos do inverno nesta rexión Atlántica.

Legado romano

O legado romano da cristianización en terras galegas foi a orixe da proliferación das ordes relixiosas na Idade Media. Así, en torno ao século VI, instaláronse nas illas dous conventos de eremitas, o de Santo Estevo, actual Centro de Interpretación, e o de San Martiño, na illa Sur.

Publicidade

Xa no século IX, as illas foron doadas polo rei Afonso III á Catedral de Santiago, e os monxes que alí vivían exerceron funcións de control e administración sobre a pequena poboación que congregaron, sendo o uso da terra, por parte dos campesiños, pagado con algas e outros produtos do mar.

A finais da Idade Media, os conflitos da monarquía española fixeron que as illas deixaran de ser un remanso de paz, sendo frecuentemente atacadas por piratas e barcos invasores, que as aproveitaban para refuxiarse e acosar as poboacións próximas á ría. Estes ataques, que tiveron lugar ata ben entrado o século XVIII, provocaron a fin da ocupación eclesiástica.

As illas Cíes comezaron a despoboarse no século XX

En 1840 instaláronse nas illas dúas fábricas de salgadura, unha localizada no actual restaurante de Rodas, no peirao de pasaxeiros, e outra na illa de San Martiño. A presenza destas fábricas facilitou o asentamento dunha comunidade de aproximadamente 50 persoas, cuxa forma de vida se baseaba na agricultura de autoconsumo e na pesca.

A illa comezou a despoboarse no século XX coa aparición das conserveiras nas cidades da costa, abrindo así novos horizontes laborais aos seus habitantes. Nos anos 60, o turismo fíxose masivo, polo que en 1980, co ánimo de protexer os seus ecosistemas, foron declaradas Parque Natural, e xa no 2002, para incrementar máis a súa protección, e xunto coas illas de Ons, Sálvora e Cortegada, constituíuse o actual Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Non debes perder… O legado castrexo

As Illas Cíes foron un lugar de asentamento na Idade de Bronce (1.800-1.200 anos a.C.). Proba diso, atópase no poboado das Hortas, na ladeira do monte Faro, e noutras referencias a estruturas similares no Alto da Campá, aínda sen verificar. Segundo os restos atopados, este asentamento tería sido de tipo castrexo-romano. Nel, téñense identificados, dende un altar druídico ata un concheiro onde acumulaban cunchas, ósos e cerámica. Crese que os seus poboadores tiñan relacións coas xentes da costa porque, tanto as anclas líticas coma as cerámicas atopadas no poboado seméllanse ás do continente.

Máis sobre… Historia

Durante a rehabilitación do actual Centro de Interpretación do PN encontráronse varias tumbas antropomorfas de etapas primitivas (unha delas en exposición), así como restos óseos de homes e mulleres. Crese que estas tumbas, escavadas directamente na rocha, poderían pertencer aos monxes eremitas que foron enterrados nas illas, aínda que outras teorías apuntan a que eran empregadas para rezar ou realizar actividades relacionadas co ascetismo.

Descarga aquí a cuarta entrega da guía.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha campaña confirma a ocupación do castro das Cíes dende a época castrexa á Idade Media

O estudo levou a cabo dúas sondaxes na zona que confirmaron a presenza dun importante asentamento humano previo á chegada dos romanos

A alga asiática que arrasa Cádiz chega as Cíes e expándese pola costa galega

Unha especie invasora detectada previamente en Cádiz consolida a presenza en augas do noroeste e preocupa polo seu impacto ecolóxico e económico

Ciencia ou engano? A UDC impulsa un estudo que di tratar o envellecemento con auga das Cíes

A universidade acepta o encargo de investigar teses baseadas nun fisiólogo francés que afirmaba reanimar cans con auga de mar

Resolto o enigma dos aneis milagreiros do mosteiro de Santo Estevo

Unha investigación do CSIC confirma a autenticidade das xoias atopadas en 2020 durante a restauración de mobiliario da igrexa do antigo mosteiro e dátaas no século X