O Sergas aposta por un plan de innovación para mudar o paradigma da atención sanitaria

O proxecto aplica a medicina 5P baseada no desenvolvemento de novas terapias e medicamentos para unha atención personalizada

O plan de innovación sanitaria PRECISAÚDE foi presentado hai uns días en Santiago nunha longa xornada na que estiveron presentes representantes públicos e privados dos distintos sectores sanitarios relacionados co proxecto. A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo explicou durante a xornada que o plan vai supoñer un “cambio de paradigma” na atención sanitaria en Galicia, xa que conta cuns ambiciosos obxectivos centrados en ofrecer unha mellor e máis personalizada atención ao paciente e optimizar os recursos do sistema.

Durante a xornada, José María Romero Fidalgo, director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia do Coñecemento en Saúde (Acis), explicou que PRECISAÚDE se basea na Medicina 5P que procura unha maior personalización dos tratamentos, aposta pola prevención, utiliza os elementos de predición, promove a participación dos pacientes e ten moi en conta as necesidades da poboación. “O Plan de Innovación do Sergas vai continuar na liña de excelencia que xa se emprendeu hai máis dunha década en materia de Compra Pública Innovadora”, indicou.

Publicidade

Romero explicou que o plan aspira a mobilizar en torno aos 20 millóns de euros nos próximos 3 anos e se buscará o cofinanciamento dos Fondos Feder. Despois do verán está prevista unha nova convocatoria dos fondos FID do Ministerio de Ciencia e Innovación á que se presentarán os proxectos innovadores elixidos pola Xunta de Galicia para poder cofinanciar estas actuacións.

Á xornada asistiron representantes de entidades sanitarias públicas e privadas galegas que poderán concorrer ao procedemento de Compra Pública Innovadora (CPI) que xa está aberto para poder desenvolver tratamentos e terapias innovadoras nos catro ámbitos nos que se desenvolve PRECISAÚDE: as solucións innovadoras baseadas en biomarcadores, os sistemas de simulación innovadores, as solucións de análise xenómico avanzado-integrado e as terapias innovadoras. Cada un destes apartados conta cuns obxectivos específicos que suman un total de sete retos para desenvolver terapias e tratamentos innovadores, entre os que se atopan as solucións innovadoras baseadas en biomarcadores para oncoloxía ou as plataformas avanzadas de análise xenómico cruzado.

Publicidade

Proceso de selección de proxectos

A Medicina 5P na que está baseado esta novo proxecto de innovación sanitaria ten como obxectivos principais detectar as enfermidades en fase temperá, estratificar aos pacientes para seleccionar a terapia óptima, reducir as reaccións adversas aos tratamentos, mellorar a selección das dianas bioquímicas, reducir a taxa de fracaso dos ensaios clínicos e mudar o foco do tratamento á prevención e da enfermidade ao benestar. Segundo indicou a xerente do Sergas, o obxectivo final é construír un sistema sanitario público que se adapte ás necesidades únicas de cada persoa.

O proceso para chegar a poñer en marcha estas solucións innovadoras está a comezar co diálogo aberto co mercado no que se pide ás entidades e persoas, públicas e privadas, que presenten as súas propostas para que poidan ser avaliadas. Trátase dunha convocatoria que está aberta ata o 17 de xullo e na que se pode participar a través dun formulario publicado na páxina web. Estanse a procurar solucións que non existan actualmente no mercado e que teñan un período de desenvolvemento aproximado de tres anos. Unha vez seleccionadas as propostas, presentaranse á convocatoria que fará o Ministerio de Ciencia, que debería resolverse a finais de 2023. Cando se obteña o financiamento, farase unha licitación pública en calquera modalidade de Compra Pública Innovadora. Os proxectos poderán desenvolverse ata 2027.

Á xornada celebrada a semana pasada en Santiago asistiron destacados científicos como Ángel Carracedo, director da Fundación Galega de Medicina Xenómica, e tamén responsables de empresas públicas como Galaria, que está a desenvolver o proxecto de creación dun Centro de Terapias Avanzadas en Santiago, e directores de área de distintos hospitais da rede do Sergas. Todos eles terán un papel importante na posta en marcha dos distintos proxectos enfocados a desenvolver unha atención sanitaria cada vez máis personalizada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da pandemia á economía circular: así nace o proxecto REHEAL para reducir os residuos sanitarios

O SERGAS participa xunto a outros sistemas europeos nun consorcio que impulsa cadeas de subministración máis sostibles

Galicia introduce unha vacina de reforzo contra a meninxite B aos 12 anos

O Sergas aplicará unha dose única aos nenos con pauta completa e dúas aos que non a teñan, aínda sen definir a data de inicio da medida

Dentro do proxecto de Carracedo: como poñer nome ás enfermidades raras de galegos sen diagnóstico

A análise do xenoma completo e o uso de tecnoloxías avanzadas permiten detectar mutacións complexas tras máis dunha década de probas sen resultado

Un proxecto liderado por Carracedo resolve os casos de 18 galegos que levaban 10 anos sen diagnóstico

A iniciativa é un dos eixos da Estratexia Nacional de Medicina Personalizada e conta cunha rede de 110 hospitais e máis de 500 expertos de toda España