GCiencia recibe o Premio Peña Novo polo seu “traballo arreo a prol da cultura e lingua do país”

A fundación que impulsou os galardóns hai 28 anos louva o portal “por contribuír decisivamente a poñer en valor o galego” a través do xornalismo

GCiencia recibiu este xoves o Premio Lois Peña Novo pola súa contribución a consolidar o uso do idioma galego, nun acto desenvolvido no castelo de Soutomaior. Os Peña Novo recoñecen dende 1995 o labor de persoas, entidades ou empresas que traballan a prol da lingua galega desde distintos ámbitos profesionais. Xunto a GCiencia, recibiron o seu galardón a guionista, redactora e directora de programas de debate e informativos Rosa Castro Legazpi e o historiador, escritor e divulgador Felipe Senén López, pola súa traxectoria na defensa do patrimonio cultural de Galicia.

O xurado valorou a “contribución decisiva” de GCiencia para “poñer en valor a lingua, dándolle visibilidade a través das redes sociais e achegándoa á cidadanía”. “Promove unha valorización do galego en ámbitos científicos nos que a nosa lingua é minoritaria”, apunta o fallo do xurado, que engade: “GCiencia provoca un efecto positivo na utilización do galego na sociedade, dotándoo de prestixio e escorrentando prexuízos lingüísticos”.

Publicidade

Louva de Marisa Castro

A bióloga e escritora Marisa Castro, presidenta do xurado, foi a encargada de louvar o labor de GCiencia antes da entrega do premio, nun discurso no que incidiu nos fitos logrados polo xornal de divulgación de referencia en Galicia, tanto polo seu seguimento e comunidade de seguidores como polo feito de logralo usando o galego.  “GCiencia convértese, por dereito propio, nun dinamizador de amplo espectro” do idioma de Galicia, “para facer ver á cidadanía que o galego é unha lingua válida para calquera disciplina e escorrentando prexuízos lingüísticos que tollen o seu uso acotío”, agradeceu.

A presidencia e os premiados na entrega dos galardóns.

“Aproveito a oportunidade para expresarlle, en nome propio e de todos os membros da Fundación Peña Novo, a miña máis cordial noraboa polo premio recibido, froito dun traballo arreo a prol da cultura e da lingua do país”, sinalou Marisa Castro. Xunto ela, formaron parte do xurado a maxistrada titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, Paz Filgueira Paz; o escritor Xulio Ríos Paredes, e o escritor e lingüista Antón Dobao. Actuou como secretaria Carme Pérez Vaquero, tamén secretaria da Fundación Lois Peña Novo. O acto deste xoves contou coa presenza de centos de persoas e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e polo alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo.

Publicidade

O paradoxo do galego

En nome de GCiencia recibiu o premio o seu director e fundador, Pablo López, que agraceu a distinción en nome do xornal e dos seus traballadores e colaboradores. López recordou os dez anos que se fan este 2023 dende a creación de GCiencia, un tempo no que se logrou consolidalo entre os máis lidos dos dixitais galegos. Recordou o director que a súa creación baseouse na convicción de facer xornalismo e divulgación e de facelo en galego. “O uso do noso idioma tivo un efecto paradoxal, porque pese a penalización coa que os grandes buscadores castigan os medios en linguas como a nosa, foi unha decisión que dotou de toda a súa personalidade a GCiencia, un medio que agora non se concibiría en calquera outro idioma”, afirmou, para engadir: “En contra do que sinala o xurado, podería dicirse que nós non dignificamos o galego, senón que foi o galego quen nos dignificou a nós”.

O Peña Novo súmase a unha longa lista de premios recollidos por GCiencia, que foi distinguido en 2019 co Prisma ao Mellor Novo Medio, o galardón da divulgación científica de maior prestixio en España, e en 2020 co Premio da Crítica de Galicia. O de Xornalismo Dixital do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (2019) e o Rosalía de Castro de Cultura Galega que outorga a Deputación da Coruña (2019) son outras das distincións acadadas polo xornal nestes dez anos de existencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tremor no Caribe

Dous terremotos sacoden Venezuela e deixan un balance catastrófico con 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Por Laura Filloy

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

A bordo do hantavirus

O gromo dunha enfermidade potencialmente mortal en alta mar. Por Laura Filloy