As persoas xordas enfróntanse no seu día a día con barreiras comunicativas en múltiples ámbitos que dificultan a súa plena integración como cidadáns de pleno dereito. Para a maioría dos trámites que aos oíntes lles resultan triviais as persoas xordas precisan ir acompañadas dun intérprete ou un familiar, pero isto non sempre é posible, sobre todo, cando se trata dunha emerxencia. “A atención en urxencias é un dos casos nos que, por definición, a planificación coa antelación suficiente non é posible e isto agrávase pola ausencia de intérpretes nos servizos de urxencias”, explica o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic José Luis Alba, coordinador de SignaMed. Ao abeiro deste proxecto desenvolveuse o primeiro dicionario multiplataforma, accesible vía web desde calquera dispositivo, de termos de saúde en Lingua de Signos Española (LSE).
Este mércores presentáronse os resultados do proxecto nun acto no que Alba estivo acompañado por Carmen Cabeza, integrante do proxecto e profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, e Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización. Durante o evento salientouse que detrás desta iniciativa está un equipo multidisciplinar de expertos en medicina, lingua de signos e desenvolvemento tecnolóxico. Xuntos crearon un tradutor automático permitirá que as persoas xordas ou con discapacidade autidiva accedan a información médica de calidade sen barreiras ou, “cando menos, cun menor grao de dificultade”. “SignaMed é moito máis ca un dicionario de saúde en lingua de signos, é unha ferramenta de inclusión e de empoderamento das persoas xordas”, salientou a vicerreitora.
O dicionario contén máis de 300 signos relacionados coa saúde e 231 definicións en Lingua de Signos Española
Tras a proxección dun vídeo resumo do proxecto, o responsable explicou que o dicionario contén máis de 300 signos relacionados coa saúde e 231 definicións en LSE, consultables tanto en texto como signando fronte á cámara web ou do móbil. “O último modelo dispoñible recoñece cun acerto do 94% de 120 signos e variantes e, pouco a pouco, iranse integrando os restantes”, salientou Alba, ao tempo que explicou que para a posta en marcha desta ferramenta se desenvolveron diferentes modelos de intelixencia artificial que permitiron ir recoñecendo, a medida que se incorporaban, calquera signo ou variante do dicionario.
Desenvolto coa axuda da FAXPG, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, e coa cooperación de colaboradores anónimos da comunidade xorda, ao abeiro de SignaMed producíronse seis píldoras divulgativas para explicar a tecnoloxía de intelixencia artificial desenvolta e lanzáronse tres competicións para facer a participación máis entretida, repartindo premios aos maiores contribuíntes de cada competición. “Todos estes contidos, páxina web, aplicación, píldoras divulgativas e competicións están accesibles en español e LSE”, recalcou o coordinador.
Proba piloto no Álvaro Cunqueiro a finais de 2024
Se ben SignaMed aínda remata esta semana, desde o equipo liderado por Alba levan xa varios meses traballando na súa continuación natural, un novo proxecto financiado nesta ocasión con máis de 140.000 euros dos fondos Next Generation e polo Ministerio de Ciencia e Innovación na modalidade de Proba Concepto. Bautizado como SignaSalud, este traballo consistirá na posta en marcha dunha proba piloto nunha contorna real, neste caso o servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, dotando a este servizo dun intérprete automático que entenda frases curtas en LSE relacionadas con calquera urxencia médica.
“Empregarase a plataforma desenvolta en SignaMed para recadar a cooperación da comunidade xorda signando frases en LSE para ese dominio de aplicación”, explicou o investigador de atlanTTic, ao tempo que fixo fincapé en que os modelos de intelixencia artificial a desenvolver partirán dos resultados de SignaMed “pero deberán ser notablemente máis complexos”. A previsión é realizar esta proba a finais de 2024 e contará coa participación de FAXPG, o Sergas e a empresa Balidea, como avaliadora do éxito potencial da mesma.
As actividades do proxecto arrancaron o pasado mes de xaneiro e este primeiro ano estará practicamente dedicado a obter gravacións de termos e frases para adestrar e probar o sistema, á vez que se irá mellorando con pequenas probas internas. Xa no segundo ano, 2024, o obxectivo será definir a proba, implementala coa tecnoloxía máis axeitada para o servizo de urxencias, familiarizar as persoas xordas co uso da aplicación e buscar fontes de financiamento para que apoien o desenvolvemento posterior da tecnoloxía.
Coa colaboración da FAPXG e o Sergas
“Actualmente non existe ningún tradutor automático para ningunha das linguas de signos do mundo, non obstante novos algoritmos de aprendizaxe profundo e resultados previos do noso equipo de investigación permiten entrever un cambio importante nos vindeiros anos”, salienta Alba, pondo así en valor o traballo desenvolto polo Grupo de Tecnoloxías Multimedia de atlanTTic neste ámbito.
Para conseguilo contan cun equipo interdisciplinar do que forman parte investigadores de atlanTTic especialistas en visión por computador, aprendizaxe automática, intelixencia artificial e microlearning, xunto con investigadores do departamento de Tradución e Lingüística da UVigo expertos en Lingua de Signos, ademais de contar tamén coa colaboración da FAXPG, a Fundación CNSE para a supresión das barreiras da comunicación, o Sergas, a empresa de software Balidea, que é que se encarga de definir e validar a proba con criterios de calidade de servizo.
“O equipo é practicamente o mesmo que o de SignaMed, simplemente que engadimos a AsorVigo, asociación da cidade coa que xa tiven diferentes reunións; ao equipo de urxencias do Sergas e ás empresa Balidea e ELDS, que colaborará sobre todo na interpretación de contidos dun micro-curso que se fará para o persoal sanitario, o vídeo demostración da aplicación e na gravación de frases en LSE”, engadiu Alba.
Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.