Un agresivo fungo ameaza a castaña galega: así é o funxicida natural que o pode frear

Investigadoras galegas constatan as boas expectativas, incluso en doses baixas, dun novo produto que podería frear a 'Gnomoniopsis smithogilvyi'

Cultivos illados de flores. Crédito: Estación Fitopatolóxica de Areeiro
Cultivos illados de flores. Crédito: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A castaña forma parte indiscutible da identidade galega. Con todo, a raíña do outono enfróntase a múltiples ameazas, cada vez máis desafiantes. O ano pasado moitas delas apareceron podres, nunha situación sen precedentes. Dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro confirmaron que o axente causante era o Gnomoniopsis smithogilvyi, un fungo moi agresivo que, ata ese momento, nunca atacara a castaña. Detectárase nas ramas, pero nunca no ourizo, polo menos en Galicia. Aí comezou un intenso labor de investigación que está a dar os primeiros avances. “Estamos probando in vitro un funxicida de orixe natural. Os resultados son prometedores. Xa no laboratorio, consegue inhibir a evolución do fungo, por iso hai esperanza”, declaran dende Areeiro, centro no que se está a desenvolver a investigación en estreita colaboración coa Unidade Mixta de Xestión de pragas e enfermedidades forestais da Xunta de Galicia.

Tanto Carmen Salinero, xefa de servizo, como Olga Aguín, xefa da sección de Bioloxía Molecular, confirman as boas expectativas. De feito, aseguran que o produto está a funcionar incluso con “doses moi baixas”. De momento, non poden dar máis datos sobre o funxicida experimental, pero descríbeno como “un extracto que se obtén dun residuo”. Malia as boas sensacións, as dúas investigadoras advirten que queda moito proceso por diante para a comercialización do produto e que aínda están nos “estudos iniciais”. “Estamos vendo o efecto que ten o funxicida no desenvolvemento do fungo. Polo de agora, vai moi ben”, indica Salinero, mantendo a prudencia.

Coñecer o ciclo

Un produto capaz de eliminar a Gnomoniopsis smithogilvyi sería un fito, tendo en conta os grandes retos aos que se ten que enfrontar cada ano o sector da castaña. “Para este tipo de estudos precisas moito tempo antes de aplicalo en campo”, insisten as dúas investigadoras. Mais o seu traballo en Areeiro non só está centrado no desenvolvemento dun funxicida realmente efectivo, senón en coñecer por completo o ciclo da Gnomoniopsis smithogilvyi. “Se o conseguiramos este ano, xa sería todo un éxito”, asegura Salinero. De todas formas, requírese dun estudo máis pormenorizado, posto que analizar o comportamento e as fases do fungo durante un ano tan só daría resultados aproximados. “Nun período tan curto de estudo tan só temos unha idea, por iso precisamos máis comprobación”, apuntan dende Areeiro, dando conta dos tempos requeridos pola investigación.

Amais disto, tanto Salinero como Aguín salientan a importancia de coñecer o ciclo do fungo, máis alá do desenvolvemento dun produto efectivo. “É importante saber cal é o momento de debilidade da Gnomoniopsis smithogilvyi. Iso permitiranos aplicar os tratamentos no momento en que sexan máis eficaces. Se a castaña está negra, xa non consegues nada”, apunta Salinero. Polo tanto, o seu principal obxectivo é entender polo miúdo como vai evolucionando o fungo ao longo do ano. Por exemplo, onde se mantén no inverno e onde está localizado. Trátase, por tanto, de coñecer todos os detalles da Gnomoniopsis smithogilvyi. De feito, dende Areeiro están sendo pioneiros. Tal e como explicou Aguín a GCiencia no outono pasado, en Galicia non había constancia de que o fungo atacase directamente a castaña. É dicir, non había estudos orientativos e tiveron que recorrer aos desenvolvidos noutros países.

Perspectivas de cara ao outono

Facer predicións nunca é unha tarefa sinxela. Cando aínda queda todo o verán por diante, resulta complicado facer estimacións sobre o outono. Salinero e Aguín mantéñense prudentes e aseguran que a agresividade coa que a Gnomoniopsis smithogilvyi ataque as castañas dependerá en gran medida das condicións climatolóxicas. A situación que máis favorecería o desenvolvemento do fungo, segundo explican dende Areeiro, serían os días cálidos e moi húmidos. É dicir, a choiva sería unha gran aliada e podería indicar que se van producir “moitos danos”. “Se de repente, cando está a árbore na súa floración, veñen días con altas temperaturas, pode ser que se free o crecemento do fungo”, apunta Salinero. Porén, a investigadora advirte: tan só son hipóteses e estimacións e, de momento, é moi complicado facer predicións de cara ao outono.

Nas últimas semanas estiveron a recoller mostras dos gromos, flores e follas novas. Incluso analizaron os restos dos ourizos e castañas do ano pasado que quedaran no chan, buscando reservorios onde o fungo poida quedar en inverno. “En todas as mostras vexetais que nos están chegando aparece a Gnomoniopsis smithogilvyi“, confirma Salinero. De feito, a investigadora asegura que o están detectando en todas as partes da árbore. “Parece que hai moitas esporas do fungo, polo menos nestes momentos”, continúan explicando as dúas expertas. Mais isto, pese a ser significativo, non é determinante. Por iso Salinero mantén a calma e pide esperar as condicións climatolóxicas, que serán as que, dalgunha maneira, decidan que acontecerá durante o outono. “Con esas mostras estamos intentando illar o fungo para coñecer o seu ciclo. Todo vai encamiñado ao control, a buscar sistemas e produtos que poidan frear o avance do dano”, recalca a investigadora.

“Efectos moi daniños”

A campaña de 2021, tal e como trasladou a GCiencia a IXP Castaña de Galicia, foi irregular. É dicir, moi variable segundo as zonas. A maiores, a climatoloxía do outono pasado non xogou a favor do froito. Á longa lista de ameazas, como a avespa do castiñeiro ou o chancro, alzouse un novo desafío: a Gnomoniopsis smithogilvyi. O ano pasado, por primeira vez, detectouse en Galicia no ourizo, causando a podremia da castaña e mostrando unha virulencia sen precedentes. Aguín declaraba naquel momento o seguinte: “Ten uns efectos moi daniños e provoca a caída do ourizo, reducindo a produción. A castaña queda deshidratada, seca, engurrada. Non se desenvolve”, dicía.

As alarmas saltaron e, por conseguinte, a fonda preocupación. Porén, a ciencia sempre é o mellor salvoconduto. Xa en novembro, Aguín explicaba que a Gnomoniopsis smithogilvyi estaba en Galicia, pero que a clave —como tamén o será este ano— estivera nunhas condicións ambientais moi concretas e propicias para o desenvolvemento do fungo. En menos dun ano, a investigación xa está a dar os seus froitos, malia que a súa materialización tarde en chegar. Á espera do que aconteza nos próximos meses, que determinará o éxito da campaña do outono, as noticias son esperanzadoras: estase a avanzar no coñecemento do seu ciclo e estase a probar un funxicida natural. Parece que o tempo —tanto cronolóxico como meteorolóxico— será o que dite sentenza.


Referencia: First report of Gnomoniopsis smithogilvyi causing chestnut brown rot on nuts and burrs of sweet chestnut in Spain (Publicado en Plant Disease)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.