Chegamos a aldea de Sálvora, un dos lugares máis emblemáticos da illa. Nela, as casas aparecen agrupadas en torno a un espazo central que era destinado a usos comunitarios, como a recollida de millo, centeo ou patacas, e onde tamén existía un espazo para o gando e outras dependencias para apeiros agrícolas. As vivendas, hoxe en estado ruinoso, son moi sinxelas, sendo todas elas dunha planta e de pequeno tamaño. A súa distribución é característica das vilas mariñeiras, nas que se compartían os muros para abaratar custos.
A hostilidade do medio e a falta de recursos fixo que nalgunhas delas convivisen varias xeracións. Os habitantes da aldea practicaban unha vida baseada na agricultura e na pesca de autoconsumo, o que lles permitiu manter unha economía de subsistencia. Por aquel entón, a supervivencia, tanto no mar, coma na terra, dependía da axuda dos veciños, cos que se compartían embarcacións e apeiros de labranza. Aínda que a educación por aquela altura non era unha prioridade, e na illa non había escola, cóntase que os fareiros foron bos mestres, contribuíndo á educación dos máis novos.
A aldea de Sálvora, localizada na marxe norte, responde probablemente á reforma realizada en 1962, despois de que a familia Otero recuperase a propiedade da illa. O tamaño e disposición das casas é característico das vilas mariñeiras.
Os hórreos de Sálvora

Nas proximidades da aldea atopamos os famosos hórreos. Estas edificacións de pedra teñen unha cámara de almacenamento, con ocos verticais nos laterais, para que o aire circule.
Están separadas do chan por columnas, ou muros, para illar a cámara da humidade do terreo.
Ademais, na parte superior desta base hai unha proxección denominada tornarratos, coa finalidade de impedir o ascenso dos roedores.
O feito de velos nun mesmo espazo é porque se empregaban de forma comunitaria para almacenar o millo e outros cereais antes de moer.
Descarga aquí a vixésima terceira entrega desta guía.
Aldea dos meus antergos