O ‘efecto Tanxugueiras’, a estudo: “As reivindicacións das mulleres son máis serias que as dos homes”

A xornalista e filósofa Rebeca Baceiredo presentará en Texas a súa investigación sobre autorepresentación da identidade na música galega actual

En outubro falarase moito de música galega en Texas. A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) organiza alí un congreso no que a xornalista e filósofa Rebeca Baceiredo presentará os resultados dunha nova investigación: unha lectura á autorepresentación da identidade na música contemporánea. Conta Baceiredo que o encargo coincidiu nun momento no que pensaba en “tradición, Shakira e postfeminismo”. Ela e mais unha amiga debatían na cuestión da representación da identidade e “comprendían” o eido galego. Baceiredo esboza nun artigo as distintas posicións ou estratexias políticas respecto ao xénero. E, por suposto, a cuestión feminista ocupa un papel indispensable na música galega actual, enunciado, explica a investigadora, dende posicións máis serias.

“Ten menos humor, ese humor está na masculinidade”, alega. No artigo, explica que as letras dos artistas compóñense dunha masculinidade “relaxada, sen conflito”. Baceiredo recompila varios artistas populares dos últimos cinco anos: Tanxugueiras, Boyanka Kostova, Ortiga, Rodrigo Cuevas, Fillas de Cassandra, Verto, O Rabelo… No seu traballo, a filósofa explica que o popular queda fóra do logos, e déixase para as mulleres e identidades non normativas. Con todo, quen domina a escena son as masculinidades hexemónicas, entendéndose como o “non cumprimento do arquetipo”, matiza. “Aínda que C. Tangana recoñece a relevancia da muller na cultura musical galega (…) os ilustres son eles. De aquí nacen, por exemplo, cancións e rebelións como a de Mondra coas Fillas de Casandra.

Publicidade

Segundo Rebeca Baceiredo, en contraposición ao humor que empregan os artistas masculinos pola “falta da necesidade do suxeito hexemónico de enfadarse”, xorden posicións máis graves, violentas, ou incluso que reflicten a dor máis profunda: “toda a nosa historia está feita con sangue”, reza un verso da canción Antígona de Fillas de Cassandra. A mestura de tradición propia con elementos electrónicos é bastante recorrente nestas novas propostas musicais. “Non están relaxadas, facendo humor sen reviravolta”, explica a filósofa.

Fillas de Cassandra.

Inversión de roles

Novos xeitos de expresión, de representación da identidade, a festa, a inversión de roles, a ironía, son elementos que confluén simultaneamente na música galega contemporánea. Como O Rabelo, que canta “Hoxe cheira a gasolina”. “A presentación alude máis a unha descomposición molecular e underground da identidade que á combinación ou hibridación de elementos representacionais (…), así como as representacións paganas ou precristiás en relación ao corpo e mesmo nas que o corpo foxe da sexualización social”, apunta a autora. Estas propostas enmárcanse fóra dos patróns patriarcais. O dúo galego Bratzantifa aparece amparado polos aspectos postirónicos que pretenden “alixeirar a gravidade”: “Dime se si ou se non (…) parezo o McDonalds, todo o día aberta”, cantan en Precariedade Emocional.

Publicidade

Baseándose en postulados anteriores, a filósofa apunta que “as liñas que se desenvolveron na postmodernidade, na última década especificamente, xiran en torno á representación e á cuestión da redistribución, de alusión á organización material”. Para ela, na última xeración de artistas polarízase a cuestión da representación e da identidade colectiva e non individual, así como na redistribución e nos procesos de precarización de Galicia. Tamén, profundiza na representación do país na función de estereotipo. “Funciona como ese exceso, como unha pantasma, como se fose un dobre non simétrico. O que me parece é que algunhas propostas a nivel de representación galega interiorizan a mirada allea. É unha representación máis totalizada, máis pechada”, sostén.

Incorporación de motivos internacionais

A autora apela á xeración, pero apunta a que é unha noción complicada. Na súa opinión, as culturas non son esenciais nin “son interesantes dende perspectivas esencialistas”. Cre que hai que asegurar un diálogo coa realidade material e cultural que vai cambiando en Galicia. “Si que hai unha incorporación de procesos culturais e internacionais en Galicia, música electrónica, o trap ou o hip-hop”. No traballo, salienta ese diálogo actual, a síntese entre a modernidade e a tradición. Por exemplo, Tanxugueiras, ao presentar a tradición revisitada de “modernidade gótica” cun “certo exotismo“, que acentúa a sensación de “misterio e forzas telúricas”.

A filósofa non pasa por alto o novo himno do Celta composto por C. Tangana, Oliveira dos Cen Anos. “Todo é bastante estereotipado, aínda que a imaxe da oliveira ben nos pode recordar, como elemento disonante, subversivo, ás políticas castelás que prohibiron as plantacións de oliveiras en Galicia. Polo tanto, como símbolo de resistencia ou reafirmación”, sostén Baceiredo. Apunta que o imaxinario non ten que ser representado como unha totalización e que “a narrativa que cadaquén fai a partir das distinas que forman parte dun pobo, non ten por que ser única nin unívoca”, explica.

En Galicia faise música dende sempre. Existe moita tradición e nacen constantemente novas bandas. A investigadora apunta o papel relevante que tiveron os últimos anos do Xacobeo e as campañas promocionais da Xunta de Galicia ao coincidir co fenómeno, coa “moda”, do produto galego. “É unha sorte de virxinidade, de singularidade rexional, e á vez, non é totalmente alleo. Hai moitas propostas que son unha autorepresentación galega que se pode capturar”, apunta. En definitiva, cre que na autorepresentación da identidade galega conviven dúas diferenzas: unha é o épico, as orixes, e outra, o antagonismo, conservando certas formas de humor como arma política.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primeira muiñeira con notación musical está datada en 1786

Unha tese da USC analiza a danza e composición musical tradicional como un "elemento identitario" da Galicia do século XIX

Samaín, unha festa galega: “Hai ritos ligados a Halloween, pero son nosos dende centos de anos”

Moitos costumes desta celebración asócianse á tradición americana, con todo, teñen a súa orixe na cultura celta e en Galicia

‘Habelas hainas’: lendas, ritos e tradicións de San Xoán

A partir da medianoite do próximo venres, as cacheiras iluminarán Galicia para celebrar o novo ano solar na noite máis mística do ano

Os hórreos, candidatos a converterse en patrimonio inmaterial

Varias asociacións culturais de Galicia, Asturias, León, Cantabria, País Vasco, Navarra...