Domingo 5 Maio 2024

Pazo de Sálvora, unha historia salgada

Situado na praia do Castelo, foi construído sobre un antigo almacén de salgadura, ao que se lle engadiron dúas torres cadradas

Sálvora, e todos os illotes que a rodean, conforman unha barreira natural que protexe a ría de Arousa. Os seus fondos rochosos contrastan co suave relevo da illa, onde dominan as praias e as dunas. No seu interior existe unha aldea abandoada e un pazo, vestixio dun pasado vencellado ao mar. A diferencia das illas Cíes ou Ons, conta cun acceso moi restrinxido, polo que é de extrema importancia que os afortunados que a visiten non saian das rutas sinalizadas.

No pequeno refuxio natural da praia do Castelo destaca o Pazo de Sálvora, pertencente á familia Otero Goyanes, ata que a illa entrou a formar parte do Parque Nacional Illas Atlánticas. A actual edificación é o reflexo dunha época na que a illa de Sálvora tiña dono. Xunto ao pazo, encontramos unha capela que foi construída nas bases dunha antiga taberna. Coa idea de perpetuar a lenda da saga familiar, un dos descendentes da familia Otero Goyanes encargou ao escultor burgalés Ismael Ortega Martín a figura dunha serea, que dende o ano 1968 loce orgullosa sobre as rochas que rodean o Pazo.

Publicidade

Foi construído sobre un antigo almacén de salgadura, ao que se lle engadiron dúas torres cadradas. Para a obra empregáronse pedras pertencentes ao antigo faro e aos hórreos que foron derrubados na illa. A fábrica de salgadura sobre a que foi construído o pazo, foi instalada no ano 1770 polo comerciante coruñés Jerónimo de Hijosa. A ubicación neste lugar buscaba conseguir novos caladoiros fora da ría, aínda que tamén é probable que se intentara escapar da vixilancia e control das autoridades, e así poder introducir sal de contrabando con menor risco.

En 1820, Isabel de Mariño, herdeira da illa, casa con Ruperto Antonio de Otero, sendo a partir de entón os membros da saga Otero os novos donos de Sálvora. A propiedade, tan só foi interrumpida durante o período do 1904 ao 1958, cando a illa é expropiada para instalar unha dotación militar. Na etapa final, despois de varias vicisitudes e operacións de compravenda, Sálvora entra a formar parte do Parque nacional Illas Atlánticas, iniciando unha nova etapa na que a preservación dos valores naturais están por riba de calquera outro tipo de interese.

Lenda da serea de Sálvora

Serea de Sálvora.

Conta unha lenda que había un cabaleiro de nome D. Froilaz que vivía nun castelo, e que un día montando a cabalo descubriu unha muller que parecía estar durmida. Cheo de curiosidade, o home achegouse lentamente ata ela, descubrindo que se trataba dunha fermosa serea. Cego pola súa beleza, encerrouna no seu castelo, e púxolle de nome dona Mariña, a cal permaneceu muda, incluso despois de ter o seu primeiro fillo. Desexando escoitar a súa voz, o home do castelo ameazouna con matar ao pequeno botándoo á fogueira un día de San Xoán. Así foi, como asustada, dona Mariña ergueuse e soltou un berro estremecido. Anos máis tarde, e coa morte de D. Froilaz, a serea voltou ó mar, pero antes emitiu un aviso: “Cada xeración que descenda do meu fillo debe renunciar a unha das súas criaturas e devolverma ao mar”.

Sapo raxado.

Anuros en Sálvora

O sapo raxado ou sapo pinto (Discoglossus galganoi) é a única especie de anuro (anfibio sen cola) presente no Parque Nacional. Ata fai pouco estaba presente nos catro arquipélagos, porén, na actualidade, as súas poboacións foron descendendo, chegando incluso a desaparecer nas illas Cíes.

Pola contra, esta especie segue sendo moi abundante en Sálvora.

Descar aquí a vixésima segunda entrega desta guía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As raias femias do Parque Nacional Illas Atlánticas, claves para a saúde das súas poboacións

Investigadores galegos publican un artigo na revista 'Marine Ecology Progress Series’ que afonda no coñecemento dos hábitats dos elasmobranquios

O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece visitas virtuais dos seus fondos mariños

A exposición 'O mar en 360º' ten como obxectivo mergullar os visitantes nunha experiencia única para descubrir a súa fauna e flora

O Parque Nacional das Illas Atlánticas repite este verán como destino turístico ‘Starlight’

A programación inclúe intervencións diúrnas e nocturnas que buscan introducir aos visitantes na exploración de estrelas, meteoritos e outros corpos celestes

A aldea, unha vida de subsistencia

Os habitantes da illa de Cortegada adicábanse á pesca, o marisqueo, a agricultura e a gandería