Os niveis de obesidade infantil son un factor de risco determinante para o desenvolvemento desta enfermidade na idade adulta. Co obxectivo de identificar novos biomarcadores que poidan axudar no diagnóstico e previr os trastornos metabólicos na infancia, un grupo de investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) acaba de publicar unha investigación na que participaron máis de 130 nenos e adolescentes galegos coa meta de realizar unha abordaxe máis precisa e personalizada nos pacientes.
O obxectivo da investigación, liderada polo grupo de Endocrinoloxía Traslacional do IDIS, é avaliar o papel metabólico do xene PTK2B que produce a proteína tirosina quinasa 2 rica en prolina (Pyk2) en nenos e adolescentes con obesidade. Para iso medíronse os seus niveis de expresión en mostras de sangue periférico e observouse a súa asociación con diferentes indicadores de obesidade e parámetros bioquímicos.
Estudos previos determinaron que a Pyk2 está involucrada en varias enfermidades nas que a sintomatoloxía presenta alteracións no equilibrio enerxético. “Con todo, o seu papel na obesidade non se coñece ben, este traballo proporciona información importante sobre o papel non descrito previamente deste xene na obesidade”, apuntan os investigadores do IDIS.
Maior expresión do xene en rapaces con obesidade
Tras un estudo transversal, os resultados mostraron unha maior expresión do xene PTK2B en 130 nenos e adolescentes con obesidade, o que suxire que o xene PTK2B participa na regulación desta enfermidade. “Curiosamente, atopouse que estes altos niveis de expresión estaban relacionados cun maior peso corporal, masa graxa, maior circunferencia da cintura, unha maior presión arterial e parámetros hormonais como altos niveis de leptina. Ademais, determinamos que os niveis de expresión do xene PTK2B poderían servir para predicir o desenvolvemento de obesidade”, explica Omar Al-Massadi, líder do grupo de Endocrinoloxía Traslacional do IDIS e coordinador da investigación.
Por outra banda, estes achados abren novas vías de investigación para determinar como esta tirosina quinasa pode modular a obesidade. “Este descubrimento proporciona unha visión única de como unha vía previamente vinculada a enfermidades neurodexenerativas contribúe activamente á regulación metabólica, con implicacións potenciais para abordar a obesidade”, afirma Omar Al-Massadi.
Relación co fígado graxo
En paralelo á publicación destes datos, un artigo recentemente publicado na revista Journal of Hepatology destacou unha conexión entre Pyk2 e o fígado graxo. O estudo suxire que Pyk2 podería desempeñar un papel no desenvolvemento e tratamento de enfermidades hepáticas como o fígado graxo e a fibrose hepática, un fenómeno estreitamente asociado coa obesidade. Esta relación entre Pyk2 e o fígado graxo, combinada cos achados do grupo IDIS sobre o seu uso como novo biomarcador de obesidade, abre novas vías para o estudo da regulación metabólica.
Tratamentos personalizados e prevención
Os investigadores do IDIS están a considerar colaboracións interdisciplinares para traducir estes achados en aplicacións clínicas prácticas e avanzar cara a tratamentos metabólicos máis personalizados. “Este descubrimento salienta a importancia de considerar o papel do xene PTK2B no campo metabólico e como a súa modulación podería influír na obesidade. Temos esperanzas na posibilidade de aplicar este coñecemento para avanzar en estratexias terapéuticas máis precisas e efectivas“, sinala o coordinador do grupo de Endocrinoloxía Traslacional.
Este achado non só proporciona unha base sólida para futuras investigacións, senón que tamén suxire a posibilidade de desenvolver tratamentos personalizados baseados nos niveis de PTK2B. Estas intervencións poderían apuntar non só á obesidade senón tamén a outras condicións metabólicas asociadas.
O desenvolvemento dun kit de diagnóstico baseado na medida dos niveis deste biomarcador permitiría identificar a aquelas persoas con risco de padecer obesidade e así establecer estratexias temperás de prevención. “A nosa intención é xerar resultados cunha aplicación clínica que permitirá unha translación ao coidado e tratamento dos pacientes”, sinala o investigador Omar Al-Massadi.
As cifras da obesidade en Galicia
No caso de Galicia, a prevalencia da obesidade é alarmante, e atópase nun nivel comparable ao resto de España. Segundo os datos da última Enquisa Europea de Saúde, un 39% da poboación galega ten sobrepeso e un 22,5% presenta obesidade, o que se traduce nuns 444.000 galegos. O 62% da poboación, é dicir, case dúas de cada tres galegos maiores de 18 anos teñen exceso de peso, o que sitúa a Galicia como a segunda comunidade coa porcentaxe máis alta, tan só superada moi de preto por Estremadura, co 62,1%; a media estatal está en torno ao 56%.
Os datos de exceso de peso dos nenos e adolescentes galegos, aínda que tamén preocupantes, son máis esperanzadores porque se atopan nun 28,4% (18,5% sobrepeso e 9,7% de obesidade); por baixo da media nacional (30% exceso de peso en nenos e adolescentes). Esta prevalencia de obesidade é maior en homes que en mulleres, tanto en adultos como en nenos e adolescentes.
Colaboración
O traballo é froito dunha colaboración entre varios grupos do IDIS. Ademais do grupo de Endocrinoloxía Traslacional, dirixido por Omar Al-Massadi, tamén participaron o grupo de Nutrición Pediátrica, liderado por Rosaura Leis; o grupo de Investigación de Fisiopatoloxía Endócrina, dirixido por Luisa María Seoane; o grupo de Xenética Psiquiátrica, liderado por Xabier Costas; e o grupo de Gastroenteroloxía Molecular e Celular, liderado por Javier Conde.
A primeira autora do estudo é Eva Prida, beneficiaria do Programa de Axudas Predoutorais que concede o IDIS. Tamén foi financiado polo Instituto de Saúde Carlos III e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do seu programa de Axudas a Proxectos de Excelencia; e pola Fundación da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo. Ademais, o grupo de investigación liderado por Omar Al-Massadi intégrase dentro do Grupo do Ciber de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CiberOBN), dirixido por Luisa María Seoane, no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Referencia: The PTK2B gen is associated with obesity, adiposity and leptin levels in children and adolescents (Publicado en iScience)