Sábado 27 Abril 2024

Sete lugares sepultados baixo os encoros en Galicia

O aproveitamento hidroeléctrico dos ríos impulsado no século XX provocou a evacuación e a destrución de aldeas enteiras

O baleirado dos encoros galegos está a ser unha das noticias máis presentes na actualidade do mes de agosto. No marco da suba no prezo da electricidade, as empresas que explotan a enerxía hidroeléctrica acumulada nos ríos do país están a aproveitar para incrementar a súa produción, o que levou a un descenso busco nos niveis da auga e mesmo a que o Goberno español abrise expediente a empresas como Naturgy ou Iberdrola, co obxectivo de estudar un posible incumprimento das condicións das concesións.

Ademais da controversia xerada arredor do mercado da electricidade, o descenso do nivel dos encoros fai agromar a historia mergullada neles. Durante o século XX, en moitos casos ao abeiro da ditadura franquista, as concesións a empresarios para a construción das presas levaron por diante aldeas e vilas enteiras, con séculos de historia asolagada en poucos anos. Miles de persoas tiveron que deixar o seu fogar. E outras presas, aínda que proxectadas, non saíron adiante, como o proxecto para asolagar o val do río Lor no Courel.

Publicidade

Estes son algúns exemplos (non están todos os que son) que hoxe reaparecen cando a seca, ou os vaivéns do mercado, fan baixar de novo as augas.

Aquis Querquennis-Baños de Bande

Foto: turismo.gal.
Foto: turismo.gal.

No ano 1921, varios dos membros da Xeración Nós (Florentino López Cuevillas, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo) visitan o lugar de Baños de Bande, neste concello ourensán. Coa axuda dos veciños da zona, Cuevillas liderou unhas primeiras escavacións que xa suxerían a presenza de vestixios da época romana. Houbo algunhas prospeccións posteriores, pero o estourido da Guerra Civil e a construción, a finais dos anos 40, do encoro das Conchas, que anegou boa parte do val da Baixa Limia, volveron deixar o lugar no esquecemento.

Non foi ata os anos 70 cando se retomaron, sempre que as augas das Conchas o permitían, as intervencións arqueolóxicas nas que acabou xurdindo un dos meirandes fortes romanos estables dos que se ten coñecemento na península ibérica. Hai tamén no lugar, unha mansio e unha fonte de augas termais que xa foi aproveitada na época romana. No ano 2018, a Xunta declarou Aquis Querquennis como Ben de Interese Cultural (BIC). Porén, e a pesar do “gran valor científico e patrimonial” que se destaca na citada declaración, o enclave segue a mercé dun encoro que o fai aparecer e desaparecer.

Portomarín

Foto: Dietmar Glijohann / CC BY-SA 3.0.
Foto: Dietmar Glijohann / CC BY-SA 3.0.

O caso desta vila lucense é un dos máis coñecidos. Cun notable patrimonio ás súas costas, no que destacaba a igrexa románica do século XII-XIII, o proxecto do encoro de Belesar motivou a súa evacuación a comezos dos anos 60. Uns metros máis arriba do val construíuse o novo asentamento. A igrexa, símbolo local, foi trasladada pedra a pedra ata a bautizada como praza Conde de Fenosa, título nobiliario concedido por Francisco Franco a Pedro Barrié de la Maza, impulsor de numerosos saltos hidroeléctricos en Galicia.

Hoxe en día, cando o encoro de Belesar se baleira, volven aparecer os muros das antigas vivendas de aldeas próximas, como Seixón, que non foron derrubadas,e  simplemente ficaron abandonadas, xunto a restos da ponte vella, e mesmo algúns nichos do vello cemiterio que ficaron baixo as augas.

Castro Candaz

Foto: Adrián Estévez / CC BY-SA 4.0.
Foto: Adrián Estévez / CC BY-SA 4.0.

Augas abaixo de Portomarín, tamén dentro do encoro de Belesar, agroma outro enclave con moitos séculos de historia. Castro Candaz presenta unha fortaleza, moi probablemente medieval, que se desputaron durante xeracións as familias nobres desta rexión. O outeiro no que se ergue esta fortaleza, rodeada de vivendas e socalcos que evidencian un aproveitamento vitícola do lugar, emerxe cando as augas baixan, e, en contadas ocasións, cando o nivel de Belesar descende máis, hai un pequeno paso de terra desde o cal se pode acceder ao asentamento. O treito do Miño no que está Castro Candaz sepultou outras aldeas como Abideira, Porto, Pincelo, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Ponte Fortes, Portomeñe, A Hermida ou Ribó, recollidas no documental Asolagados.

As orixes de Castro Candaz dilúense entre a historia e a lenda. Crese que a súa fortaleza foi destruída nas guerras irmandiñas, e que antes pasaron polo lugar os normandos nalgunha das súas incursións por Galicia.

Barcela (Negueira de Muñiz)

Foto: Patrimonio de Negueira.
Foto: Patrimonio de Negueira.

Nun apéndice do leste de Lugo que se adentra entre o territorio de Asturias sitúase o concello de Negueira de Muñiz, o menos poboado de Galicia, con apenas 200 habitantes. O concello, polo que pasa o río Navia, ficou dividido nos anos 50 pola construción do encoro de Salime, que leva o nome da limítrofe localidade asturiana.

Segundo explica a web desde concello, o encoro provocou o éxodo de miles de persoas, sepultando a capital do concejo de Salime e as aldeas de Subsalime, San Feliz, Albeira, Salcedo, Doade, Veiga Grande, Saborín, A Quintá, Ríodeporto, Vilagudín, A Barqueiría, San Pedro de Ernes e Barcela. Pontes, leiras, igrexas, cemiterios… quedaron mergulladas. Porén, algunhas delas, como Barcela, emerxen de cando en vez cando o encoro se baleira.

Barcela está hoxe deshabitada, e apenas fican dúas construcións á beira do Navia. Mais cando o caudal retrocede, poden verse no fondo do val as vivendas da antiga aldea e a igrexa, segundo recolle esta imaxe do blog Patrimonio de Negueira:

Aceredo (Lobios)

Foto: Pementa / CC BY-SA 4.0.
Foto: Pementa / CC BY-SA 4.0.

É un dos exemplos máis recentes dos asolagamentos, xa que non foi ata 1992 cando as augas do río Limia, máis abaixo cás que sepultaron Aquis Querquennis, comezaron a medrar, contidas polo encoro de Lindoso, situado practicamente sobre a raia con Portugal. Centos de veciños de Aceredo e outras pequenas aldeas como Buscalque ou Lantemil tiveron que marchar, a apenas oito anos do século XXI, das súas casas a toda présa.

A historia cóntaa outro documental, Os días afogados, que foi candidato a varias categorías nos premios Goya, e no que se recollen imaxes previas á inundación das aldeas. Do mesmo xeito ca noutros casos repartidos por Galicia, é habitual que o descenso da auga acumulada en Lindoso faga reaparecer as casas.

O Marquesado (Agolada)

Foto: P. Lameiro / CC BY-SA 3.0.
Foto: P. Lameiro / CC BY-SA 3.0.

Os meirandes encoros aproveitan as augas que caen desde as serras orientais galegas, pero tamén houbo algúns casos nos que o aproveitamento hidroeléctrico tivo lugar nas provincias occidentais. E moi preto do centro xeográfico de Galicia está a presa de Portodemouros, alimentada polo río Ulla, que abrangue os concellos coruñeses de Arzúa e Santiso e os pontevedreses de Agolada e Vila de Cruces.

Na parroquia agoladesa de Brocos, no lugar do Marquesado, emerxe case todos os anos o que foi a aldea do mesmo nome, que hoxe conserva algunhas vivendas uns metros máis arriba. O Marquesado é probablemente o lugar máis coñecido sepultado por Portodemouros, pero outros asentamentos, como os de Barrio, Fontearcada, Ribadulla ou Quintelas tamén desapareceron.

Alberguería (A Veiga)

A aldea de Alberguería, comezando a inundarse pouco despois da construción do encoro de Prada, no ano 1958. Foto: albergueria.es.
A aldea de Alberguería, comezando a inundarse pouco despois da construción do encoro de Prada, no ano 1958. Foto: albergueria.es.

Desde os cumios do macizo de Trevinca, onde se atopa o teito de Galicia, o río Xares alimenta o encoro de Prada, construído nos anos 50 do século XX. En todo o concello da Veiga, que perdeu máis do 60% da súa poboación desde entón, viven hoxe menos de 1000 persoas. Daquela, só na aldea da Alberguería vivían máis de 500. O éxodo desta aldea impulsou, máis se cabe, o movemento á emigración dos habitantes da zona.

Ao situarse moi preto da presa do encoro, é moi pouco habitual que Alberguería sexa visible sobre as augas do Xares. Apenas dous pequenos illotes, outeiros antes da construción da presa, sobresaen preto da antiga aldea.

2 COMENTÁRIOS

  1. Para o caso que lles merece o noso patrimonio, o envestimentos, orzamentos para a excavación ou estudo destes, case que vén sendo mellor que permanezan asolagados. Só vou a dar un dato en atención ás riquezas que enchen a nosa terra: O patrimonio do noroeste peninsular é superior en cantidade ao de calquera lugar coa mesma extensión no planeta. Dixen en cantidade, non en grandiosidade, e tal frase non é miña; miña foi a sorpresa ó comprobalo. Estamos a perder cartos por non facer outra cousa que expoñer os resultados deses agardados estudos. Grazas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O campamento romano que emerxeu a causa da seca en Galicia aparece en medios internacionais

O xacemento, medio somerxido baixo o embalse das Conchas, protagoniza reportaxes de xornais do Reino Unido e Francia

Belesar, o encoro que provoca terremotos

A presa, construída sobre unha falla, produce ao encher e baleirar a auga movementos sísmicos de pequena escala nas zonas próximas

Baixa Limia-Serra do Xurés: pura vida na raia seca

Este espazo protexido, que abrangue case 30.000 hectáreas na zona galega, é un compendio de historia, natureza e paisaxes de gran beleza