Hai 2.000 anos, por este lugar que hoxe aínda pode parecer remoto e illado, circulaba unha das rutas que foi clave para a romanización da Gallaecia: a Via Nova, entre Asturica Augusta (Astorga) e Bracara Augusta (Braga), pasaba polo corazón do que hoxe é o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. A pegada fica aínda despois de todo este tempo.
Pola serra do Xurés pasaba a Via Nova romana, que conectaba Braga e Astorga na época imperial
Consérvanse tramos da estrada romana, sobre todo a carón do río Caldo, cruzando a vía que hoxe une a parte galega coa zona portuguesa do Gêres. Tamén hai pegada de Roma no impoñente forte de Aquis Querquennis, en Bande, aínda hoxe a mercé do nivel da auga do embalse das Conchas, alimentado polo río Limia, o que se cre que era o mítico Lethes, e que o afunde durante parte do ano. E tamén nas augas termais do propio Río Caldo, en Lobios, e as que se poden gozar, cando o embalse o permite, a carón de Aquis Querquennis.
Precisamente moi preto da que foi Via Nova, moitos séculos despois estableceuse o paso fronteirizo entre España e Portugal. Aínda se conservan máis de 110 miliarios desta ruta, que se poden visitar de camiño á Portela do Home, o tradicional paso entre os dous países, e hoxe unha alfándega abandonada grazas ao espazo Schengen, é tamén un símbolo da moita historia que garda o Xurés. Estes montes foron, sen dúbida, testemuños de episodios máis escuros, como o estraperlo, a fuxida ou a persecución dos que saltaban dun lado a outro por causa das tiranías. Mais, a dicir verdade, as fronteiras no Xurés, como noutros moitos lugares, son algo borrosas.
A historia da Baixa Limia-Serra do Xurés impón, pero non fascina menos a súa natureza, aínda que nos últimos danos foi seriamente golpeada por grandes incendios forestais. Repartidos en seis concellos (Entrimo, Lobios, Muíños, Bande, Lobeira e Calvos de Randín) sucédense serras, corgas, miradoiros e pequenas aldeas que salvagardan a arquitectura popular. Paga a pena tamén achegarse ás pequenas poboacións do lado portugués, como Castro Laboreiro, Pitoes das Júnias ou Soajo, cos seus espigueiros (hórreos) que parecen agromar da pedra.
Cun pouco de sorte, poderemos atoparnos con algúns dos milleiros de animais que se moven pola zona. Aquí habitan, por exemplo un 76% das especies de aves censadas en Galicia (arredor de 150), máis de 40 especies de mamíferos e unha ampla gama de anfibios e réptiles, ao abeiro dos innumerables cursos de auga que caen desde os cumes ata os vales sucados polos ríos máis caudalosos. E de seguro toparemos, nalgún prado, cunha vaca cachena pastando.
E o Xurés tamén é xeoloxía. O granito que conforma a base do terreo asoma sobre todo nas zonas máis escarpadas, cos bolos debuxados polo vento, a auga, a neve o xeo e o sol ao longo dos milenios. Nalgúns lugares, como na aldea da Cela, as pedras fúndense de forma abraiante coas propias vivendas. E tamén é posible ver como a auga do desxeo e os mananciais vai sucando paseniño as rochas, como na cativadora Corga da Fecha, a carón da Vía Nova, que se precipita ao río Caldo despois dunha caída de varios centos de metros.
Para coñecer todos estes lugares, o Parque Natural conta con 11 rutas a pé sinalizadas (Vieiro das Mámoas, Torrente-Salgueiro, Río Vilameá, Río Mao, Río Agro, Queguas, Padrendo, Mina das Sombras, Ermida do Xurés, Corga da Fecha e A Cela-Pitões) para percorrelo, adaptadas a todo tipo de perfís, con diversas distancias, dificultades e atractivos.
No caso de escoller a bicicleta para percorrer a zona, existen nove rutas, tamén con diferentes graos de dificultade e extensión (Parque Forestal Outeiro da Cela,Travesía do Xurés, Megalítica, Picos de Fontefría, Serra do Pisco, Vía Nova, Circular de Lobios, Minas das Sombras e Alto de Santa Eufemia)
Porén, cómpre ter en conta, como en todos os parques naturais, a normativa que hai que respectar para garantir a conservación destes espazos. Só está permitido estacionar e usar os vehículos nas zonas habilitadas, e sempre a velocidade moderada; e no caso de ir a pé, cómpre non saír das zonas delimitadas. Do mesmo xeito, hai que respectar á fauna e á flora, polo que nin se pode arrincar flores nin plantas, nin molestar aos animais.
Podes consultar toda a información sobre a Baixa Limia-Serra do Xurés no portal de Parques Naturais da Xunta de Galicia, nesta ligazón.