O campamento romano que emerxeu a causa da seca en Galicia aparece en medios internacionais

O xacemento, medio somerxido baixo o embalse das Conchas, protagoniza reportaxes de xornais do Reino Unido e Francia

Aquis Querquennis, campamento romano en Bande.
Aquis Querquennis, campamento romano en Bande.

Galicia é unha terra máxica. En parte, pola gran cantidade de tesouros arqueóloxicos que aglutina. Un dos máis valiosos é Aquis Querquennis, un campamento romano que quedou somerxido baixo as augas do embalse das Conchas, en Bande. Foi en 1949 cando construíron a presa, tan só dúas décadas despois de que se iniciasen os labores de escavación do campamento. Agora, esta ampla estrutura á beira do río Limia queda á vista de todos por tempadas. Este verán, máis ca nunca, debido á acusada falta de precipitacións e a seca que atravesa Galicia e o resto de España. De feito, tan importante é que Aquis Querquennis emerxa das augas, que son varios os medios internacionais que se fixeron eco da noticia.

Os xornais The Mirror e The Daily Mail, os dous do Reino Unido, publicaron reportaxes sobre o campamento militar situado en terras galegas, xa considerado un dos máis importantes da península. Os dous medios relatan que a impresionante estrutura, somerxida baixo o Limia, puido construírse arredor do 75 d.C. e quedou abandonada tan só unhas décadas despois. Malia que os dous medios anglosaxóns fan fincapé en que hai partes do campamento que son visibles en función da época do ano, insisten que a “seca récord” que sofre Galicia deixou ver Aquis Querquennis en toda a súa totalidade. Un importante atractivo do que, a maiores, tamén se fixo eco o medio francés News 24.

Publicidade

O seu achado nos anos 20

Outro dos puntos que salientan os medios internacionais é que non foi ata comezos do século XX cando se tivo constancia deste campamento romano. No ano 1921, varios dos membros da Xeración Nós (Florentino López Cuevillas, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo) visitan o lugar de Baños de Bande, neste concello ourensán. Coa axuda dos veciños da zona, Cuevillas liderou unhas primeiras escavacións que xa suxerían a presenza de vestixios da época romana. Houbo algunhas prospeccións posteriores, pero o estourido da Guerra Civil e a construción, a finais dos anos 40, do encoro das Conchas, que anegou boa parte do val da Baixa Limia, volveron deixar o lugar no esquecemento.

En 1975 retomáronse, sempre que as augas do encoro o permitían, as intervencións arqueolóxicas nas que acabou aparecendo un dos fortes romanos máis importantes da península. Hai tamén no lugar unha mansio e unha fonte de augas termais que xa foi aproveitada na época romana. No ano 2018, a Xunta declarou Aquis Querquennis como Ben de Interese Cultural (BIC). Porén, e a pesar do “gran valor científico e patrimonial” que se destaca na citada declaración, o enclave segue a mercé dun encoro que o fai aparecer e desaparecer. Segundo apuntan dende o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), na actualidade continúan os traballos na zona para seguir descubrindo todos os tesouros arqueolóxicos que alberga o campamento.

Amais disto, outro aspecto clave do forte romano é que ten unha extensión aproximada de tres hectáreas. Foi construído como parte da estrutura da Vía Nova, que unía Braga con Astorga. O xacemento, coñecido popularmente como A cidá, estivo poboado entre o século I e o século II, pero sería abandonado pouco despois. De feito, calcúlase que a súa vida útil non superou o medio século. Entre a estrutura coa que contaba este complexo arqueolóxico destaca a rede de muros e canles que servía para diferenciar as distintas zonas nas que estaba construído este enclave, hoxe medio somerxido baixo as augas das Conchas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.