Venres 29 Marzo 2024

Belesar, o encoro que provoca terremotos

A presa, construída sobre unha falla, produce ao encher e baleirar a auga movementos sísmicos de pequena escala nas zonas próximas

Galicia non adoita vivir grandes sismos como os que acontecen noutras zonas do planeta. Porén, de cando en vez as fallas que atravesan o territorio lembran que a tectónica de placas está aí. Alén dos movementos tectónicos, responsables de movementos como o acontecido no ‘triángulo’ de Lugo, que espertou a medio país en maio de 1997, ou do enxame sísmico que tivo lugar o ano pasado en Pontevedra, hai un lugar onde a actividade é moito maior e concentrada ca na contorna: o encoro de Belesar, no río Miño. Nunha área de poucos quilómetros cadrados entre os concellos de Taboada, Chantada e O Saviñao, as medicións do Instituto Geográfico Nacional (IGN) rexistraron preto de 200 pequenos terremotos nos últimos anos. Un fenómeno ao que xa prestaron atención varios traballos de investigación sobre sismicidade.

O último dos terremotos tivo lugar no municipio de Taboada na madrugada do luns 21 ao martes 22. Foi moi leve, de magnitude 1.4, pouco máis ca o que provocou o ano pasado a explosión da pirotecnia de Paramos, en Tui. A raíz deste último sismo, o catedrático de Xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní subliña que “non convén descartar que, pola súa escasa profundidade e magnitude, estea relacionado coa chea e baleirado do encoro de Belesar, que produce efectos sísmicos sobre os terreos adxacentes”.

Publicidade

Segundo o profesor emérito da Universidade da Coruña, “ao contrario que noutras zonas de actividade sísmica, en Taboada non hai unha estrutura notable de fractura. E o feito de que a maioría de hipocentros sexan moi superficiais indica que non se trata do movemento dunha falla activa”.

Un fenómeno coñecido e estudado

É algo que se comenta desde pouco despois da inauguración de Belesar, proxecto ideado por Fenosa e inaugurado por Franco en 1963. O xornalista Afonso Eiré, que realizou un libro sobre a historia da presa e as consecuencias que trouxo para os veciños de toda a zona, fala do tema dos terremotos na súa obra, e de como as persoas que viven preto os senten de forma habitual. Cabe subliñar que Belesar é o encoro máis grande de Galicia, e que durante a súa construción obrigou ao traslado de vilas enteiras, como Portomarín, así como o asolagamento de zonas cun enorme valor arqueolóxico, como Castro Candaz. Ten unha capacidade de máis de 650 hectómetros cúbicos, ocupa 2.000 hectáreas, ten unha profundidade máxima de 135 metros e unha cola que o fai máis extenso (aínda que moito máis estreito) que as rías de Arousa ou Vigo.

Castro Candaz, antigo poboado que quedou somerxido polo encoro de Belesar. Foto: Adrián Estévez.
Castro Candaz, antigo poboado que quedou somerxido polo encoro de Belesar. Foto: Adrián Estévez.

Tamén o corroboran enxeñeiros que coñecen ben a zona e a estrutura. De feito, é algo habitual en moitas presas. Os terremotos de Belesar son un feito coñecido, estudado e medido constantemente polo equipo de técnicos, enxeñeiros e demais especialistas que traballan alí. Manuel Herrador, profesor da Escola de Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña, realizou a súa tese de doutoramento neste encoro, estudando o comportamento do formigón que compón a enorme estrutura, e conta como se producen estes terremotos: “Estamos falando de moitos metros de auga, polo que tanto o baleirado como a chea do encoro, segundo as necesidades que haxa, produce unhas presións enormes. A auga infíltrase nas rochas con moita forza, porque hai unha cantidade moi grande empurrando, e pode chegar a ‘estimular’ algunha falla”.

Con todo, insiste Herrador, o fenómeno está controlado: “Non se move nada en Belesar sen que sexa rexistrado e medido, e cos protocolos que hai, non podemos pensar que vaia haber unha catástrofe”.

Desde a sismoloxía, outros estudos mencionan tamén a relación entre os cambios de nivel da presa de Belesar e os movementos sísmicos. En 2002, xeólogos do CSIC e a Universidad de Oviedo presentaron na Assembleia Hispano Portuguesa de Geodesia e Geofísica unha comunicación na que analizaban a actividade sísmica no noroeste da Península. Alén do gran foco do triángulo sísmico de Sarria-Triacastela-Becerreá, destacan a zona de Taboada. E presentan a posibilidade de que Belesar teña algo que ver na actividade sísmica. Tal e como se pode ver na base de datos do IGN, e como remarca Vidal Romaní, a maioría dos terremotos que se rexistran na zona son superficiais, con profundidades menores a 10 quilómetros.

Así, escriben os xeólogos, “cabe destacar a localización de sismos sobre grandes estructuras xeolóxicas en áreas moi próximas a embalses, podendo tratarse dunha sismicidade inducida polos mesmos. Un caso chamativo é o do leste de Taboada (Lugo) onde os epicentros están moi próximos ao encoro de Belesar, ubicado sobre a falla de Valdoviño“. Tamén falan os autores doutras presas, como a de Riaño, en León, erixida sobre a falla de Ventaniella; precisamente Riaño é un dos dous puntos, xunto ao canón submariño de Avilés, con máis focos de actividade, segundo os autores, que engaden: “Nas dúas zonas pode producirse unha considerable achega de auga á propia falla”, como sinalaba Manuel Herrador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto cambiou a rúa na que vives nos últimos 60 anos? Compróbao neste mapa

Un mapa do Instituto Xeográfico Nacional permite comparar imaxes aéreas captadas nos anos 50 con ortofotos actuais

Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920

Mariñeiros de Arousa denuncian que o baleirado masivo de encoros afoga o marisco da ría

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa constatou que os niveis de salinidade da ría chegaron a cero nalgunhas zonas

Volve o túnel de Xibraltar que soñou Comerma

O enxeñeiro establecido en Ferrol deseñou unha vía submarina de 19 quilómetros para comunicar Europa e África