Michael Atiyah, un matemático doutro tempo

Por Fernando Castro*

A bordo dun cruceiro polo río Neckar, varias decenas de estudantes dos cinco continentes estabamos bailando e cantando a coro Summer of ‘69, de Bryan Adams, e pensando que, como di a canción, eses eran dos mellores días da nosa vida. Dese mesmo barco acababa de baixar Michael Atiyah, historia viva das matemáticas, que no verán de 1969 comezaba a traballar no Institute for Advanced Study de Princeton (a institución que acollera a Einstein durante o seu exilio) e xa era unha figura recoñecida internacionalmente.

Publicidade

Todos os que xa teñen unha certa idade saben que nunha vida hai sempre varias vidas. Atiyah ía xa pola súa terceira existencia importante. Durante catro décadas, foi ese investigador brillante que escribiu o seu nome con letras de ouro no libro da ciencia. De 1990 a 2008, dedicouse a presidir diversas institucións, como a Royal Society. E, máis recentemente, desempeñou o papel de lenda viva das matemáticas que, consciente da súa condición, con case noventa anos sacaba forzas para asistir a eventos coma o HLF e inspirar as novas xeracións.

Isto era unha mostra do seu carácter afable e modesto, de como o era todo e actuaba coma se non fose nada. Tanto era así que, en contra do que se podería sospeitar, o seu día a día transcorría moi afastado dos recoñecementos e a celebridade, erguéndose cada mañá coa ilusión intacta dese rapaz que quería xogar a ser matemático.

Publicidade

En Heidelberg vivín moitas experiencias relacionadas indirectamente con el. Sen dúbida, a máis memorable delas foi unha longuísima conversa onda a Igrexa do Espírito Santo, nunha xélida madrugada. Alí, xunto a esa vidreira que ten gravada E=mc2 (unha desas fórmulas simples e plenas de significado que tanto veneraba Michael, ao igual que a identidade de Euler), xente moi próxima a Atiyah descubriume o lado máis humano deste xenio e o extremadamente complexa que fora a súa vida.

Das miñas interaccións con el, a que recordo de maneira máis especial foi o seminario «O futuro da física matemática», no que Michael ía de mesa en mesa, falando con cada un dos que alí estabamos. Comigo conversou sobre invariantes topolóxicas, cunha lucidez abraiante para a súa idade. Son os momentos coma ese nos que un se dá conta de que as matemáticas son unha verdadeira linguaxe universal, que pode servir de punto de encontro para xente de distintas nacionalidades, xeracións e credos. E esa é a mensaxe máis importante que me transmitiu o HLF: a ciencia como elemento no entendemento entre nós, os pobos do mundo.

Agora que Atiyah marchou para sempre, o meu recordo del quedou ancorado nese cruceiro fluvial, tan parecido a aqueles que, nos anos cincuenta, realizaba polo Rin durante os Mathematische Arbeitstagung de Fritz Hirzebruch e que lembraba con tanta morriña.

Tras de si deixa unha amplísima obra, desde ese libro de álxebra conmutativa que ten servido de texto para incontables cursos de grao en todo o mundo, ata esas contribucións tan elevadas que a maioría dos mortais só podemos entender tras consultar ao noso topólogo ou xeómetra de cabeceira. Nela seguirá viva a súa memoria, así como en todos aqueles nos que deixou a súa pegada ao longo dos anos, en contra da máxima da «soidade do corredor de fondo».

Sexa cal sexa o río cuxas augas navega agora, unha cousa é segura: nesta travesía reuniuse xa coa súa muller Lily, de cuxa perda nunca se repuxera.

*Fernando Castro é graduado en Matemáticas e estudante do Mestrado en Xenética e Xenómica da USC.
Sir Michael Francis Atiyah, falecido o 11 de xaneiro de 2019, foi un dos matemáticos máis importantes da segunda metade do XX, e visitou a USC en 2006 convidado polo Programa ConCiencia. 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure