Martes 19 Marzo 2024

A noite na que toda Galicia tremeu

Moitos galegos lembran coma se fose onte a madrugada do xoves 22 de maio de 1997. Milleiros de persoas saíron as rúas en plena noite, atemorizadas, porque sentiron que todo tremía ao seu arredor. Hai agora 20 anos dese terremoto, o maior sismo con epicentro en Galicia do que se teñen datos. Alcanzou os 5,1 graos na escala de Richter; a mesma magnitude, por exemplo, que o causou nove vítimas mortais en Lorca (Murcia) no ano 2011.

A maior sacudida, á 1.50 da madrugada, foi a cúspide dunha escalada sísmica que se viña producindo desde había ano e medio. A finais de 1995 (29 de novembro e 24 de decembro) rexistráronse na mesma área dous movementos de magnitude 4,6, coas súas posteriores réplicas. Foi entón cando se popularizou o concepto do “triángulo sísmico”, cos seus vértices nas localidades de Sarria, Triacastela e Becerreá, zona na que se rexistraron a maior parte daqueles movementos de terra.

Publicidade

Serie de sismos rexistrados en poucas horas do 21 e o 22 de maio de 1997. Fonte: IGN.
Serie de sismos rexistrados en poucas horas do 21 e o 22 de maio de 1997. Fonte: IGN.

Os veciños destes municipios case se acostumaran a vivir con sacudidas puntuais e de baixa intensidade, que non ían máis alá de facer abalar as lámpadas e os cadros pendurados nas casas. En concellos como Sarria impartíronse cursos de prevención para aprender como actuar en caso de sismos. Pero o maior susto aínda estaba por chegar.

Na tarde do mércores 21, ás 16.17 horas, notouse un sismo de magnitude 3,3 seguido doutro máis leve. Houbo calma ata á 1.49 da madrugada, cando se acadaron os 4,1 graos. E menos dun minuto despois, sen tempo para repoñerse, chegou o tremor que fixo saltar da cama a media Galicia. Á outra media, co sono máis profundo, espertárona os seus seres próximos ou enterouse á mañá seguinte de que algo extraordinario acontecera. O tremor sentiuse en todos os recunchos de Galicia. A Radio Galega recibiu máis de 10.000 chamadas e o locutor Xosé Luis Portela narrou en directo como tremía o estudio no que se atopaba. Mesmo o príncipe Felipe declarou que sentira o sismo mentres durmía nun hostal de León, onde estaba de visita oficial.

O sismo non provocou danos persoais, aínda que en Sarria un home que padecía do corazón morreu na rúa a causa dun infarto, atribuído á tensión vivida polo terremoto. Si houbo desperfectos materiais. Nas zonas máis próximas ao epicentro derrubáronse por completo os muros dalgunhas casas e caeron cascallos á rúa. As rúas de pobos e cidades, desde as vilas máis afectadas ata A Coruña ou Vigo, pasando por Lugo e Santiago, enchéronse de xente asustada. As réplicas, varias delas superiores aos 4 graos, foron sucedéndose durante os seguintes días. Moita xente pasou a primeira noite nos seus propios coches e en Becerreá un grupo de veciños durmiu nun autobús.

O alcalde de Becerreá ‘adiviñou’ en directo a magnitude dunha das réplicas

As crónicas sobre o suceso describían un panorama inzado de momentos de histeria e pánico e, ao mesmo tempo, de situacións canto menos rocambolescas. Na estrada N-VI, que pasa moi próxima ao epicentro, “decenas de persoas circulaban polas gabias, algunhas proferindo berros e lamentos”, segundo contaba El País. O xornal narraba tamén que o entón alcalde de Becerreá, Antonio Fernández Pombo, atendía a unha cadea de televisión cando a entrevista foi interrompida por unha réplica: “Afinou o oído e, sen necesidade, de instrumentos mecánicos, certificou con rapidez e precisión: ‘Este foi de 3,6‘”, narraban os xornalistas.

Os reporteiros do mesmo xornal, Xosé Hermida e Primitivo Carbajo, tamén contaron como, en Lugo, un grupo de gaiteiros improvisou un festival en plena rúa para amenizar a noite á intemperie. Tamén se fixeron eco das palabras do presidente da Xunta, Manuel Fraga, recoñecendo ante os medios que pasou medo pensando que lle podía caer enriba o crucifixo pendurado sobre o cabeceiro da súa cama. Foi durante unha comparecencia na que o propio presidente anunciou a creación “dun documentiño” informativo con normas básicas de actuación en caso de sismo.

Casa destruída na parroquia de Piñeira, no municipio de Baralla. Foto: La Voz de Galicia.
Casa destruída na parroquia de Piñeira, no municipio de Baralla. Foto: La Voz de Galicia.

Pola súa parte, La Voz de Galicia recolleu testemuños de veciños de Becerreá que afirmaron ter visto halos de luz no ceo e que sostiñan que a lúa tiña unha estraña cor verde. Tamén contaba este medio como unha semana despois do sismo, en Sarria recuperaron a procesión do Sagrado Corazón, que levaba dez anos sen celebrarse, para pedir a Deus que cesaran os terremotos. Participaron nela preto de medio milleiro de persoas.

Co paso dos días foronse tomando medidas para paliar os danos causados polo sismo e intensificáronse as investigacións sobre a posible orixe daqueles tremores. Con todo, a parte das medidas de prevención que xa estaban en marcha nos concellos máis próximos ao triángulo sísmico, houbo que agardar ata 2009 para que a Xunta presentase o Plan Especial de Protección Civil ante o Risco Sísmico de Galicia (Sismigal), no que se establecen as principais zonas de perigo e as medidas a realizar en caso de que se produza un tremor grave.

As causas do terremoto

Un estudo publicado en 2004 na revista da Sociedad Geológica de España analizou o tema. Unha vez debullada a situacións das diferentes fallas que atravesan a zona,  os sismólogos atribúen os tremores á posible reactivación da falla de Baralla, que ocasionou posteriores rupturas en fendas próximas, como as de Vilaesteva ou Armada. Non en tanto, outras investigacións, como a publicada en Geogaceta, tamén en 2004, apuntan cara a falla de Becerreá como a causante dos tremores.

Para o catedrático da UDC Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, a explicación a estas series “están agora moito máis clara ca nunca“. Para comprender a tectónica de placas en Galicia, Romaní sinala que a península Ibérica forma “unha pequena placa independente das placas Euroasiática e Africana”. Deste xeito, o territorio ibérico “méxese ao ritmo que lle marcan eses dous xigantes”.

Durante moito tempo, explica o xeólogo, “pasouse por alto que o borde norte da península Ibérica é un borde de placa activo“, determinado polas cordilleiras dos Pireneos e o Cantábrico. “Nos libros de xeografía dise que a Cordilleira Cantábrica remta ao chegar a Galicia, aínda que iso non é así exactamente”, detalla Vidal Romaní. “Unha vez  que esa cordilleira chega ao ‘triángulo sísmico‘ transfórmase nunha foxa tectónica, denominada Depresión de Ourense, que vai desde esta zona ata Celanova, aproximadamente”. Nesta última zona, a foxa esténdese a través de dous ramais, un cara A Guarda e outro cara Vilanova da Cerveira, tal e como se expón nestes gráficos:

Zona de colisión entre a placa Ibérica e a Euroasiática. Imaxe cedida por Juan Ramón Vidal Romaní.
Zona de colisión entre a placa Ibérica e a Euroasiática. Imaxe cedida por Juan Ramón Vidal Romaní.

Deste xeito, tal e como sinala o experto, pódese ver como “a consecuencia do choque entre as placas Euroasiática e Ibérica, todo o norte da Península estase a erguer desde hai 65 millóns de anos”. Esa é, segundo Romaní, a cuasa dos sismos que de forma periódica se producen en Lugo.

Sobre a posibilidade de que se volvan producir estas series de tremores, Vidal Romaní responde afirmativamente. “Pode acontecer en calquera momento“, di. Alude aos graves sismos acontecidos nos últimos anos en Italia. “Son unha mostra de que o movemento segue, e en calquera momento” pode reproducirse en Galicia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

▪️ As medusas chegan para quedar: “Cada vez haberá máis en Galicia”

Nos últimos días apareceron varios exemplares que puideron ser arrastrados polo temporal marítimo

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Un asteroide troiano de Xúpiter pasará polo ceo de Galicia

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación dunha estrela