Como facerse o parvo no século XV? O libro escrito por un galego para os Reis Católicos

O incunable 'Criança y virtuosa doctrina' conservado na Biblioteca Nacional de España trátase dun testemuño único do primeiro tratado de protocolo da Castela medieval

Poucos elementos definiron tanto á realeza medieval como o seu elaborado código de comportamento. Así, na Biblioteca Nacional de España (BNE) consérvase unha das primeiras evidencias destas normas procedentes da Coroa de Castela. O incunable coñecido como Criança y virtuosa doctrina constitúe un testemuño único no mundo, dirixido á infanta Isabel, filla maior dos Reis Católicos, como explica Natalia Mangas, do Servizo de Manuscritos e Incunables da BNE, a través do canal de YouTube da institución. E o máis sorprendente? Esta obra foi escrita por un galego: Pedro de Gracia Dei.

Trátase dun poeta, cronista e mesmo rei de armas dos monarcas, encargado de redactar este primeiro tratado que recolle de maneira ordenada e sistemática o protocolo de comportamento da Castela medieval. Foi el quen o escribiu, aínda que se imprimiu arredor do ano 1488 nunha imprenta de Salamanca.

Publicidade

Pero, que é un incunable? Segundo explica Natalia Mangas, son libros impresos co sistema de Gutenberg dende mediados do século XV ata o ano 1500. Na actualidade, só se conserva un exemplar deste incunable na Biblioteca Nacional de España.

Da mesa á rúa

O primeiro ámbito ao que dirixe a mirada o galego é á mesa, “aos que están asentados”. Dentro das normas de compostura nas comidas, destacan unha serie de consellos curiosos: “Non se debe roer óso nin beber cos ollos postos ao teito, nin soprar o que se ha de comer, nin en beber “glo, glo” facer”. Así, con retranca e rima, Pedro de Gracia enuncia diferentes regras de protocolo.

Publicidade

Mesmo introduce o que hoxe coñecemos como “facerse o parvo”. No caso de que a infanta se atopase con alguén a quen non quería saudar, estas eran as instrucións: “Se algún vén quen atopar non quererías, fala nalgunha porta ou baixa a vista ou fai cara chosca, como que miras noutro lugar“.

As normas de conduta chegaban incluso a ditaminar como camiñar, sendo a recomendación andar con moito sosego. Así debía ser a vida en palacio.

Máis de 60 consellos

Este incunable recolle máis de 60 consellos de comportamento e cortesía, que van dende cuestións prácticas, como cuspir despois de esbirrar, ata leccións de empatía: “Cos tristes non fagas canto e cos alegres non fales en planto”.

Por tratarse dun libro dirixido principalmente á realeza, tamén advirte sobre a tendencia a ser preguntón: “Non insistas a ninguén a onde va, con quen nin a que”.

Deste xeito, Pedro de Gracia Dei presenta un verdadeiro “cadro da vida cotiá en palacio”, explica Natalia Mangas dende a BNE. A cortesía, o protocolo e a gastronomía combínanse para educar á realeza da época a través das palabras dun galego.


Podes consultar o incunable da Biblioteca Dixital Hispánica na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sancha de Lobeira: como preitear contra o arcebispo de Santiago e saír gañando

Foi unha gran señora feudal que viviu entre os séculos XV e XVI e cuxa xestión patrimonial deixou fonda pegada nos concellos da Serra de Outes

Teresa de Távora, unha gran estratega que foi moito máis que “a muller de”

Casou co célebre Pedro Madruga e actuou como mediadora de toda a familia Soutomaior ante as coroas de Castela e Portugal