Que é o quecemento súbito estratosférico que podería afectar a Galicia este Nadal?

As previsións apuntan que as primeiras consecuencias deste fenómeno se manifestarían na segunda quincena de decembro con moito frío e precipitacións abundantes

Moitos debaten estes días sobre un posible quecemento súbito estratosférico que podería afectar a Galicia. O concepto foi mencionado polo meteorólogo estadounidense Ben Noll na rede social X, onde advertiu que “se prognostica un repetino evento de quecemento estratosférico que acadará o seu punto máximo arredor do 25 de novembro”. Aínda que a mensaxe procede do outro lado do Atlántico, o fenómeno tamén se pode extrapolar a Europa. Segundo MeteoGalicia, se finalmente confirma, podería ter impacto no territorio durante a segunda quincena de decembro.

O quecemento súbito estratosférico é aínda un concepto experimental, o que explica parte do debate que xera. En termos sinxelos, trátase dun proceso no que a estratosfera se quenta moi rápido, en poucos días, con incrementos de temperatura de varias decenas de graos. Este forte quecemento pode debilitar ou romper o vórtice polar, a estrutura que mantén o frío concentrado no Ártico. Cando ese “remuíño” se altera, o frío pode desprazarse a latitudes máis baixas e favorecer a aparición de ondas de frío en Europa.

Publicidade

“A probabilidade de episodios de aire frío é maior cun quecemento súbito estratosférico”, explican dende MeteoGalicia. Pode producirse unha fin de semana con frío e neve en Galicia sen que teña relación directa con este fenómeno, pero todo indica que podería actuar como un mecanismo que incrementa a probabilidade de episodios invernais máis marcados.

O quecemento previsto producirase a finais de semana, arredor do 27 e 28 de novembro, a uns 30 ou 50 quilómetros de altura, onde os ventos estratosféricos se reverterán e pasarán de soprar de oeste a leste. Con todo, os seus efectos aínda tardarán dúas ou tres semanas en trasladarse á troposfera, onde se manifestan as condicións meteorolóxicas que vivimos. Dende MeteoGalicia sinalan que o resultado final podería ser unha configuración moi invernal: moito frío e tempo húmido.

Publicidade

Unha explicación meteorolóxica máis profunda

A partir de outubro, as temperaturas no hemisferio norte comezan a descender de forma marca, especialmente nas zonas polares, iniciando a transición cara ao inverno. Nesta dinámica destaca o papel do vórtice polar: unha área moi fría e de baixa presión, situada sobre as latitudes máis altas durante o inverno norte. “O vórtice polar confina todo o aire frío das latitudes polares”, explica o técnico do servizo meteorolóxico galego.

Este fenómeno repítese cada inverno por perda de radiación, causada polas poucas horas de luz. Como consecuencia, a estratosfera nestas zonas arrefría e pode alcanzar temperaturas que roldan os -60ºC. Cando se instala un anticiclón persistente durante máis dunha semana, a circulación atmosférica favorece a calor procedente de capas inferiores ascenda ata a estratosfera e eleve a súa temperatura.

Así, un quecemento súbito estratosférico maior prodúcese cando estes anticiclóns de bloqueo conseguen reducir a intensidade dos ventos estratosféricos ata o punto de debilitalos e facer que cambien de dirección, pasando a circular no sentido contrario ás agullas do reloxo. É nese momento cando o fenómeno pode ter unha maior repercusión en superficie.

Cando o vórtice polar se desestabiliza, o aire que permanecía confinado na estratosfera pode desprazarse cara a latitudes moito máis baixas. “Normalmente produce temperaturas moito máis baixas do normal e semanas de chuvias bastante intensas“, explica o técnico. Con todo, tamén pode xerar unha serie de borrascas que, finalmente, non teñan impacto directo en Galicia. “Hai probabilidade, pero non é moi alta”, matiza. Galicia é só un pequeno punto dentro das latitudes medias, polo que, se o aire frío se dispersa cara ao leste de Europa, é posible que non nos afecte. Será necesario agardar para comprobalo con precisión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual