Da estatua dunha serea á sombra do peregrino: estes son algúns dos lugares máis peculiares de Galicia

O Atlas Obscura é unha ferramenta interactiva en liña que recolle 30 localizacións singulares nas catro provincias galegas

E se na rúa onde vives houbera marabillas que descoñeces? Desta incógnita parte o Atlas Obscura, unha ferramenta interactiva en liña que recolle lugares, comidas e historias do mundo marcados por un carácter estraño ou extravagante. “Existe para axudar ás persoas a atopar os lugares especiais preto das súas casas e nas súas viaxes”, recolle o portal. A iniciativa, fundada en 2009 en Estados Unidos, está composta por unha comunidade global de exploradores e exploradoras que, nun afán colaborativo, levan case dúas décadas construíndo unha base de datos internacional cos aspectos xeográficos, turísticos, folclóricos e gastronómicos máis insólitos do planeta.

Na actualidade xa superan as 33.600 localizacións e comidas recompiladas na web e máis de 15.000 historias recollidas. As marabillas que se poden atopar no Atlas Obscura van dende a primeira estación de metro aberta en Nova Iork ás catacumbas de París, pasando por un labirinto de espellos en San Francisco e un cráter que leva medio século ardendo en Turkmenistán. En Galicia, o portal, en constante actualización por parte dos usuarios, recolle unha trintena de lugares para visitar ao longo de toda a comunidade. Máis da metade atópanse na Coruña, con 16 destinos sinalados, seguido de seis en Lugo, cinco en Ourense e tres en Pontevedra.

Publicidade

A Coruña

Santiago de Compostela é o fogar de múltiples historias da tradición e o folclore galegos. E, en concreto, a catedral e a súa contorna ofrecen boa parte de espectáculos que van máis alá da relixión. O Atlas Obscura recomenda a visita do botafumeiro, un repartidor de incenso que leva séculos pendurando sobre os visitantes da edificación, e da sombra do peregrino, que se forma cando se forma unha sombra coa figura dun peregrino de perfil sobre os muros da catedral. Tamén na capital galega está a homenaxe ás Dúas Marías (que na páxina definen como “un escándalo dunha vila transformouse nunha mostra de arte atemporal”) e o banco dos murmurios, ambos na Alameda compostelá.

Máis ao norte atópase o Parque do Pasatempo, un espazo enciclopédico público en Betanzos; os Menhires pola Paz da Coruña; a Torre de Hércules da Coruña; e o Elevador do Monte de San Pedro, tamén na cidade herculina.

Publicidade

Seguindo na provincia da Coruña están as Fragas do Eume; as baterías militares de Cabo Prior, un vestixio da segunda Guerra Mundial; o Santuario de Santa Minia, unha mártir adolescente, en Brión; a Praia dos Cristais, en Laxe; o museo ao aire libre do alemán Man, en Camelle; os Castros de Baroña, no Porto do Son; o ‘Mellor Banco do Mundo‘, en Loiba; ou a Trufa de Dumbría, un fogar experimental construído nunha rocha polo arquitecto Antón García-Abril.

  • A sombra do peregrino. Imaxe: Wikimedia Commons
  • As Dúas Marías. Imaxe: Wikimedia Commons
  • Parque do Pasatempo. Imaxe: Wikimedia Commons
  • Parque do Pasatempo. Imaxe: Wikimedia Commons
  • Menhires pola Paz. Imaxe: Wikimedia Commons
  • Fragas do Eume. Imaxe: Turismo de Galicia
  • Praia dos Cristais. Imaxe: Wikimedia Commons
  • Museo ao aire libre do alemán Man. Imaxe: Man de Camelle

Lugo

Na costa lucense atópase o Museo Provincial do Mar, un espazo en San Cibrao que lembra da historia costeira da poboación e, en especial, da súa industria baleeira; a Estatua da Maruxaina, unha serea de pedra que conmemora unha lenda galega, tamén en San Cibrao; a Praia das Catedrais, en Ribadeo; e, aínda cara ao norte da provincia, ‘O Avó‘, un eucalipto (Eucalyptus globulus) do municipio de Viveiro considerado como un dos árbores máis altos de Europa.

A Muralla de Lugo está tamén incluída na listaxe do Atlas Obscura, que a define como “unhas fortificacións de pedra romanas remarcablemente intectas que cercaron esta cidade española por séculos”. Máis cara ao sur lucense, o portal web sinala, ademais, Portomarín, unha parada do Camiño de Santiago que se eleva sobre as ruínas dunha aldea medieval.

Ourense

Na provincia de Ourense, o atlas recomenda a visita do Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, unha edificación relixiosa abandonada do século VI que inclúe un mapa medieval do mundo coñecido. Por suposto, inclúe a Cidade dos Rapaces, un antigo asentamento circense en Benposta e, á vez, as ruínas da segunda maior escola de circo do mundo.

No leste da provincia atópase a Casa da Inquisición de Ribadavia, definido polo atlas como “un edificio que esconde a plena vista un histórico cuartel xudeu”. Cara ao sur sitúase o Aquis Querquennis, as ruínas dun campamento militar romano que se erguen en Bande. E na Veiga, cara ao oeste Ourensán, áchase a Casa das Pedriñas, unha vivenda que resulta do traballo de construción dun só home durante case 30 anos.

Pontevedra

En Pontevedra, o Atlas Obscura presenta a Illa de San Simón como unha “pequena e frondosa illa que ten unha longa e sanguenta historia”. Máis cara ao norte, no Grove, o portal recomenda facer unha parada na Capela das Cunchas, unha construción do século XII que, facendo honra ao seu nome, está completamente cuberta de cunchas. No sur, xa lindando con Portugal, marca os Muíños do Folón e do Picón, un conxunto histórico de 60 muíños de auga en fervenza aliñados, declarados Ben de Interese Cultural, no concello do Rosal.

  • Escultura da Maruxaina. Imaxe: Wikimedia Commons
  • Praia das catedrais: Turismo de Galicia
  • Muralla de Lugo: Imaxe: Turismo de Galicia
  • 'Aquis Querquennis'. Imaxe: Wikimedia Commons
  • Illa de San Simón. Imaxe: cultura.gal
  • Capela das Cunchas. Imaxe: Turismo de Galicia
  • Muíños do Folón e do Picón. Imaxe: Turismo de Galicia

Podes consultar o Atlas Obscura neste enlace.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas