Confirmada a presenza de gripe aviaria por primeira vez na Antártida

O virus detectouse en mostras de aves mortas, achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base 'Primavera'

Científicos do CSIC confirmaron o pasado 24 de febreiro a presenza, por primeira vez na Antártida, do virus da gripe aviaria. En concreto, o patóxeno atopouse en dúas mostras de palleiras mortas, que foron achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base antártica Primavera. As mostras obtivéronse usando as máximas medidas de protección para evitar a transmisión do virus ás persoas. Unha vez tomadas as probas, os virus presentes nelas inactiváronse inmediatamente para permitir o seu estudo de forma segura. Posteriormente, as mostras transportáronse, con todas as medidas de seguridade, á base española Gabriel de Castilla en Illa Decepción, onde foron analizadas polos investigadores Ángela Vázquez e Antonio Alcamí.

As análises demostraron de maneira concluínte que as aves estaban infectadas co subtipo H5 de gripe aviaria e polo menos una das aves mortas contiña o virus altamente patoxénico. Ditas análises consistiron en PCRs específicas para o virus da gripe e o subtipo H5, seguidas dunha secuenciación da rexión de corte da proteasa, o que define cunha certeza do 100% a presenza do virus. Esta confirmación foi posible grazas á colaboración internacional, especialmente con Arxentina, e á coordinación do Comité Polar Español. As organizacións internacionais antárticas que colaboraron foron o Scientific Committee for Antarctic Research (SCAR) e o Council of Managers of National Antarctic Programs (COMNAP), que foron informadas dos descubrimentos, tal como o esixe o Tratado Antártico.

Publicidade

Este descubrimento vai permitir aos programas polares nacionais estar preparados para evitar a transmisión da infección por medios humanos e, sobre todo, evitar o contaxio das persoas. Este descubrimento demostra por primeira vez que o virus da gripe aviaria chegou á Antártida a pesar da distancia e barreiras naturais que a separan doutros continentes.

Este achado podería explicar, ademais, as mortaldades de aves rexistradas durante o verán antártico. A variante atopárase en moitos lugares do hemisferio norte e, desde o verán pasado, tamén no hemisferio sur. O virus describiuse recentemente nas illas subantárticas, pero ata a data, aínda que se comunicaron mortaldades importantes dalgunhas aves no territorio antártico, ningún país demostrara a presenza do virus en territorio antártico. España puxo en marcha o protocolo fronte á gripe aviaria altamente patoxénica na Antártida no mes de novembro, antes do comezo da campaña, que todos os participantes no programa seguiron escrupulosamente.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé