Científicos galegos describen unha nova especie de libélula das illas Fixi

O insecto destaca por ter un abdome moi longo, os dentes finos e a parte externa das ás de cor rosada

Conformado por máis de 300 illas, o arquipélago de Fixi reúne un bo número de especies de libélulas que non poden atoparse en ningunha outra parte do mundo, ás que agora se engade a Nikoulabasis roseosticta, descrita por primeira vez nun artigo asinado polo catedrático da Universidade de Vigo (UVigo) Adolfo Cordero, coordinador do grupo de investigación EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), xunto a investigadores de Estados Unidos, Nova Zelandia e do propio arquipélago. “Trátase dun animal raro e moi grande. É morfoloxicamente a máis diferenciada das especies endémicas de Fixi”, recoñece o investigador da Escola de Enxeñaría Forestal dunha libélula que recibe o seu nome da cor rosada que presenta na parte externa das ás.

Publicado na revista Zootaxa, o artigo no que se describe esta nova especie é resultado da colaboración entre Cordero e o investigador da Universidade de Stanford Christopher Beatty, quen era investigador posdoutoral do grupo EcoEvo cando se levaron a cabo os primeiros traballos de campo que permitiron detectar exemplares dunha especie “pouco frecuente”, como recoñece o catedrático da UVigo. De feito, a súa descrición é o resultado da análise de exemplares atopados en diferentes puntos de Vanua Levu nos anos 2008, 2019 e 2023, no marco de diferentes traballos. Xunto a estes dous investigadores, asinan o artigo a estudante de doutoramento da University of the South Pacific Bindiya Rashni e o entomólogo do Ministerio do Sector Primario de Nova Zelandia Milen Marinov. 

Publicidade

Un longo abdome diferénciaa doutras especies endémicas

A característica máis “rechamante” desta especie, apunta Cordero, é a cor rosa fucsia que presenta no seu pterostigma, unha cela na parte externa das ás. Mais a Nikoulabasis roseosticta destaca tamén por “un abdome moi longo”, que a diferencia doutras especies endémicas do arquipélago, e que podería servir “para pór os ovos dentro de plantas que acumulan auga e onde poden vivir as larvas”, como apunta o investigador. “Outras especies doutros lugares do mundo con ese aspecto son habitualmente habitantes das bromeliáceas, plantas que teñen forma de roseta e acumulan auga na base das follas, onde viven as larvas de libélulas, que depredan sobre outros organismos que usan o mesmo ambiente, como as larvas de mosquito ou de anuros”, engade o responsable do grupo EcoEvo, que incide, non obstante, en que no referido a esta nova especie isto “terá que ser investigado no futuro”. 

Xunto a estes elementos, o estudo detense noutras “características estruturais” que diferencian esta especie das súas conxéneres, como un ancho lóbulo distal, os dentes finos que presenta no ovipositor ou o feito de contar con “ás delicadas” con menos veas suplementarias que outras especies.

Publicidade

Integrante dun novo xénero

No marco dun proxecto de investigación sobre a diversidade de comportamentos en diferentes especies, integrantes do grupo EcoEvo describiran recentemente outra especie endémica en Vanua Levu, á que deron o nome de Nesobasis rito. Non obstante, a continuación do traballo levado a cabo nos últimos anos nas illas levou aos entomólogos á definición do novo xénero Nikoulabasis, ao que se transferiron varias especies, como a N. rito. “Estudando máis especies, consideraron que o antigo xénero Nesobasis”, no que se inserían máis de 30 especies que só poden atoparse en Fixi, “era demasiado diverso e dividírono”, explica Cordero. Nese senso, a N. roseosticta “encaixa pola súa morfoloxía e polo ADN no grupo Nikoulabasis e por iso decidimos xa incluíla directamente no novo xénero”, que pasa a estar integrado por oito especies.

Non obstante, o coautor deste artigo Milen Marinov atópase traballando “nunha revisión de todas as especies de Nesobasis e Nikoulabasis”, que pode dar lugar a variacións nesta clasificación, ao que poderían sumarse descricións de novas especies no arquipélago. “Poucas deben quedar, pero é posible que aínda quede algunha por descubrir”, recoñece Cordero, que lembra que “moitas zonas de Fixi non teñen acceso ou é extremadamente complicado”. 


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto