A chuvia, o frío e vento foron os protagonistas esta pasada fin de semana en Galicia. A borrasca que azoutou á comunidade provocou o domingo fortes ventos, como en Muras (Lugo), onde se rexistraron 147 km/h, e aínda se manteñen nas primeiras horas deste luns pero sopran con menos intensidade. En Manzaneda, segundo apunta MeteoGalicia, alcazáronse os 135,1 km/h e as temperaturas chegaron aos -4,4 graos. A medida que avance a xornada, a fronte situada entre Francia e as Illas Británicas e que canaliza vento do norte seguirá traendo frío e chuvascos, aínda que remitirán ao longo do día. O Centro Integrado de Emerxencias de Galicia (CIAE 112) informou que o temporal causou máis de 240 incidencias nas últimas horas e que 14 municipios están en alerta porque nove ríos poderían desbordar debido á intensidade das precipitacións dos últimos días.
Na súa meirande parte, as incidencias están relacionadas con árbores e pólas caídas en estradas que dificultan a circulación. A acumulación de auga este domingo alcanzou os 99,9 litros por metro cadrado en 24 horas en Pedrafita do Cebreiro (Lugo), os 91,7 en Fornelos de Montes (Pontevedra) e 83,4 en Cercedo-Cotobade (Pontevedra). Ao longo deste luns, os ceos estarán con intervalos nubrados e chuvascos, e segundo informa MeteoGalicia, localmente treboentos e ocasionalmente acompañados de sarabia. A cota de neve estará situada por riba dos 800 metros, xa que as temperaturas descenderán. Os ventos soprarán forte de compoñente norte no litoral e zonas altas, de aí que estea activa a alerta laranxa no mar. Nesta madrugada alcanzáronse ondas de ata sete metros en Illas Sisargas e seis na cidade da Coruña.
Con todo, esta non será a tónica para o resto da semana. O martes recupérase a influencia anticiclónica e será un día de ceos anubrados, aínda que pode chover no leste de Lugo. As mínimas estarán situadas arredos dos 4 graos en Lugo e Ourense; 5 en Santiago e Pontevedra; 7 Vigo e Ferrol; e 9 na Coruña. O mércores, Galicia atoparase “nunha situación intermedia entre as altas presións que entrarán en forma de cuña dende os Azores e as baixas que irán achegándose polo Atlántico”. Esta condición provocará un día de ceos cubertos, con posibilidade de que se abran claros na metade sur da comunidade. Choverá no litoral norte e ascenden as temperaturas máximas, onde Pontevedra e Vigo poderán rexistrar 16 graos, á vez que baixan as mínimas.
O xoves entrará unha nova fronte por Galicia, pero non terá nada que ver coa da fin de semana. Será unha borrasca de densidade moderada provocada por unha vagoada, que traerá chuvascos, ocasionalmente con sarabia e tormenta. E a fin de semana, outra borrasca volverá afectar a Galicia e traerá máis aire frío. No portal Meteored, Juan José Villena apunta que “España se meteu nun bucle de aire polar marítimo. Chegan precedidas de frontes atlánticas que deixan precipitacións e nevadas en cotas altas”. Desta maneira, a inestabilidade asentarase probablemente toda a fin de semana en Galicia con precipitacións intermitentes.














