O ex furacán Franklin pode converterse en ciclón tropical na súa viaxe a Galicia

O Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos cre que hai un 20% de probabilidades de que ocorra nos próximos sete días

O Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos (NHC, polas súas siglas en inglés) vixía o ex furacán Franklin, agora convertido en borrasca, no seu desprazamento cara a península ibérica e, polo tanto, Galicia. Segundo as estimacións do organismo americano, hai un 20% de probabilidades de que se converta en ciclón tropical nun prazo de sete días. “Podería adquirir algunhas características tropicais ou subtropicais a finais desta semana mentres se move erraticamente entre as Azores e Portugal”, explican dende o NHC. De momento, as probabilidades de que se converta en ciclón tropical son baixas. De feito, non se prevé que o seu centro entre na península ibérica, aínda que si influenciará o tempo da fin de semana. En Galicia deixará tormentas e chuvias abundantes.

“É unha probabilidade baixa, pero digna de prestarlle a atención pola anomalía que supón”, declara o investigador Juan Jesús González Alemán, da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), na súa canle da rede social X (coñecida anteriormente como Twitter). E é que manter a vixilancia deste furacán súmase a un “lío meteorolóxico”, tal e como o define este experto, que leva varios días afectando a península ibérica. Fundamentalmente, pola influencia dunha potentísima DANA que deixou graves inundacións no centro peninsular, con varios falecidos e outras tantas persoas desaparecidas.

Publicidade

De feito, os restos do furacán Franklin están absorbendo a DANA, que está agora mesmo debilitada e situada no noroeste da península ibérica. Isto débese ao efecto Fujiwhara, que describe como dous fenómenos —neste caso a borrasca e a DANA— orbitan un arredor do outro. O máis potente de ambos, neste caso o ex furacán, será o que “sobreviva” e adquira o protagonismo meteorolóxico. De feito, a finais de semana e incluso a fin de semana, será a borrasca resultante —que primeiro foi furacán e despois absorbeu a DANA— a que determine o tempo que haberá en Galicia. Sen ir máis lonxe, a partir deste venres quedaremos baixo unha situación de “moita inestabilidade atmosférica” e a probabilidade de chuvia será alta en xeral, con chuvascos que poden ser localmente tormentosos, segundo informan dende Meteogalicia.

O escenario aínda é incerto pero todos os servizos meteorolóxicos agardan chuvias para a fin de semana. Meteored, por exemplo, cre que o sistema de baixas presións —é dicir, a borrasca resultante de Franklin e da DANA— “traerá chuvias abundantes e tormentas polo oeste peninsular, especialmente a partir deste xoves e, sobre todo, a fin de semana”. Dende este portal meteorolóxico tamén salientan as probabilidades de que o ex furacán se converta en ciclón tropical, malia que sexan baixas. “A traxectoria prevista do seu centro será errática e non se prevé que entre na península, polo menos con moita actividade no seu seo. Se chega a formarse, levaría o nome do antigo furacán: Franklin”, expón o meteorólogo Francisco Martín León nun artigo publicado este martes en Meteored.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Unha masa de aire ártico afunde as temperaturas en Galicia na fin de semana

A circulación do vento do norte e unha fronte feble causarán chuvascos intermitentes entre venres e domingo, cando se comezará a recuperar a influencia anticiclónica

Galicia rexistrou o cuarto abril máis seco da serie histórica

MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi de 35 litros por metro cadrado, que é un 69% inferior ao frecuente neste período