Dez medidas para evitar o abandono da carreira académica despois da maternidade

A investigadora galega Mar Sobral asina un artigo onde aposta pola creación de garderías nos centros de traballo e maior apoio durante o embarazo

A investigadora da Universidade de Santiago (USC) Mar Sobral, pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus), asina, xunto a outras seis científicas do eido da Ecoloxía, un artigo con dez propostas para evitar o abandono da carreira académica logo da maternidade. Publicado na revista PLOS Computational Biology, o traballo subliña “a necesidade dunha maior representación das mulleres na ciencia, incluídas as nais, porque a igualdade é un dereito fundamental e, ademais, hai traballos que certifican que as contornas de traballo diversas son máis produtivas e innovadoras”.

O artigo explica como, a miúdo, os desafíos relacionados coa maternidade levan as mulleres a abandonar a academia despois do seu primeiro fillo. De feito, estudos realizados en Estados Unidos apuntan a que ao redor do 50 % das científicas dese país abandona a ciencia despois da maternidade. Para abordar esta problemática, un grupo de científicas españolas, que á súa vez son nais, propoñen dez medidas para crear un ambiente máis amigable e evitar así que as mulleres abandonen a carreira académica despois da maternidade.

Publicidade

O 50% das investigadoras dos Estados Unidos abandona a ciencia despois da maternidade

Estas pautas abarcan varios aspectos, dende o apoio durante o embarazo ata o equilibrio entre a vida laboral e persoal ou as oportunidades de avance profesional. O traballo inclúe medidas relativas ao coidado infantil e lactación e a fase escolar, accións destinadas a organizar, flexibilizar e distribuír equitativamente as actividades de investigación e docencia e medidas para o avance profesional das nais, loitando así contra os problemas de saúde mental, discriminación e acoso.

Xunto a Mar Sobral, asinan o traballo Esther Sebastián-González da Universitat d’Alacant, Eva Graciá da Miguel Hernández de Elxe, Alejandra Morán-Ordóñez do Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais, Irene Pérez-Ibarra do Instituto Agroalimentario de Aragón (centro mixto da Universidade de Zaragoza e o CITA de Aragón) e Ana Sanz-Aguilar do Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados (IMEDEA, CSIC-UIB).

Publicidade

Horarios máis flexibles

Entre as medidas que propón este grupo de científicas está o apoio técnico á muller xestante para traballos de campo e laboratorio, así como políticas para facilitar horarios de traballo flexibles e o traballo remoto. Outro punto que destaca o artigo é que se teñan en conta as baixas maternais e paternais en procesos de selección e en criterios de elixibilidade para bolsas e postos de investigación. Tamén solicitan a creación de garderías e centros de lactación no traballo e en reunións científicas, flexibilidade no horario e localización de traballo e dar prioridade aos proxenitores con menores para seleccionar os horarios de docencia en horario escolar.

Para apoiar o avance profesional das nais, as autoras recollen outras cuestións como poder estender polo menos 18 meses por neno a xanela de elixibilidade para bolsas e subvencións para nais científicas, exonerar o requisito de mobilidade xeográfica en bolsas e subvencións para nais científicas e crear subvencións específicas despois de longas pausas na carreira. Propoñen tamén crear, difundir e facer cumprir políticas contra o acoso e a discriminación en todas as institucións de investigación e reducir o traballo non remunerado e non recoñecido das mulleres, como ser membros de comités de contratación ou tese e igualar esta carga administrativa á dos homes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos