Os primeiros días de setembro virán marcados por un ambiente máis propio do outono que do verán. A época máis calorosa do ano está a piques de chegar á súa fin e os cambios atmosféricos xa prognostican o fin das altas temperaturas e os días solleiros. De feito, está previsto que este venres se rexistren abundantes precipitacións en toda Galicia pola chegada dunha fronte fría. A inestabilidade continuará ao longo de toda a fin de semana pola formación dunha depresión illada en niveis altos, denominada comunmente como DANA. Está previsto que se descolgue da contorna das illas británicas e se desprace cara ao sur, ata situarse o sábado de madrugada no noroeste peninsular. De feito, os expertos de Meteored xa consideran que se pode tratar dun fenómeno “potencialmente adverso”.
Por que se produce?
Segundo Juan Jesús González Alemán, investigador da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), “unha cicloxénese extratropical moi intensa” —é dicir, unha borrasca— estase a desenvolver sobre Terranova, en Canadá. Este fenómeno altera a circulación atmosférica en latitudes medias, o que derivará no descolgue da DANA sobre as illas británicas. Ademais, a formación do furacán Franklin nesa mesma zona pode ser un factor engadido: “Pode ter certa participación indirecta, axudando a dar máis enerxía potencial (humidade e calor) a esa cicloxénese extratropical ao norte”, continúa explicando o experto da AEMET a través da súa canle na rede social X (anteriormente Twitter).
Que vai provocar?
Os expertos coinciden en que a formación desta DANA é máis propia dos meses de outubro e de novembro que de comezos de setembro. Dende eltiempo.es, o meteorólogo Mario Picazo explica que o aire frío entrará este venres por Galicia. Xunto coa humidade que procede do Mediterráneo e do Atlántico, favorecida polos fenómenos que menciona González Alemán, crean un escenario perfecto para a primeira DANA da temporada. Así, configurarase un escenario “moi inestable” que deixará as precipitacións máis intensas no nordeste e no centro peninsular. Ademais, as temperaturas serán baixas para esta época do ano, mostrando un acusao descenso térmico para comezos de setembro.
No que respecta a Galicia, o escenario de maior inestabilidade producirase esta venres pola chegada dunha fronte fría que deixará ceos anubrados e chuvias xeneralizadas en todo o territorio. Os valores tamén serán baixos para a época do ano, rexistrando arredor de 20 graos de máxima en case todas as cidades galegas, agás Vigo e Ourense, con 24 e 26 graos respectivamente. O escenario do sábado tamén estará marcado pola inestabilidade producida pola DANA. De feito, a partir do mediodía espérase que se poidan producir chuvascos treboentos. De cara ao domingo e comezos da vindeira semana, aínda reina a incerteza. De momento, os modelos seguen prevendo un “tempo moi cambiante” e temperaturas baixas para a época do ano.














