O estudo dos dentes humanos fósiles ten múltiples aplicacións. Unha delas, avaliar os tempos e pautas de crecemento das pezas dentais e a súa posíbel correlación con variábeis biolóxicas do desenvolvemento e maduración humanos, o que abre unha vía de estudo para ver como se desenvolveron o homínidos da nosa árbore evolutiva.
Nesta liña, o Grupo de Antropoloxía Dental do Centro Nacional de Investigación da Evolución Humana (CENIEH) e o Laboratorio de Evolución Humana da Universidad de Burgos (UBU) lideran unha investigación sobre o patrón de desenvolvemento dental de dúas poboacións dos xacementos de Atapuerca (Burgos): o Homo antecessor de Gran Dolina (860.000 anos) e os homínidos da Sima de los Huesos (430.000 anos). O resultados do estudo indican un desenvolvemento relativo dos molares máis rápido que o dos humanos modernos.
Maduración máis rápida
Esta investigación sobre o desenvolvemento dental relativo é complementaria ao traballo realizado sobre os tempos de formación do esmalte destas poboacións fósiles de Atapuerca, publicado en Scientific Reports. Nese estudo indicábase que o crecemento do esmalte de H. antecessor e os atopados na Sima de los Huesos era de media un 27 % máis rápido que o dos humanos modernos. Agora, a investigación actual constatou un desenvolvemento avanzado dos terceiros molares nestas dúas poboacións con respecto ao Homo sapiens moderno.
Estas observacións, combinadas cos tempos reducidos de formación do esmalte, parecen indicar un período ontoxenético máis curto nos homínidos de Gran Dolina e Sima de los Huesos en comparación coa media humana moderna. “Tendo en conta que existe unha relativa correlación entre o desenvolvemento dental e a maduración esquelética, a combinación de ambos os estudos permítenos establecer a hipótese de que os homínidos de Atapuerca adquirirían a idade adulta ao redor dos 14 e 15 anos de idade”, explica Mario Modesto Mata, autor principal deste artigo, xunto con Rebeca García González.
Unha aproximación estatística
Para este traballo empregouse unha aproximación estatística do Teorema de Bayes de probabilidade condicional, nunca antes empregado para poboacións anteriores aos neandertais. Os dentes clasificáronse en oito categorías segundo o seu estado de mineralización, obtidas a través de imaxes de tomografía axial computarizada (TAC) realizadas no Laboratorio de Microscopía e Microtomografía Computarizada do CENIEH.
Categorías que serviron para ser comparadas, a nivel estatístico, cunha mostra relativamente ampla de secuencias de desenvolvemento dental de humanos modernos. As secuencias actuais proviñan da Universidad de Burgos e da Universidade de Bordeos, que incluía, esta última, unha mostra de persoas procedentes da África subsahariana.
“Non só atopamos diferenzas comparando esas dúas poboacións con humanos modernos, tamén puidemos identificar diferenzas entre H. antecessor e Sima de los Huesos. Por exemplo, os homínidos da Sima de los Huesos presentan un desenvolvemento do segundo molar máis avanzado con respecto ao primeiro molar que H. antecessor”, conclúe Modesto Mata.
Referencia: Early and Middle Pleistocene hominins from Atapuerca (Spain) show differences in dental developmental patterns (Publicado en American Journal of Biological Anthropology)