Luns 26 Febreiro 2024

A insólita mandíbula atopada en China: “Non encaixa con ningunha especie coñecida”

A antropóloga galega María Martinón participa no achado duns ósos de hai 300.000 anos con características anatómicas ancestrais e modernas

A 15.000 quilómetros de Galicia está a cova de Hualongdong, un xacemento arqueolóxico situado no leste de China. No seu interior atopáronse restos óseos de hai máis de 300.000 anos que puideron pertencer a 15 individuos distintos. De todos eles, o que máis acaparou a atención foi un anaco insólito de mandíbula, con características anatómicas propias dos humanos modernos pero tamén dos antigos. Así o corrobou un equipo de investigadores chineses e españois despois de comparalo co Homo sapiens, o Homo erectus e o Homo neanderthalensis. “É posible que esteamos ante unha nova especie humana porque non encaixa co aspecto das que xa coñecemos”, asegura a antropóloga galega María Martinón Torres, directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) e participante nun estudo publicado na revista Journal of Human Evolution.

Entre os restos óseos atopados en Hualongdong, identificáronse fragmentos craniais dun individuo de entre 12 e 13 anos de idade. Isto aconteceu en 2019 pero ninguén detectara particularidades salientables. Non obstante, durante a posterior análise de restos óseos animais atopados na mesma cova atopouse un fragmento da parte inferior da mandíbula que encaixaba co cranio. Isto aconteceu en 2020, en plena pandemia, e ante as restricións de mobilidade, os restos analizáronse a través de técnicas dixitais e comparáronse con outras 83 mandíbulas de H. sapiens, H. erectus e H. neanderthalensis. Dende o CENIEH, tanto Martinón como o seu compañeiro José María Bermúdez de Castro, realizaron unha análise dos restos mediante microtomogragías, que permiten reconstruír en 3D os fósiles.

Características particulares

Grazas a este traballo descubriron que os fragmentos de mandíbula tiñan trazos anatómicos que se asemellaban aos humanos primitivos pero tamén aos modernos. “Os trazos antigos refírense sobre todo á robustez do corpo mandibular e os trazos máis derivados ou avanzados refírense a algunhas características, debilmente expresadas na parte anterior, que poderían anunciar un queixo”, explica a directora do CENIEH. O achado é de suma importancia, dado que o queixo é unha característica exclusiva dos H. sapiens. Os restos de Hualongdong non o manifestan, pero si que se atoparon algúns resaltes óseos que fan sospeitar que esta parte da cara xa se estaba empezando a desenvolver neste homínido. Amais disto, Martinón asegura que esta mandíbula encaixa nun cranio máis próximo ao que se entende como “cara moderna”. É dicir, máis plana e grácil que a de homínidos anteriores, como o H. erectus.

Os resaltes óseos da mandíbula fan sospeitar que o queixo xa se estaba empezando a desenvolver nese homínido

As principais hipóteses é que os restos de Hualondong pertencesen a pariente próximo ao H. sapiens ou, incluso, a un ancestro ata o de agora descoñecido. De todos modos, a antropóloga galega lembra as similitudes entre os fragmentos achados en China cos descubertos no xacemento de Jebel Irhoud, en Marrocos, na década dos 2000. “Hai semellanzas tanto na mandíbula como na cara. É unha combinación de caracteres que revela unha poboación humana que aínda non é H. sapiens, pero que xa presenta algúns trazos que parecen anticipar a súa orixe”, sinala Martinón. De feito, nun artigo de divulgación publicado hai uns días en Nature indicábase que os restos de ambos xacementos teñen unha idade similar e que “pertencen a un dos primeiros membros da linaxe evolutiva do H. sapiens“. De momento isto tan só é unha hipótese e precísanse máis análises e máis fósiles para a súa confirmación.

Pasos a seguir

Coas bases sobre a mesa, queda seguir dando pasos. Segundo detalla Martinón, agora realizarase un estudo detallado da dentición. Para iso, tanto a antropóloga galega como Bermúdez de Castro —investigador AdHonorem do CENIEH e codirector dos xacementos de Atapuerca— viaxarán a China en xaneiro e analizarán os restos fósiles depositados no Instituto de Paleoantropoloxía e Paleontoloxía de Vertebrados de Pekín. “Os dentes son particularmente útiles para estes estudos porque son xeneticamente moi conservadores, é dicir, que as diferenzas de forma e tamaño están determinadas xeneticamente e, polo tanto, as similitudes e diferenzas entre fósiles pódense utilizar como medida de proximidade ou de distancia xenética entre elas”, engade Martinón.

Este achado podería ser clave para despexar a incógnita sobre as especies humanas que habitaron esta rexión chinesa durante o Pleistoceno medio e tardío. Segundo os investigadores chineses que lideraron o estudo, a ocupación humana no leste de Asia durante este período é confusa. Así o recolle o artigo de Nature, que apunta a que esta rexión a habitaron “numerosas especies de homínidos arcaicos” pero dos que aínda se descoñece a súa vinculación cos humanos modernos. Para aclarar esta longa lista de interrogantes, haberá que esperar aos próximos pasos deste equipo conformado por chineses e españois. E, sobre todo, a esa análise da dentadura que, a máis de 15.000 quilómetros de distancia, tratará de poñer o seu gran de area para despexar a X e resolver a incógnita que aínda rodea as especies que nos precederon.


Referencia: Morphological and morphometric analyses of a late Middle Pleistocene hominin mandible from Hualongdong, China (Publicado en Journal of Human Evolution)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

María Martinón: “A ansiedade dáse porque o cerebro anticipa perigos incluso onde non os hai”

A paleoantropóloga ourensá advirte que a capacidade da nosa especie para influír no seu propio destino “pode ser un regalo ou unha maldición”

Os homínidos de Atapuerca chegarían á idade adulta aos catorce anos

Investigadores da Universidade de Burgos constataron que as poboacións dos xacementos presentaban un desenvolvemento dos molares relativamente temperán

Un neno recostado delicadamente, o primeiro enterramento humano de África

* Un artigo de Unha das características máis idiosincráticas do ser...

Mtoto: o neno enterrado en Kenya hai 78.000 anos

A paleoantropóloga galega María Martinón Torres asina o artigo que leva na portada a revista "Nature", que describe o achado nun xacemento de Kenia