A paleontropóloga galega María Martinón ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

A referente internacional recoñecida pola súa investigación en Atapuerca será académica na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso da paleoantropóloga María Martinón Torres como académica correspondente da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución. Na actualidade é directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CEHIEH) e codirectora das escavacións de Atapuerca. É un referente internacional no campo da paleoantropoloxía e a evolución humana.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas. Puxo de relevo o xeito da nova académica de entender a ciencia “non só como profesión, senón como compromiso vital co coñecemento e coa sociedade”. Nesta liña, destacou “a súa capacidade para comunicar a ciencia ao gran público”. En relación ao seu campo de estudo, sinalou que a investigación sobre a evolución humana permite comprender mellor a historia da humanidade. Por iso, sinala que “o estudo da evolución humana é unha forma de comprender mellor quen somos”.

Así, a RAGC incorpora unha investigadora de prestixio internacional nas súas filas, ademais de ser unha científica que entende a evolución humana como unha ferramenta para interpretar o presente e pensar o futuro, combinando coñecemento rigoroso con sensibilidade humanista.

Un discurso sobre a natureza humana

No seu discurso de ingreso, a doutora reflexionou sobre a natureza humana desde a Medicina e a evolución, “dúas disciplinas que permiten abordar unha das preguntas máis antigas e persistentes: que nos define realmente como especie?”. A esta cuestión responde que, lonxe da simplicación do ser humano como esencialmente bo ou violento, a investigación científica revela unha imaxe máis complexa da súa natureza. Nesta liña, puxo de relevo que “o rexistro fósil, a bioloxía evolutiva e a Medicina permiten observar como cooperación e conflito conviviron desde moi antigo na historia da nosa especie”. 

A través de restos fósiles procedentes dos xacementos da serra de Atapuerca, a nova académica ilustrou como a tensión entre o comportamento prosocial e a individualidade acompañaron á liñaxe humana desde as súas orixes. “Os restos humanos conservan pegadas tanto de violencia interpersoal como de coidado prolongado cara a individuos vulnerables, o que permite reconstruír non só a bioloxía, senón tamén as dinámicas sociais dos nosos antepasados”, explica a investigadora. Así, manifesta que Atapuerca se presenta como un “laboratorio privilexiado” para estudar e comprender a orixe da compaixón, a vulnerabilidade, a resiliencia e a complexidade dos vínculos humanos. Na súa intervención tamén destacou o papel da ciencia para enfrontarse á incerteza da condición humana: “A ciencia non elimina a incerteza, pero permítenos comprendela e habitar o presente con maior lucidez”.

A partir desta mirada ampla sobre o pasado humano, a investigadora expuxo unha idea central: “O ser humano non se define pola ausencia de contradicións, senón pola súa capacidade para xestionalas”. Así, sinalou que, nun mundo marcado pola incerteza, comprender quen somos grazas á evidencia científica é unha ferramenta poderosa. Dende esta perspectiva, reivindica un optimismo científico baseado no coñecemento: “Canto mellor entendemos quen somos, máis conscientes somos do que poderiamos chegar a ser”, conclúe.

As palabras de Ángel Carracedo, exprofesor da homenaxeada

O encargado de realizar a laudatio foi o académico Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. “Levo dando clases na facultade de Medicina da USC desde o ano 1978, de xeito que pasarían polas miñas mans algo máis de 20.000 alumnos, e, se tivese que quedar cun deles, sen dúbida sería con María”, afirmou. Lembra que a homenaxeada, logo de obter o premio extraordinario de fin de carreira, incorporouse ao seu laboratorio para aprender xenética de poboacións humanas. Foi o seu codirector de tese, que se centrou na análise evolutiva dos dentes dos homínidos do Pleistoceno da Serra de Atapuerca. Logo especializouse en Evolución Humana na Universidade de Bristol, que completou con estudos de Antropoloxía Forense na Universidad Complutense de Madrid e de Estatística na Politécnica.

“A súa ilusión xa de estudante era Atapuerca e, xa con esa bagaxe formativa, comezou a traballar no CENIEH, onde iniciou unha carreira imparable que a levou ao máis alto da súa especialidade. En pouco tempo converteuse en investigadora principal do Grupo de Antropoloxía Dental do centro, onde constituíu un equipo de investigación recoñecido internacionalmente como referente no campo da paleoantropoloxía dental, pioneiro na aplicación de técnicas de morfometría ao estudo dos dentes”, destacou Carracedo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo

A Academia de Ciencias entrega os seus premios ás mellores investigacións de Galicia

Sete equipos recibiron os galardóns por avances en diversos eidos, como o cancro, a sostibilidade e a mellora de procesos industrias