Un neno recostado delicadamente, o primeiro enterramento humano de África

Recreación do soterramento de Mtoto realizada por Fernando Fueyo.
Recreación do soterramento de Mtoto realizada por Fernando Fueyo.

* Un artigo de

Unha das características máis idiosincráticas do ser humano é a relación que establece cos mortos. A paleontoloxía e a arqueoloxía documentan un amplo abanico de formas de interaccionar cos que faleceron, pero non todas elas denotan igual grao de simbolismo ou intención.

Algúns destes comportamentos teñen unha finalidade máis funcional, como apartar os cadáveres para non atraer a depredadores, desarticular o corpo para facilitar o seu transporte ou aproveitalo nutricionalmente, o que tamén se coñece como canibalismo gastronómico.

Pero existen outros comportamentos que se apartan da “utilidade”, xestos que involucran máis recursos e tempo dos que serían necesarios para simplemente dispoñer dun corpo inerte. A utilización de forma repetida dun lugar, unha cavidade natural, por exemplo, de difícil acceso, protexida, para depositar aos que falecen, como é o caso do xacemento da Sima dos Ósos, en Atapuerca, transloce unha dedicación e un esforzo que se escapan do meramente práctico.

A partir de aí, na evolución dos homininos desprégase unha variedade de actos que revelan unha implicación cada vez máis intensa cara ao falecido. Cos enterramentos, a comunidade asume o esforzo de planificar, de escavar ou crear deliberadamente un lugar para depositar o corpo nunha posición e forma específica e premeditada, ás veces acompañado de obxectos ou ornamentos e, despois, selalo para protexelo.

Mtoto: o neno enterrado en Kenya hai 78.000 anos

Kenya, Alemaña, Burgos

O estudo dos ósos achados en Panga ya Saidi, un xacemento escavado polo Instituto Max Planck para a Ciencia da Historia Humana (Jena, Alemaña) e os Museos Nacionais de Kenya (Nairobi), permitiunos descubrir o enterramento humano máis antigo que se coñece en toda África.

Dada a extrema fraxilidade dos restos, os arqueólogos decidiron rescatar os ósos dentro dun bloque de sedimento que, durante máis de dous anos, escavouse manual e virtualmente –con técnicas de imaxe– nos laboratorios do Cenieh (Burgos).

Recreación do achado de Mtoto. Autores: Jorge González e Elena Santos / Cenieh.
Recreación do achado de Mtoto. Autores: Jorge González e Elena Santos / Cenieh.

Mediante a análise dos fósiles e a terra circundante fixemos a reconstrución forense do sucedido hai 78.000 anos. Un neno de apenas 3 anos de idade era enterrado con delicadeza nunha cavidade deliberadamente escavada para iso, envolto nun sudario, en posición encollida, sobre o seu costado dereito e cunha almofada baixo a cabeza. Trátase dunha tumba, si, pero o neno foi arroupado e disposto coma se estivese no seu leito, durmido. Para que? Por que se fai todo isto se xa non serve para nada? Precisamente por iso. Que non sirva para nada dalle todo o seu valor.

Na nosa especie, defenderse da morte deixou de ser un acto reflexo e converteuse nun acto reflexivo. Vivimos cunha vontade terca por domesticar a morte, por combatela, por previla, por atrasala. E cando sucede, cando xa non hai volta atrás e a morte deshabita o corpo dun ser amado, entón, a Homo sapiens aínda lle queda o orgullo de non agochar a cabeza e decide seguir tratando aos mortos –aínda que estean mortos– coa consideración coa que tratamos aos vivos: con delicadeza, con respecto, con compaixón. Con esa parte da nosa vida, a morte non pode. E a noción desa pequena vitoria dános algo da paz que a morte nos arrebata.


* María Martinón Torres é directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (Cenieh).

Cláusula de divulgación: a autora non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.