No ano 2010, un equipo internacional de arqueólogos comezou a escavar no xacemento de Panga ya Saidi, en Kenya. “En canto visitamos Panga ya Saidi por primeira vez, soubemos que era especial”, afirma Nicole Boivin, científica do Instituto Max Planck para a Ciencia da Historia Humana e unha das investigadoras principais do proxecto que hoxe levou o seu traballo á portada da revista Nature, xa que nel se describe o enterramento humano máis antigo de África. Alí repousaban, desde había 78.000 anos, os restos de Mtoto, un neno falecido con entre 2 e 3 anos de idade.
En 2013 atopáronse os primeiros fragmentos de óso, pero non sería ata a escavación de 2017 cando a cavidade na que se achaba o corpo quedou completamente exposta. Tratábase dunha cavidade circular situada a uns tres metros por baixo do solo actual da cova, rechea de sedimento e unha acumulación de ósos fráxiles e moi degradados. Dada a súa delicadeza, o bloque foi estabilizado para continuar o seu estudo.
“Nese momento, non estabamos seguros do que atoparamos. Os ósos eran demasiado delicados para estudalos in situ”, sinala Emmanuel Ndiema, dos Museos Nacionais de Kenya. “Estabamos entusiasmados co achado, pero pasaría un tempo antes de que comprendésemos a súa importancia”.
Unha vez estabilizado, o bloque viaxou de Nairobi a Alemaña. A directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (Cenieh), María Martinón Torres (Ourense, 1974), contaba este mércores a Materia que subiu a un tren rexional, e logo a un avión de Múnic a España, levando a caixa na que estaban os restos, dos que pouco se sabía naquel momento. Xa en Burgos, o equipo do Cenieh comezou un delicado traballo: comezar a escavar o bloque, evitando danalo, e estudalo mediante técnicas de cartografía dixital, microscopía e microtomografía computarizada.
O que agromaban eran dous dentes, xa visibles durante a escavación que se fixera nos Museos Nacionais de Kenya, en Nairobi. Parecían ósos humanos, o que se confirmou coas análises realizadas. Pero aqueles restos contaban unha historia que ía moito máis alá.
Durante máis dun ano, a responsable do Laboratorio de Conservación e Restauración do Cenieh, Pilar Fernández-Colón, traballou na minuciosa escavación do bloque de sedimento, coa dificultade engadida da extrema fraxilidade e consistencia dos ósos. “Comezaron a perfilarse partes do cranio e a cara, coa articulación intacta da mandíbula e algúns dentes cuxa raíz aínda non se formou”, explica María Martinón-Torres. “A articulación da columna vertebral e as costelas tamén se conservaba, e mesmo se mantiña a curvatura da caixa torácica. Todo isto apuntaba a que se trataba dun enterramento deliberado e que a descomposición do corpo acontecera na mesma cavidade na que se acharon os ósos”.
Depositado e cuberto nun posible rito
A análise microscópica dos ósos e do solo circundante confirmou que, tras ser depositado na cavidade, o corpo fora cuberto con terra rapidamente, protexéndoo así da deterioración e a desarticulación. Mtoto estaba en posición flexionada, cos xeonllos cara ao peito, recostado sobre o seu lado dereito. A evidencia taxonómica apunta ao uso dun sudario ou a un enterramento en terra densamente apertada.
Aínda máis importante, como sinala Martinón-Torres, é que “a posición e rotación da cabeza suxire a utilización dun soporte perecedoiro, a modo de almofada, o que indica que a comunidade puido involucrarse nalgún tipo de rito funerario“.
A pesar de que África é considerado o berce da modernidade biolóxica e cultural, as primeiras evidencias de enterramentos neste continente son escasas e, a miúdo, ambiguas. Así, a orixe e desenvolvemento das prácticas mortuorias en África, segue sendo un misterio. Este estudo, por tanto, contribúe con novos datos ao noso coñecemento sobre como as poboacións da Idade de Pedra Media interactuaban cos mortos.
Datación
A datación por luminiscencia sitúa a Mtoto en 78.000 anos de antigüidade, polo que representa o enterramento humano máis antigo coñecido en África ata a data. Os enterramentos posteriores da Idade de Pedra en África tamén inclúen a persoas mozas, o que suxire un tratamento especial dos corpos dos nenos neste período da prehistoria.
Os restos humanos foron atopados en niveis arqueolóxicos con ferramentas líticas pertencentes á Idade de Pedra Media africana, un tipo de tecnoloxía coñecida como MSA e que se vinculara con varias especies de homininos. “A asociación entre o enterramento deste neno e as ferramentas da Idade de Pedra Media xogou un papel crucial á hora de demostrar que Homo sapiens foi, sen dúbida, o fabricante desta industria”, sinala Emmanuel Ndiema.
This week on the Nature cover: Interred in Africa. Remains represent the continent’s earliest known burial of a modern human. Browse the issue here: https://t.co/QL3NutlvPD pic.twitter.com/yAadk3AKSG
— Nature (@nature) May 5, 2021
Aínda que o descubrimento de Panga ya Saidi representa a evidencia máis antiga dun enterramento intencional en África, as evidencias funerarias de neandertais e humanos modernos en Eurasia son máis antigas —remóntanse aos 120.000 anos— e inclúen adultos e unha proporción importante de nenos e novos. O motivo da falta de enterramentos con cronoloxías equivalentes en África segue sendo un misterio e podería reflectir diferenzas nas prácticas mortuorias entre continentes ou a necesidade dun traballo de campo máis exhaustivo nalgunhas rexións do continente africano.
“O enterramento de Panga ya Saidi mostra que a inhumación dos mortos é unha práctica cultural compartida por Homo sapiens e neandertais”, sinala Michael Petraglia, do Instituto Max Planck. “Este achado expón novos interrogantes sobre a orixe e a evolución da cultura da morte en dúas especies humanas estreitamente relacionadas, e en que grao o noso comportamento e as nosas emocións eran diferentes”.
Referencia: Earliest known human burial in Africa (Publicado en Nature).