Un piar fundamental no sistema de saúde

Coincidindo coa celebración este pasado 25 de setembro do Día Mundial do Farmacéutico baixo o lema Fortalecendo os sistemas sanitarios cos farmacéuticos, queremos destacar o papel fundamental que desempeñan os farmacéuticos na sociedade galega, desde o deseño e o desenvolvemento de novos medicamentos de uso humano e veterinario, a súa produción, rexistro e aprobación, distribución, a súa dispensa, e asesoramento aos pacientes ata a monitorización da súa seguridade e o seu impacto no medio ambiente.

A oficina de farmacia é moito máis que un establecemento onde se dispensan medicamentos. É un piar fundamental nas nosas comunidades facendo accesibles os medicamentos a toda a poboación e ofrecendo consello e asesoramento sanitario. Nas cidades e, sobre todo, nas vilas, a súa mera presenza serve como elemento de cohesión. Os farmacéuticos achegan os veciños á rede sanitaria e contribúen a mellorar a saúde de poboacións vulnerables. Isto é especialmente relevante en Galicia, onde á dispersión xeográfica únese un gran envellecemento da poboación.

Publicidade

Os profesionais farmacéuticos que desenvolven a súa actividade nas oficinas de farmacia da nosa comunidade representan a metade dos aproximadamente 10.000 farmacéuticos existentes en Galicia. A outra metade traballa en farmacias hospitalarias, análises clínicas, saúde pública, industria e distribución farmacéutica, óptica e acústica, alimentación, dermofarmacia, ortopedia, e universidades e centros de investigación. Galicia destaca pola excelencia da investigación e a innovación no ámbito do medicamento e os produtos sanitarios, cunha intensa actividade centrada en atopar respostas personalizadas ás necesidades de cada paciente.

Un traballo que apoiamos e impulsamos desde a Real Academia de Farmacia de Galicia a través da promoción da investigación, a formación continua e a difusión de coñecementos que potencian o avance da Farmacia e ciencias afíns. Con este foco a nosa institución quere servir como punto de encontro para todos os sectores da sociedade con inquedanzas na mellora da saúde das persoas, os animais e os ecosistemas.

Publicidade


*Ángel Concheiro é o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha terapia xénica creada en Galicia abre novas vías para tratar un dos tumores cerebrais máis agresivos

A investigadora Carla García Mazás recibe un premio da Real Academia de Farmacia polo seu innovador traballo na loita contra o glioblastoma

Pioneiras da bata branca: a historia das primeiras farmacéuticas de Galicia

Con motivo do Día Mundial do Farmacéutico, o catedrático en Historia da Farmacia Antonio González Bueno reconstrúe o percorrido académico, profesional e persoal daquelas que obtiveron o grao en Galicia antes da Guerra Civil

César de la Fuente: “Atopamos novos antibióticos en animais extintos como o mamut”

O biotecnólogo coruñés ingresa na Real Academia de Farmacia de Galicia pola súa ampla traxectoria na busca de solucións contra as superbacterias

Unha investigadora galega deseña próteses en 3D para integrar no tecido óseo

Ana Mejuto vén de gañar un áccesit da Real Academia de Farmacia por un artigo da súa tese doutoral sobre implantes 3D